martes, 30 de agosto de 2011

Galicia fixo festa dende os concellos


A asamblea dos municipios galegos celebrada en 1932 rematou a elaboración do primeiro Estatuto de autonomía de Galicia, acollido "con entusiasmo" por membros de todas as capas sociais e aprobado en referendo tres semanas antes do golpe de Franco
DAVID LOMBAO 25/07/2011 - 20:00 h.
 “O seu obxecto é transcendental para o porvir de Galicia. Estamos nun momento de amplos horizontes e de grandes facilidades para conseguir un réxime de propio goberno”. “Xa o sabedes, pois, Concellos de Galicia. O voso deber é acudir á Asemblea de Santiago, e alí, pensando na vosa responsabilidade histórica, traballar por Galicia, forxar a Carta da súa nova vida, para fortalecela despois mediante o instrumento democrático dun plebiscito popular”. O 1 de novembro de 1932, trece alcaldes galegos animaban deste xeito os seus homólogos do conxunto de Galicia a acudir a Compostela o día 17 do seguinte mes para, alí, “deliberar sobre o problema da autonomía rexional e facer, no seu caso, a proposta de Estatuto que será sometido á votación do País galego e á aprobación das Cortes da República”.
Esta xuntanza non xurdira de xeito espontáneo. Ben ao contrario, era o resultado de anos de movementos autonomistas que viran aberta a posibilidade de concretárense en leis coa chegada da II República. Xa na primavera de 1931, no inicio do novo réxime político, os deputados electos polas catro provincias galegas formaran nas Cortes republicanas unha comisión para bosquexar un Estatuto que, segundo explicaba Alfonso Daniel Rodríguez Castelao dende o exilio en 1948, recollía, en boa medida, as liñas xerais do anteproxecto estatutario elaborado polo Seminario de Estudos Galegos nese mesmo ano, un documento que, detalla, incluía un “estudo da cuestión económico-fiscal” elaborado por Alexandre Bóveda. Nel “demostra con números irrebatíbeis que o réxime de autonomía integral era conveniente”.
O avanzado neses traballos previos púxose sobre a mesa nunha asemblea preparatoria do propio cónclave dos concellos, o 3 de xullo do propio 1932. Cun regulamento redactado por Enrique Rajoy Leloup, avogado e concelleiro en Compostela –e avó do actual presidente do PP–, a esa xuntanza foron convocados os deputados galegos das Cortes, alcaldes, “os partidos políticos organizados en Galicia”, cámaras de comercio, Sociedades de amigos do país, a universidade e as sociedades agrarias.
Os documentos da época permiten observar que, ademais dun acto político e técnico, os organizadores quixeron converter a asemblea preparatoria no primeiro acto social a prol do Estatuto. Por iso, ademais das xuntanzas celebradas no paraninfo da universidade tamén se organizou un plenario aberto ao público e á prensa no Pazo de Raxoi, un “acto en honra dos asembleístas forasteiros” no céntrico Hotel Compostela, que incluíu unha actuación da banda municipal, e un “xantar popular” polo que todos os asistentes, agás os xornalistas, tiveron que pagar 15 pesetas.
A ASEMBLEA DE CONCELLOS
Igual que a preparatoria, a asemblea de concellos foi tamén reflexo da vontade da ampla maioría dos políticos da época, cun espectro de consenso que ía moito máis alá do Partido Galeguista. Fronte á posibilidade de elaborar un Estatuto dende arriba, unha década despois Castelao explicaba que a intención pasaba por implicar a “todas as forzas vivas do país”.
Para dar fe do que alí ía acontecer, o secretario da comisión organizadora do encontro, o xornalista, escritor e funcionario do Concello Arturo Cuadrado, encargoulle ao notario Manuel Banet que “recollese en acta os acordos que se tomasen na asemblea”, un encargo que aceptou como un “honroso requerimento”. É ese escrito notarial o que permite coñecer en detalle o acontecido alí, dende os actos previos ata as emendas ao Estatuto.
Co salón de actos da Facultade de Medicina compostelá como escenario, a Asemblea de Concellos da que sairía o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia comezou coa interpretación dos himnos de Galicia e da República, así como con discursos de benvida de, entre outros, o alcalde de Pontevedra e presidente da Asemblea, Bibiano Fernández Osorio Tafall, ou Antón Vilar Ponte.
Malia á existencia dun clima político e social radicalmente diferente ao da actualidade e aínda que o espírito de consenso era abondoso, o acontecido na Asemblea permite concluír que algunhas das controversias latentes actualmente en Galicia xa estaban presentes, caso por exemplo do localismo. Como aconteceu no inicio da actual autonomía, un dos puntos discordantes chegou pola banda do alcalde coruñés, Manuel Iglesias Corral, favorable a que, no artigo referente á cidade na que se situaría a futura Asemblea –o Parlamento–, figurase A Coruña como capital.
Esta reclamación, apoiada tamén por outros concellos de inferior tamaño deu lugar á intervención dos representantes dos partidos políticos. Atendendo ao reflectido na acta notarial, unha das intervencións máis enérxicas foi a pronunciada por Valentín Paz-Andrade que, “en nome do Partido Galeguista, pediu á Asemblea serenidade para non deixarse influír por ningunha tendencia localista e excitou a todos á concordia polo ben de Galicia”.
APROBACIÓN E COMITÉ CENTRAL DE AUTONOMÍA
Alén de diverxencias puntuais, o momento da votación amosou que o apoio dos concellos ao Estatuto era practicamente unánime. Con ningún pronunciamento en contra, dos 209 concellos presentes, 176 deron o seu voto afirmativo e 33 acolléronse ao seu dereito de “reservarse quince días”
para decidir.
Unha vez pasado o trámite da votación, o derradeiro acto da Asemblea converteuse no primeiro da gran campaña a prol da autonomía, cunha “solemne sesión de clausura” transmitida a través do teléfono “ás repúblicas suramericanas, dedicada ás numerosas colonias de galegos que alí residen”. Deste xeito, do outro lado do Atlántico puidéronse escoitar os discursos de, entre outros, Enrique Rajoy e Osorio Tafall, os himnos e as campás da catedral.
Comezaba neste intre o traballo do Comité Central da Autonomía con dous labores fundamentais: realizar os trámites ante o Goberno da República para poder celebrar o referendo e organizar a campaña a prol da autonomía. O primeiro dos cometidos non foi doado, segundo lembraba Castelao en 1948. Os representantes galegos atoparon retesías nas autoridades do Goberno central aínda que remataron por promulgar un decreto, en maio de 1933, que daba vía libre ao comité para chamar ás urnas aos galegos, cun censo de 1,3 millóns de persoas sobre os 2,4 millóns de habitantes de Galicia.
Non obstante, o camiño do referendo ía atopar un obstáculo. A vitoria da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) nas eleccións de novembro dese mesmo ano deron lugar ao coñecido como Bienio Negro, un período no que, segundo Castelao, “a verba Estatuto significaba desterro”. Foi ese o motivo polo que “os galeguistas nos xuramentamos para gardar silenzo, a ver se o Goberno se esquecía de derrogar” o decreto que permitía convocar o referendo.
Ese esquecemento produciuse e o PG chegou ás eleccións xerais de febreiro de 1936 integrado na Fronte Popular e cunha consigna clara, a de reactivar de inmediato o proceso autonómico, unha reivindicación que foi ben acollida e activada de inmediato polo Comité Central da Autonomía que, a mediados de maio, decidía solicitar do novo Goberno da República a autorización para celebrar o referendo, fixado para o 28 de xuño.
CAMPAÑA DE LABREGOS, POLÍTICOS E ARTISTAS
Con apenas un mes de marxe, o único paso previo ao plebiscito era despregar unha intensa campaña de animación autonomista na que, xunto aos políticos, se implicou o groso dos intelectuais e artistas da época, pero tamén cidadáns sen cargo ningún.
Un dos poucos testemuños vivos daquela campaña, o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo, lembra unha cidadanía “entusiasmada” ante a perspectiva “dunha Galicia nova, máis solidaria, máis progresista, máis xusta e máis culta”. El mesmo, con apenas 22 anos, integrouse dende o primeiro momento na “intensísima” campaña animada en boa medida polo Partido Galeguista, unha formación que, polo seu “tremendo activismo”, facía que os seus membros “parecesen moitos máis dos que eramos”.
O labor de Pousa Antelo pode ser boa mostra do desenvolvido por moitos mozos da época, nos que “a novidade da República prendeu rapidamente”, explica. No seu caso, a propaganda a prol do Estatuto desenvolveuna ao carón dun grupo das Xuventudes Socialistas Unificadas no que figuraba “un rapaz que parecía un crío, Isaac Díaz Pardo”. Dende a súa casa de Teo, Pousa Antelo lembra que o daquela alcalde de Santiago, o galeguista Ánxel Casal, puxo á disposición da campaña “o primeiro coche do servizo de limpeza” da cidade e, montados nel, desenvolveron toda unha “tournée” que comezou en Catoira e chegou ao entorno de Compostela.
Con dúas “buguinas de cartón, a megafonía daquel tempo”, este grupo de mozos atopaban aplausos nas vilas “mesmo antes de empezar a falar”, simplemente “por ser os do Estatuto, os da autonomía”, lembra cun sorriso. Así e todo, algúns dos daquela escasos “opostos” á autonomía tiñan a “consigna” de rebentar os mitins da campaña con berros contra o Estatuto. Un deles tentou levar a súa oposición ao mitin de Muros no que, por quenda, lle tocaba falar a Pousa Antelo, que optou por aplicar a “lección” que pouco tempo antes aprendera de Ramón Suárez Picallo nos mitins das arengas, os actos políticos e lúdicos organizados polo PG polo 25 de xullo.
Nun deses actos, lembra, “un catedrático de universidade, que ademais era un facha popular en Santiago”, interrompeu o discurso de Suárez Picallo “berrando ‘Viva España!”, o que creou unha crecente indignación entre os concentrados. “Déixademo”, berrou o galeguista para, a continuación, proclamar: “Se ese viva España que vén dicir en plan provocador este langrán é a España republicana, da liberdade, do progreso e da cultura, eu son o primeiro en berrar ‘Viva España!’, pero se é a España negra e da represión, eu digo que morra esa España”. Pousa Antelo non dubidou e, ao escoitar o seu propio provocador en Muros, repetiu as verbas de Suárez Picallo: “Case me sacan a ombros!”, ri.
Entre carteis deseñados por Castelao, Camilo Díaz Baliño ou o propio Isaac Díaz Pardo, a campaña acadou uns niveis de adhesión popular que Pousa Antelo eleva á categoría de “milagre”, cun clima festivo que eclosionou definitivamente o día da aprobación do Estatuto por 993.351 votos a favor fronte a apenas 6.000 en contra. Setenta e cinco anos despois, Avelino Pousa Antelo cre “dificilísimo” que Galicia puidese vivir agora “algo parecido” ao acontecido naqueles días de 1936. Mostra disto é para el a “frialdade” coa que naceu o vixente Estatuto de Autonomía, “improvisado” por “moitos” que “non eran galeguistas nin autonomistas”. Para o histórico galeguista, na Galicia actual sobran “politicastros” e “ningunha marca política” é quen de xerar a “esperanza” do Estatuto do 36.

Ningún comentario:

Publicar un comentario