No proxecto de Estatuto do 36 os xornais máis importantes enchían as súas primeiras con proclamas que alentaban os galegos a votar favorablemente
RAQUEL MARTÍNEZ 25/07/2011 - 20:00 h.
Opasado 28 de xuño cumpríanse setenta e cinco anos do plebiscito que, con case un millón de votos afirmativos e apenas seis mil negativos, encamiñaría a Galicia na senda estatutaria. O 15 de xullo dese mesmo ano, dous intelectuais galegos acudirían ás Cortes –estatuto referendado na man– co obxectivo de presentarllo ao seu presidente e comezar así o seu trámite de aprobación. No entanto, tres días despois, o estalido da Guerra Civil frustraba as ansias de velo executado que tiñan miles de galegos e, sobre todo, estes dous artistas que acudiran á súa entrega. Un deles era Gómez Román. O outro, Castelao. Benquerido xa entre os galeguistas da época polas súas obras vinculadas á causa galega, destacaban naquela época os numerosos carteis que Castelao realizara xunto con Luís Seoane ou Camilo Díaz Baliño, entre outros, para defender a necesidade dun estatuto para Galicia coa que forxar esa identidade tan necesaria para os galegos.
As iniciativas dos intelectuais da nosa terra ían moito máis alá. Naquela época, un dos sectores máis mobilizados á hora de espallar o ideario galego foi a prensa. Hai que ter en conta que daquela, outros medios como a radio non eran accesibles a todos os cidadáns como podían selo os xornais. Conscientes da importancia da súa difusión para contribuír á causa e aproveitándose da popularidade da que gozaban, cabeceiras tan importantes da época como El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, El Compostelano ou El Heraldo de Galicia enchían as súas páxinas con chamativas proclamas que alentaban aos cidadáns a volcarse na aprobación do Estatuto. Primeiras como a de El Pueblo Gallego tentaban persuadir alegando que Galicia “non abondaba con ser fermosa, senón que recisaba ser libre”.
O compromiso era tal que en moitas das primeiras mesmo se podía dicir que os xornais obrigaban os galegos a votar favorablemente, tachando de traidores a aqueles que non o fixesen e cualificando a abstención de pecado.
Pero chegou a Guerra Civil e todas estas publicacións que tanto contribuían non só ao galeguismo, senón tamén a fomentar a cultura entre a poboación, viron ameazadas e mesmo castigadas as súas accións. Deste xeito, os principais diarios desaparecen do plano galego pero non así dos territorios aos que acudían os artistas e escritores exiliados. Así, seguiuse loitando a través de xornais publicados máis alá do mar de xeito tanto ou máis activo que antes do alzamento. Aséntanse focos de inmigrantes nas principais cidades de América Latina que continúan o labor xornalístico. Exemplo disto foron A Nosa Terra ou Galicia emigrante, a gloriosa empresa de Luís Seoane en Bos Aires na que comezou a explorar as posibilidades expresivas da prensa da emigración. No seu cometido, decidiu ir máis aló do carácter divulgativo e de nexo integrador ao servizo da colectividade para desenvolver tamén as súas posibilidades como instrumento didáctico e de toma de conciencia política.
A revista Vieiros, dirixida por Luís Soto no seu exilio en México, é unha das publicacións culturais mellor coidadas do exilio español e nas súas páxinas reuníronse as firmas dos intelectuais galegos máis importantes tanto do interior como da diáspora. A figura de Soto foi moi importante no mantemento da prensa galega naquela época. A carga política, propagandística e cultural das súas publicacións é notable e dá lugar a outros diarios a valorar nesta etapa como Saudade. Verba galega nas Américas, que tiña carácter nacionalista e contido eminentemente cultural, aparecendo entre as súas páxinascolaboradores como Rodríguez de Bretaña, Caridad Mateo ou Carlos Velo, entre outros moitos. Tamén cobra moita importancia a prensa partidista, que dende a posición do exilio seguiu defendendo a causa republicana e antifascista con xornais como Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, Nova Galiza –fundado por Castelao– ou o Correo Literario.
Aquí, no entanto, e por suposto dun xeito clandestino, continuaban a traballar dende a sombra e cos perigos que iso acarreaba, moitos galegos comprometidos coa causa. E facendo referencia a estas publicacións de partido, unha das mais importantes sería Terra e Tempo, o diario clandestino da UPG.
Nas últimas fases do franquismo aparecía unha moi pequena apertura para a cultura galega nos medios, xurdían editoriais como Galaxia e a publicación La Noche facíase importante. Nela déronse a coñecer as novas xeracións de galeguistas máis importante da época e é nela onde Pedrayo consegue colocar algunha que outra columna en galego.
E coa chegada da Transición chegou a agardada liberación do galego e das publicacións. Xurdían novas revistas, xornais, editoriais e novas xeracións de escritores que buscaban volver a darlle pulo ao noso patrimonio cultural. No 81 aprobábase o Estatuto tan ansiado para o pobo galego. Galicia conseguía por primeira vez un recoñecemento fronte ao resto da península e aí estaba a prensa para proveitar o momento. Pero co paso do tempo cada vez máis voces apelaban á necesidade dun novo documento. En datas coma hoxe, 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, son moitos os que aproveitan para manifestar as ansias dunha renovación do Estatuto, entre eles a prensa galeguista, que buscando unha mellora para a patrimonio do país avogan por un xornalismo de calidade que achegue á poboación o mellor da nosa cultura.
Tristemente coincide cun momento no que a prensa pasa por unha época de crise. Cada vez son máis os xornais da nosa terra e na lingua propia de Galicia que están a desaparecer: Vieiros, A Peneira, A Nosa Terra e recentemente Galicia Hoxe. Entre a crise e os intereses duns poucos, pretenden conseguir que os galegos queden sen medios a través dos cales seguir facendo fronte aos problemas que os asoballan. Porén, como nos peores tempos políticos, hai que manter a esperanza na prensa como construtora da identidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario