venres, 14 de decembro de 2012

A 'constitución' galeguista do 6 de decembro


David Lombao | @davidlombao Praza pública
O 6 de decembro é, segundo o calendario de días festivos vixente en todo o Estado, o Día da Constitución, e nel conmemoráse o referendo da Carta Magna española, celebrado nese día en 1978. Corenta e sete anos antes en Galicia celebrouse outra 'constitución', menos lembrada na actualidade pero de importancia para o país dada a súa influencia, por exemplo, na loita polo Estatuto de Autonomía de 1936, base para o acceso ao réxime autonómico posterior ao franquismo. Esta 'constitución' foi a do Partido Galeguista (PG) que, convocada como "VII Asambreia do nacionalismo" tiña como obxectivo fundamental, segundo deixou escrito Alexandre Bóveda, a "unificación da laboura galeguista en toda Galiza".
Ao abeiro da dinámica iniciada na primeira asemblea nacionalista de 1918, auspiciada polas Irmandades da Fala e celebrada en Lugo, os grupo de galeguistas de Pontevedra -entre os que estaba o propio Bóveda, ademais de Cruz Gallástegui, Filqueira Valverde e moitos outros- foi, xunto co da Coruña, o gran animador do proceso previo á asemblea, á que concorreron dende outros puntos do país persoeiros como Valentín Paz Andrade, Manuel Lugrís Freire, Antonio Alonso Ríos, Álvaro das Casas ou o propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Durante unha xornada preparatoria e dúas máis da propia asemblea, os galeguistas definiron o seu modelo organizativo e os principais obxectivos polos que loitarían no contexto da II República Española, acabada de estrear apenas oito meses antes.
Co dereito de autodeterminación como horizonte, o obxectivo político máis inmediato polo que decidiu loitar o PG foi o Estatuto de Autonomía no marco republicano. Xunto a estas grandes liñas, da asemblea de Pontevedra emanou un primeiro "programa de acción" para comezar o traballo político desta primeira organización unitaria do nacionalismo. No seu limiar os membros fundadores do partido incluíron, moi sinteticamente, a súa definición do país: "unidade cultural", "pobo autónomo", "comunidade cooperativa", "célula de universalidade".
Estatuto e fin das deputacións
No que se pode considerar como primeira proposta programática do PG é posible atopar reivindicacións moi propias da época xunto con outras que aínda permanecen vivas no debate político galego. Así, por exemplo, no que atinxe á "organización de Galicia" os galeguistas reclamaban a "creación dun organismo galego con base exclusivamente democrática e con facultades deliberantes para rexir, con autonomía integral, os intereses de Galicia". A "aspiración mínima e inmediata" sería que ese organismo lograse a "atribución do máximo de facultades que a Constitución da República concede aos territorios autónomos".
A posta en marcha dun organismo de goberno autónomo para Galicia tería que traer consigo, a xuízo dos galeguistas, a "conseguinte supresión das deputacións provinciais", "plena autonomía municipal, recoñecendo a personalidade administrativa da parroquia rural e da comarca" e a "incorporación a Galicia das terras colindantes que teñan comunidade étnica, histórica e lingüística con ela, sempre que se determiñen a isto por medio do plebiscito". Algúns destes principios ficarían tamén reflectidos, pouco despois, nos traballos de elaboración do Estatuto.
Democracia directa e veto á corrupción
O mesmo documento bosquexaba tamén unha proposta de funcionamento político ordinario para o país, a comezar pola "igualdade de dereitos políticos para a muller" e a "incapacidade dos que, podendo, non rendan función útil á colectividade, para seren elixidos para cargos políticos". Abordábanse tamén neste apartado cuestións aínda pendentes na actualidade, como "unha fórmula que permita os emigrantes ter representación directa na organización política de Galicia", a "representación proporcional, con grandes circunscricións" ou a "adopción de procedimentos eficaces que eviten a corrupción electoral e o falseamento da vontade popular". Todo isto produciríase nun contexto de "práctica da democracia directa" nas institucións galegas, con mecanismos como o "referendo" e o "concello aberto". 
Nun escenario no que os responsables políticos terían, a xuízo do PG, que ter "responsabilidade económica" se lles causasen "dano aos particulares" dende a Administración, o programa galeguista abordou tamén cuestións sectoriais, como necesidade de que se aplicasen en Galicia "as normas internacionais da lexislación do traballo", incluíndo o "recoñecemento dos dereitos sindicais" e a "eliminación dos menores de 16 anos do traballo industrial". Do mesmo xeito, propúñanse "medidas lexislativas que favorezan a organización cooperativa e sindicación" no agro galego, a "repoboación forestal patrimonio de Galicia" ou a "regulamentación da edificación rural en orde á hixiente e de acordo co arte paisán". Para isto último estableceríanse "estímulos económicos".
A concentración parcelaria, a fin dos foros, o arrendamento de fincas ou a "exención da contribución" dos predios dos pequenos propietarios eran outras das iniciativas daquel primixenio programa galeguista, que non esqueceu iniciativas fiscais como o "dereito de expropiación nos casos de ocultación fraudulenta" ou a "creación dun imposto progresivo sobre a renda", plans para a "galeguización do ensino" ou cuestións tan específicas da época como a "igualdade de dereitos civís para a muller casada no caso de emigración do marido".
A eterna lea polas siglas do PG
Dende os primeiros pasos da actual autonomía non foron poucas as voces que se reclamaron herdeiras do espírito do Partido Galeguista de Bóveda e Castelao, xa fose coas súas siglas ou sen elas. A das siglas é precisamente unha das liortas máis recorrentes, ligada coas diversas fundacións e refundacións que se fixeron no seu nome. Así, xa en 1978 se puña en marcha unha destas refundacións, con membros históricos do partido entre os que figuraba Avelino Pousa Antelo, elixido secretario xeral e, pouco despois, presidente.
A formación renacida en 1978 decidiu concorrer ás eleccións xerais e tamén aś autonómicas con Unidade Galega, apostou polo voto afirmativo ao Estatuto de 1981 e tamén se presentou ás municipais. Xa en 1983 situaríase á súa fronte Henrique Rodríguez Peña, baixo cuxo liderado un congreso do partido decidiu, en 1984, a integración en Coalición Galega, o que implicou a marcha de representantes históricos como Manuel Beiras ou o propio Pousa Antelo. Algúns dos membros que ficaron confluirían despois no PNG-PG, que remataría por integrarse no BNG, do que marcharon hai poucos meses.
A segunda refundación máis salientable baixo as siglas do PG produciuse en 2004, con dirixentes como o ex alcalde de Vigo Manuel Soto á fronte. Esta formación concorreu a varias eleccións e aglutinou a diversas formacións locais, algunhas das cales abandonaron as siglas históricas para iniciar a súa andaina en solitario, como Terra Galega. Esta formación deu lugar a controvertidos episodios como a apoio en 2007 ao actual líder do partido Unión Coruñesa, Carlos Marcos, que realizou baixo as siglas do PG unha campaña integramente en castelán reivindicando, entre outros aspectos, a oficialidade do topónimo La Coruña

Ningún comentario:

Publicar un comentario