xoves, 4 de agosto de 2011

Fusilado por chamarlle “sarasa” a Franco


O barbeiro monfortino Faustino Vázquez Carril, que foi obrigado a combater no bando nacional, recolleu nun diario de guerra o asedio a asturias en 1936, o que lle valeu a vida.
DANIEL PRIETO 03/07/2011
“Franco, en vez de marcarnos cara al sol con el sable desenvainado y montado en un brioso corcel de pura raza española el camino de una nueva España que cree conseguido, nos señaló el de la perdición de nuestra querida y amada patria”. Este texto, escrito polo soldado de reemprazo Faustino Vázquez Carril o 2 de setembro de 1936, en pleno campo de batalla, custoulle ao seu autor a morte. Mená, como lle chamaban todos os seus amigos, naceu en 1914 no municipio lucense de Monforte de Lemos e viuse na obriga de combater no bando nacional. Durante os tres meses nos que permaneceu na fronte para “reconquistar” Asturias, elaborou un diario de campaña coa intención de “poner al descubierto el día de mañana todas las infamias cometidas por las fuerzas que luchan en pro del Capital y de la Religión”. Tras o éxito do golpe militar nas provincias galegas, o control de Asturias “a roxa” converteuse nun obxectivo prioritario para os rebeldes, debido á inferioridade na que se instalou o xeneral Aranda tras sublevarse na capital, Oviedo, cercada por unha Asturias fiel á Segunda República.
Nos escritos, que titulou Apuntes de mi blok. Diario bélico de la Guerra Civil española (1936-37), Faustino ofrece unha visión pouco común do conflito armado xa que describe a situación desde o interior das temibles columnas galegas que avanzaban cara a capital do Principado pola fronte occidental. O monfortino cualifica a Franco de “señorito sarasita” e “mariquita”por “llevar al sepulcro a millares de infelices” e alude ao “terror” e ás “miserias espeluznantes” da guerra. Co seu testemuño buscaba tamén “un desafogo interior ao conflito persoal que se lle presentaba ao estar enrolado nun dos dous bandos en loita, coñecedor do que estaba ocorrendo neste”, sinala o historiador Emilio Grandío, quen recentemente publicou un estudo sobre esta vítima da represión: Las columnas gallegas hacia Oviedo. Diario bélico de la la Guerra Civil española (1936-37). “Faustino foi un máis dos homes que se viron arrolados pola historia, por un presente no que a saída máis satisfactoria residía en adaptarse como se puidera” fronte ao “tsunami de violencia” daqueles tempos, explica.
Faustino Vázquez era o sexto dos nove irmáns do matrimonio formado por Basilisa Carril Rojo e José Ramón Vázquez Gayoso. O seu pai chegou a ter unha pequena empresa de calzado cunha ducia de empregados ao seu cargo, pero os recursos para manter á súa prole non eran suficientes e dous dos seus fillos emigraron a Arxentina, como era habitual. Faustino, que se criou no barrio monfortino de Santa Clara, “tivo o privilexio” de estudar no colexio dos Escolapios ata os 15 anos, o que lle permitiu adquirir unha “educación notable” e a impecable caligrafía que reflicte o seu diario, salienta Grandío.
Durante eses anos aséntase no seu interior a súa vontade de exercer de xornalista e convértese nun voraz lector. Nos seus escritos cita aos escritores Pío Baroja, Mata e Eduardo Zamacois, así como ao historiador Gilbert Murray e ao poeta Curros Enríquez, entre outros. Tras deixar a escola comezou a traballar como aprendiz de barbeiro e milita en equipos modestos de fútbol, a súa outra gran paixón. Combinando as súas dúas aficións colaborou co xornal coruñés El Eco Deportivo. Pero a súa vehemencia levouno a que o periódico monfortino El Combate rexeitara unha entrevista que lle realizou a un presidente dun club deportivo apelando á “estética”, ao seu “tono duro e desconsiderado” e ás súas “alusións molestas”.
E é que o monfortino, que asistiu con 17 anos á chegada do réxime republicano e participou na guerra con 22, é ante todo un espírito crítico. Nos seus apuntes considera a toma de Oviedo, para os rebeldes un segundo Alcázar, un símbolo da vitoria, algo menos prosaico: “Sepultura de la juventud gallega”. Segundo Emilio Grandío, non existen evidencias de que Faustino militara en ningún partido político, aínda que os seus escritos evidencian que as súa ideoloxía estaba a anos luz dos preceptos franquistas. “¿Quién lleva razón? ¿El Ejército? ¿Las masas? No cabe la menor duda, llevan la razón los obreros. ¿Por qué, pues, esta lucha que va en contra de los intereses del pueblo? Egoístas que somos en la vida, ¿verdad, Franco?”, escribiu.
Coa crise laboral dos anos 30 decide ingresar no Exército e pasa a engrosar as filas do Parque Divisionario de Artillería número 8 da Coruña. Comeza a escribir o seu diario o día en que falece o seu pai, o 12 de xullo de 1936, cando lle conceden uns días de permiso no seu Monforte de Lemos natal. No seu diario recolle como neses días se librou de ser fusilado na primeira vaga represiva, grazas ás súas relacións persoais. “Disfrutando de un permiso militar cuando el comienzo de la revolución, me he visto encarcelado porque no quise tomar las armas y salir a la calle con los facciosos, y porque cuando el interrogatorio manifesté que contra un Gobierno legalmente constituido no luchaba y que yo no defendía los intereses de nadie. No me fusilaron gracias a los buenos informes que de mí dio en Lugo un sargento de Infantería”, revela. Faustino dedícalle o seu diario aos seus amigos José González Valdés e Luis Calviño Rodríguez, pola axuda “moral y material” que lle prestaron. Nas declaracións do proceso militar posterior, ambos os dous aseguraron descoñecer a existencia do blok, aínda que admitiron que Faustino escribía moitos apuntes que ás veces rompía. “Dejadme con mis locuras”, respondíalle aos compañeiros que criticaban a súa frecuente toma de notas. Estes dous compañeiros rexeitaron ter coñecemento da súa “ideoloxía extremista” pero, en todo caso, apelaron á amizade que mantiveran con Faustino durante a guerra.
A sublevación cólleo poucos días despois no cuartel e, nun estado de confusión absoluto, co desprazamento de milleiros de soldados galegos, converterase nun membro dos denominados mariscos, as columnas galegas que se puxeron en marcha coa prioridade de controlar o occidente asturiano e tomar Oviedo, ademais de Madrid. Estas tropas estaban compostas na súa maioría por rapaces de reemprazo que se atopaban realizando o servizo militar, ou que se tiveron que integrar nel á forza. O 17 de outubro de 1936, as columnas galegas toman contacto cos defensores da capital de Asturias. O Goberno lexítimo era consciente de que a perda de Oviedo podería supor a fin da Segunda República.
Faustino parte cara esa cidade o 9 de agosto de 1936. Vai recollendo no seu blok todo o que lle acontece ata febreiro de 1937, cando o seu diario chega a mans das autoridades franquistas mentres se atopaba convalecente no Hospital da Coruña tras sufrir un accidente de tráfico. É condenado a morte polo contido do seu diario. Nas páxinas escritas a lapis, manchadas coa lama do campo de batalla, que se conservan no Arquivo Militar de Ferrol, este monfortino reflicte os momentos de indecisión iniciais e a posterior declaración do estado de guerra, a monotonía da batalla e as súas vivencias, mesturadas coas súas reflexións. Admira ao “gran político don Manuel Azaña”, a Largo Caballero e a Casares Quiroga, e verque as súas ideas anticlericais e próximas á esquerda republicana da época, pero bastante afastadas do marxismo.
Aínda que é un militar convencido, que incluso destaca as actuacións valerosas dos coroneis Teijeiro e López Pita e do coronel Aranda, é moi crítico co Exército e cos mandos alzados, especialmente con Franco e Queipo de Llano. Ataca a Falange, ao considerar que os seus integrantes non teñen o valor necesario para loitar en primeira liña e se dedican a exercer a represión na retagarda. Así, defíneos como “mujerzuelas” e “chulos de los Cantones”, en referencia ao lugar por onde adoitaban pasear pola Coruña.
Tamén rexeita os fusilamentos que se producen ó seu redor, como o do Gobernador civil da Coruña, Pérez Carballo, e dalgúns dos seus amigos. Critica os asasinatos dos dirixentes socialistas coruñeses, os irmáns García, a quen se refire como “los hermanos Bebel”. Iso lévao a abxurar da guerra por completo. “Dicen ustedes que hay que castigar a los malhechores públicos, a los que llevaban a España por el sendero del caos, a los que querían convertirnos en rusos. Pero por lo que se refiere a la justicia e injusticia de la guerra, ustedes simplemente están condenando a muerte, mutilación y tormento a militares y millares de hombres inocentes”, escribe.
Faustino realiza un canto contra a violencia mentres denuncia as atrocidades cometidas na guerra, que se traduce en longas xornadas de inactividade interrompidas por días de intensa batalla e tensión. Non oculta a abfante superioridade con respecto a “los rojos”. En Trevías, por exemplo, calcula que hai 25 soldados por cada miliciano, xa que “solo disponían de unas deplorables escopetas de caza y así, ¿cómo iban a hacer frente a un ejército armado hasta los dientes?”
Ás veces, Faustino recolle o terror que presencia como un mero testemuño, como cando narra a captura de cinco soldados republicanos que se dirixen a Trevías crendo que ese núcleo se atopa aínda baixo o seu control. Tras ser levados a Ferrol, foron executados de contado por varios compañeiros de Faustino que se presentaron voluntarios para exercer de verdugos. “Estos hombres retornan tan contentos al cuartel. Alguno tiene el cinismo de jactarse de valiente. ¡Cuánta ignorancia! No se da cuenta de que lo que hizo fue un acto ruin y cobarde”, relata.
O soldado tamén recolle no seu diario os berros desesperados dunha muller que está a piques de perder ao seu marido, ao que varios dos seus compañeiros se dispoñen a fusilar. “ Y en medio de todos esos gritos de dolor y desesperados, resonó claro el eco de varias descargas de pistola. Todos comprendimos el fin que llevaban. La mujer también lo comprendió, pues al momento quedó como paralizada. Dio un grito. Y cayó como muerta. Y su cuerpo al caer hizo crepitar las losas del pavimento. Después nada. Su cuerpo es recogido y atendido. Regresan los ejecutores y todos tan contentos”
Noutras ocasións, Faustino gaba a entrega dos soldados republicanos, como cando atopa cinco deles asasinados: “Nos fijamos bien en los marxistas caídos y observamos que uno de ellos tiene el puño cerrado. ¡Qué valientes! Dan su vida por un ideal y mueren pensando en él. ¡Sois dignos hijos de vuestro maestro Lenin! Yo os admiro”. Así, ante as “fórmulas bélicas y criminalistas” de Franco, que coñecerá na fronte de primeira man, Faustino remata o seu preliminar do diario “gritando con toda la fuerza de mis pulmones: ¡Viva el Frente Popular!”, como se puidera presaxiar que un día se ía atopar ante un pelotón de fusilamento tras o achado do seu diario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario