venres, 12 de agosto de 2011

Xénova, o cume que mudou as protestas


O que ía ser unha protesta antiglobalización pacífica en Xénova acabou co asasinato do mozo Carlo Giuliani. Dez anos despois, segue sen haber unha condena
CRISTINA AMIGO | 31/07/2011 - 20:00 h.
o movemento antiglobalización reuniu na cidade italiana de Xénova máis de 200.000 persoas. O que se esperaba que fose unha protesta pacífica, un contracume ao dos oito países máis poderosos do mundo, acabou coa morte do mozo de 23 anos Carlo Giuliani, abatido pola policía. Centos de persoas resultaron feridas nunha cidade que acabou sumida no caos dunha batalla campal.
Xénova estaba cercada, dividida en zonas de seguridade, mentres máis de 20.000 axentes custodiaban o centro onde se ía a celebrar o cume do G-8. Segundo Amnistía Internacional (AI), as cargas policiais contra os manifestantes foron “a máis grave suspensión dos dereitos democrácticos nun país occidental tras a II Guerra Mundial”. Dez anos despois, Nicola Duckworh, directora do Programa de AI para Europa e Asia considera que “as investigacións foron escasas e as autoridades italianas seguen sen condenar e ofrecer unha desculpa pública polos malos tratos infrinxidos aos manifestantes”. Houbo varias sentenzas xudiciais condenando o estado italiano por abusos, pero máis de 250 casos foron arquivados ante a imposiblidade de recoñecer o policía concreto que cometera o abuso.
Unha década despois, o aniversario dos acontecementos de Xénova está máis vivo ca nunca, dadas as fortes turbulencias económicas e os ventos de revolución que chegan desde o mundo árabe. Xénova marcou un punto e á parte na forma de protestar e os herdeiros daqueles tempos son agora os indignados de Grecia e España. Segundo Pablo Iglesias Turrón, profesor de Ciencia Política e activista antiglobalización, o ataque policial que sufriu ese contracume “logrou estrangular o espazo político da desobediencia como forma de intervención a medio camiño entre a violencia e a participación convencional”. Os activistas reformuláronse entón o xeito de facer protestas e a efectividade das grandes manifestacións nos centros de representación do poder. O movemento altermundialista decidiu baixar ao local. E é aí onde se entronca co Movemento 15-M, que, no entanto, si conta co apoio de máis do 80% da poboación. Agora, máis ca nunca, rexorde con forza o lema “Outro mundo é posible”.
OS FEITOS
A de Xénova foi a maior manifestación do movemento antiglobalización contra a reunión do G-8, logo dun ano de protestas: Porto Alegre, Gotemburgo e Barcelona, Salzburgo. En todas elas xa houbo enfrontamentos coa policía, pero con Xénova a polémica comezou xa meses antes, cando as autoridades recomendaron aos habitantes abandonar a cidade esa fin de semana.
Foron enviados 2.700 policías e militares e a cidade foi dividida en zonas: Zona rossa, onde se mantería o cume do G8, absolutamente reservada e amurallada con colectores; Zona gialla, ao redor da zona vermella,con acceso limitado; e o resto da cidade, á que, a priori, podíase acceder libremente. Pero, en realidade, a entrada a toda a cidade fíxose complicada. Pechouse a estación de tren, o porto e o aeroporto Cristóbal Colón e colocáronse postos de control nas estradas. Ademais, trasladouse a Xénova o instrumental necesario para deshabilitar os móbiles.
Antes do cume houbo avisos de bomba, a maioría falsos, aínda que si dous paquetes reais: un feriu un policía e outro a secretaria do xornalista Emilio Fede. Neste marco creouse o Foro Social de Xénova, para coordinar os 700 grupos que ían manifestarse. Para aloxalos habilitáronse escolas.
O primeiro día desenvolveuse unha pacífica manifestación reivindicando os dereitos dos inmigrantes extracomunitarios, na que participaron cidadáns, políticos e axentes sociais. Houbo unhas 50.000 persoas. Mentres tanto, continuaban chegando a Xénova grupos organizados, coa vista posta no venres e o sábado. Foi precisamente o venres –había previstas oito manifestacións por toda a cidade– a xornada máis violenta, cando Carlo Giuliani foi asasinado.
Por Via Tolemaide pasaba a manifestación autorizada dos Tute Bianche, cunhas cen mil persoas. A cabeza da protesta estaba protexida por grandes escudos de plástico e diante deles estaba un grupo de mediación coa policía, formado por portavoces do Foro Social de Xénova. Mentres esta manifestación entraba en Via Tolemaide, uns 300 carabinieri a pé, en blindados e en camionetas entraron por erro a esa rúa. Cando a manifestación quedou bloqueada, comezaron os disturbios. Segundo os xornalistas e as imaxes mostradas no xuízo, lanzáronse dúas ou tres pedras, “posiblemente desde unha ponte próxima por xente allea á manifestación”. Pero a policía iniciou inmediatamente un lanzamento masivo de gas lacrimóxeno para despois realizar unha forte carga contra os manifestantes. Os violentos tomaron a protesta. Foi un primeiro aviso do que despois pasaría na Piazza Alimonta.
Ás cinco da tarde chegou a esa praza unha compañía de carabinieri comandada por Claudio Cappello, acusado de torturas durante a misión italiana en Somalia, e que volveu cargar contra os manifestantes. Segundo a versión oficial, había temor a que os manifestantes atacasen as forzas da orde, a pesar de que, en fotografías da praza non se daba ningún signo de hostilidade. Durante a investigación púxose de manifesto que esa carga pechou todas as vías de escape aos manifestantes. E comezaron os disturbios. Un Land Rover, con tres mozos militares a bordo, apagouse de forma inesperada. Uns quince manifestantes empezaron a golpear o coche. E un deles, cuberto cun pasamontañas e identificado máis tarde como Carlo Giuliani, achegouse alzando un extintor, cando recibiu un disparo efectuado desde o seu interior.
Tras os sucesos do día anterior, o Foro Social de Xénova decidiu convocar unha gran manifestación unitaria e pacífica, á que acudiron entre 250.000 e 300.000 persoas e que se converteus nun acto de homenaxe á memoria de Carlo Giuliani. Pola noite, a escola Díaz, onde estaban aloxados activistas e xornalistas, sufriu un violentísimo rexistro policial. Decenas de antidisturbios derrubaron a porta da escola e golpearon con violencia aos que alí estaban durmindo. Houbo 63 feridos e foi o punto e final dunha protesta que mudou o xeito de manifestarse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario