A campaña
"Roupa Limpa", coordinada en Galicia por Amarante Setem, presenta
hoxe a investigación "A moda española en Tánxer: traballo e supervivencia
das obreiras da confección". Inditex, o grupo baseado en Arteixo, é unha
das empresas máis avaliadas no documento, que detalla as "condicións de
vida e traballo precarias" das traballadoras. Nalgúns casos, os talleres
empregan menores que esconden en bolsas cando chegan os inspectores.
Por
Galicia Confidencial | | 12/01/2012
O informe
descobre "as duras condicións das obreiras de confección marroquís: exceso
de horas de traballo, baixos salarios, abusos verbais e físicos, arbitrariedade
na contratación e o despedimento, medidas disciplinarias desproporcionadas e
obstáculos á acción sindical".
Inditex
En Marrocos,
hai unha forte presenza de talleres provedores de Inditex; en concreto das
marcas Zara, Bershka, Pull&Bear, Stradivarius, Oysho e Massimo Dutti. A
maioría das obreiras entrevistadas que traballan confeccionando a roupa destas
marcas manifestan que "non se respecta o límite de horas, chegando ata 65
horas semanais". Aínda que en xeral o salario chega ao Salario Mínimo
Interprofesional Garantido (SMIG) de Marrocos, apenas 178,72 euros mensuais,
seguen vivindo en situación de pobreza.
No conxunto
do sector, as horas extras son obrigatorias e non se adoitan remunerar.
Prolongan a xornada ata as 12 horas diarias, seis días á semana por salarios
que non superan os 200 euros mensuais, e que, en ocasións, están por baixo dos
100 euros ao mes.
Outras
marcas
Moitos dos
talleres provedores de Inditex traballan tamén para Mango. Amarante denuncia que a obreiras das fábricas
provedoras de Mango tamén revelan que nos seus centros de traballo non se respecta
o límite de horas, realizando ata 65 horas semanais. Tamén se recolleron
testemuños de traballadoras de talleres provedores de Mayoral, El Corte Inglés
e Dolce&Gabanna con condicións laborais parecidas.
A
deslocalización da confección en países como Marrocos permitiu ampliar os
beneficios das grandes marcas téxtiles. En Galicia a penas quedan talleres de
confección, que foron claves no despegue de marcas como Zara.
Segundo o
autor do informe, Albert Sales, estas empresas teñen na súa man a capacidade,
tanto de xerar situacións de explotación laboral, como de evitalas. Moitas
asumiron códigos de conduta e compromisos, pero a pesar destas "medidas de
Responsabilidade Social Empresarial", moitas traballadoras seguen vivindo
situacións de pobreza á vez que cumpren cunha xornada laboral extremadamente
longa.
Trucos
para zafar das auditorías das empresas compradoras
Os códigos
de conduta laborais adoptados polas empresas de moda, recollen a
obrigatoriedade de pasar auditorías nos talleres. Pero as metodoloxías de
auditoría son moi diversas e en moitas ocasións non se chegan a identificar os
problemas laborais reais. A ONG explica que isto pasa porque cando hai auditoría,
as fábricas realizan cambios temporais como dar de alta a traballadoras na
seguridade social, incrementar a salubridade no espazo de traballo, cumprir os
horarios laborais, despedir ás traballadoras sen contrato e ocultar ás
traballadoras menores.
Unha
traballadora dunha fábrica provedora dunha gran empresa téxtil aseguraba que
"cando aparecen auditores por sorpresa, os supervisores esconden ás
traballadoras menores na azotea ou en caixas de roupa baleiras".
Esta
investigación realizouse con 118 obreiras, coa colaboración da Asociación
Attawassol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario