sábado, 21 de xaneiro de 2012

"Un, máis que resistente, acaba sendo un francotirador"


Antón Caeiro, artista audiovisual e documentalista, é unha persoa que basea a súa profesión na memoria oral da xente común. Colócalles unha cámara e grava todo, sen máis límite que o que estableza a persoa, e sen que importe se vai ir despois na metraxe.
Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 17/01/2012
Antón Caeiro é un todo terreno no mundo audiovisual. Ten traballado en diferentes campos: videoclips, documentais e publicidade. No mundo do vídeo arte ten feito intervencións multimedia coa Escola de Danza Universitaria da Universidade de Santiago, entre as que salienta “O museo”. Como guionista de televisión realizou a serie documental “Os ríos” e o programa concurso “A noite meiga”. Interesado pola memoria oral, aquela que agora dan en chamar “histórica”, realizou numerosos traballos sobre a represión franquista en Galicia, en especial na súa zona, Vilagarcía de Arousa. Seus son os traballos documentais sobre os presos da illa de San Simón, sendo coescritor dun libro sobre esta temática e director do documental “Aillados”; “Esta noite, velada”, sobre a historia do grupo teatral Airiños, que documenta un aspecto máis da represión da cultura galega durante o franquismo; ou “Arde Madrid”, sobre o sitio da capital de España durante a Guerra Civil. As dúas últimas foron proxectadas na última edición de Cineuropa. 
Ten no seu haber ducias de premios. Dende que gañara o seu primeiro premio a vídeo argumental en Vilagarcía (1985), obtivo premios nos certames de vídeo de Cádiz (1985), Chamartín (Madrid, 1986), Soria, e nas Xociviga do Carballiño (1988), entre outras. Tamén numerosas mencións especiais en certames como o de Oropesa del Mar (1986), Irún (1999) e Madrid (2000). É responsable dunha asociación, “O faiado da memoria”, que conserva o legado dos arousáns. Mantén tamén un blog, co mesmo nome, punto de encontro de todos os que queiran reaviva-la súa memoria.

Cando falo con el, a poucos días das eleccións, recíbeme campechano, amable e aberto, como é el, e confesa estar desencantado con tódolos políticos. Non é para menos, pois a alcaldía da súa terra, Vilagarcía de Arousa, en mans do PSOE, en coalición co Bloque, secuestrou e clausurou en abril a sé da asociación cultural O Faiado na Memoria, un local do Auditorio que estaba cedido pola Concellería de Cultura (BNG). Un funcionario cambiou a ferradura e imposibilitou a entrada no local. Non contento con isto, deu orde á persoa que ía a traballar na oficina de que non sacasen nada do Auditorio. Segundo unha carta do xornal Arousa Norte, “esta acción enmárcase dentro das vinganzas que veñen realizando a alcaldía e algunha concelleira do PSOE contra as persoas desta asociación que formaron e forman parte da Comisión Cidadá para a Defensa do Patrimonio (…) pola defensa dos ataques realizados pola Concellería de Urbanismo contra elementos patrimoniais”.
Todo un símbolo nestes tempos nos que hai xente que parece querer pechar a cultura e a memoria baixo sete chaves.  
Vostede é autodidacta. Como se meteu no mundo da publicidade, o vídeo-arte e o documental? 
Non sei. Realmente todo vén desde os tempos de neno. En Gondomar, onde nacín, nunha época houbo tres cines; eu ía, nos días seguintes aos pases das películas, ao lugar onde tiraban os restos do cine, da limpeza, o lixo, vamos, e alí recollía os anacos de película que se tiraban (hoxe penso que despois de varios pases por estes cines cada película debía perder boa parte das súas escenas). Pois ben, con esas películas, unha linterna, un par de lupas e unha caixa de zapatos, construíame un proxector de diapositivas que lanzaba sobre unha pantalla de papel de estraza do que utilizaban os meus pais na tenda. Aí debeu estar o meu interés por esta materia. Logo a cámara de super 8 que os meus pais me regalaron aos 15 anos, iso xa foi o detonante. 
E de onde lle vén esa querencia pola memoria oral e “as historias mínimas contadas por xente común e anónima”? 
Posiblemente iso naza tamén na tenda dos meus pais, alí en Gondomar. Nun momento chegaron a ter dúas; a vella e a nova, eran (e aínda sigue a ser) tendas “de ultramarinos, daquelas na que había de todo (de feito meu pai debeu ser o pioneiro no control da natalidade no pobo ao vender na tenda preservativos de estrangis antes, incluso, de que o fixeran na farmacia); alí podías atopar desde pan, hasta paus de zamancas. Pois ben, alí, mentras a xente esperaba a ser atendida, contaban as súas cousas, do presente e do pasado, sen présas e, en boa parte das situacións, sen cortapisas de ningún tipo, especialmente cando estaba no medio das conversacións “o Canelita”, unha persona maior de Mañufe que pasaba boa parte da mañán na tenda tomando un chiquito (xa que tamén tiña minibar). As conversas falaban de todo pero eu, que estaba alí desde os quince anos, falaba sempre “da fame aquela que pasamos no 42”. Eu comenzaba falando con esa introdución, daba igual que ainda non nacera, faltábanme 18 anos para elo, pero as personas falaban como se eu tamén pasase por esa época. Despois viña a pregunta ¿pero ti non eres moi novo?. Pero o xeo xa estaba roto.  E as personas comenzaban a falar sobre estas historias. A pena é de que comencei a gravar a xente moitos anos despois e perdín aquelas fermosas historias da Galicia negra, do crime da machada, das festas rematadas a navallazos, das parrandas polo medio do millo e das noites de muiñada.
E por que a xente anónima?
Por unha simple razón, porque a xente de nome xa teñen biógrafos dabondo. E de que sempre me gustou a xente perdedora, como eu.
 “Esta noite, velada”, trata a represión franquista sobre un grupo de teatro en galego, “Airiños”. Pensa que as culturas e as linguas sobreviven a pesar das adversidades? 
Posiblemente sexan os tempos adversos os que te recubren cunha capa contra a corrosión e que che permite resistir ante calqueira circunstancia. As personas que realmente resisten é o importante. Nas circunstancias fáciles súmanse individuos que cando os tempos se poñen duros, evapóranse.
Sen ir máis lonxe, ¿onde están todas aquelas asociacións que durante os catro anos do bipartito na Xunta, floreceron ao abeiro das axudas á memoria histórica?. Hoxe quedamos os catro gatos que estábamos nas épocas de vacas flacas (as mesmas de hoxe).

Como ve a situación da lingua galega actualmente? 
Aquí teño pouco que opinar. Coido que son moi aberto á cuestión idiomática. A miña educación escolar foi en castelán “pola gracia de dios”, a miña nai sempre quixo falar en castelán, pero a día de hoxe non o conseguiu. Con eles, cos meus pais, falo en castelán, e eles, conmigo, en galego. É unha costume. Por iso nunca me meto en liortas polo idioma. A pesares do meu nacionalismo galego. Pero iso non me vai quitar de protestar pola destrucción da base do galego: a infancia e xuventude. Cando o meu rapaz estaba nunha escola infantil de Santiago (Raiola en Lamas de Abade) falaba en galego e parte en inglés. Era unha delicia velo no parque cos seus amigos falando entre eles en galego. Isto rematouse ao chegar ao colexio público.
Por iso a estupidez aquela que decía da alienación que “sufrían” os nenos nas galescolas provocábame unha risa patética. Mais que nada porque nós pasamos por unhas escolas máis alienantes, como as do réxime dictatorial franquista, e mira ti por onde andamos. 
Que lle inspira a vostede iso de “resistencia cultural”? Considérase un resistente, ante a grave conxuntura política de hoxe en día? 
Bueno, considero que xa houbo tempos peores. E non os hai peores cando tes que ser un resistente en tempos políticos favorables. Un, mais que un resistente en si, remata sendo un francotirador, sexa quen sexa quen esté ao otro lado do punto de mira. Non me importan as siglas, nin as “supostas” ideoloxías, impórtanme as personas que as suportan. Se estas non saben ser dame igual desde que banda do río esté colocado... vai á agua. 
En que se inspirou para rodar “Arde Madrid”? 
Todo comenza nos finais dos noventa cando vendo a través dos medios as imaxes da guerra balcánica, o sufrimento nas caras daqueles rapaces que estaban ou fuxían polas estradas, naqueles tractores, cos seus enseres, xunto os seus pais. ¿Como lles afectaría o conflicto anos despois?. ¿Como serían capaces de asumir aquelas experiencias tan dramáticas?. Por iso íame entrando na cabeza o de falar con nenos na época da guerra e compor ese puzzle. E que mellor guerra que a vivida aquí cando xa tiñas a “aqueles nenos do 36” xa crecidos. E despois escoller un lugar (estaría un espazo da represión, como Galicia, do exilio, da fuga contínua,...). Ao final decidín por Madrid e esa visión romántica de cidade resistente, do “no pasarán”, a cidade para quenes todos piden a solidaridade ante os ataques. As cousas cambiaron moito desde aquela nesa cidade. A palabra solidaridade, posiblemente, teña desaparecido do seu dicionario do cotidiano. Pero a historia daqueles nenos continuaba alí. Houbo que escarbar un pouco e vencer algunhas pequenas murallas, pero ao pouco todo apareceu e quedou rexistrado no documental... e todo o que quedou nas cintas. 
Vostede ten un blog, “O Faiado da Memoria”, que pretende ser “un lugar para o descubrimento do noso ser, un espazo para atoparnos co noso pasado e ver de coñecernos”. Pensa que é agora máis necesario que nunca? 
O Faiado da Memoria é un proxecto moito máis amplo que o blog. De feito este naceu para ser parte dunha oficina virtual onde poidésemos amosar parte do noso arquivo (composto, neste momento, duns setenta mil elementos escaneados, varias horas de películas recuperadas -anos 20 ao sesenta- e gravacións de vida vivida) e así que a xente poidese identificar esas fotografías que a xente gardaba nas súas casas. O blog, de repente, colleu vida propia e convírtese nun lugar de encontro, onde a xente atópase co seu pasado sen inhibicións. Fala do perdido e do mantido e sirve para atopar xente que fai anos que perderon de vista, manter aos vilagarcianos no extranxeiro en contacto co seu pobo e manter, en parte, ese patrimonio sentimental que xa pouco abonda na vila.
A partires deste espazo de Internet xorde o movemento que revulsionou a política patrimonial vilagarciana do último ano coa creación da comisión veciñal en defensa do patrimonio de Vilagarcía e a defensa dos ataques ao patrimonio sentimental por parte do concello. Aparte do blog, O Faiado ten realizado seis exposicións temáticas en Vilagarcía, colaboracións en prensa e edicións editoriais, coa televisión e con particulares. Todo elo a un valor que roza a gratuidade, xa que antes contábase coa colaboración, escasa, si, pero colaboración, do concello de Vilagarcía. Hoxe, nin iso. Pero, e isto é parte do noso sentido de resistencia cultural e social: seguimos aí. 
Como cre que está o mundo do audiovisual neste momento? Fasero, presidente do AGADIC, dicía a semana pasada nunhas xornadas que “as axudas que se conceden son poucas, non temos un cinema subvencionado”. Carlos Ares, guionista, que “a TVG só nos custa a cada galego 36 euros”. Moitas producións en galego non se  chegan a estrear. Que opina? 
Sempre estiven alonxado do sector audiovisual, tal como se coñece de forma oficial. Non teño moito que ver con ese mundo e circulo nun mundo paralelo. Ao marxen pero enriba. Si unha cousa non funciona, búscome a vida por outro lado. Vivín moito tempo facendo vodas, bautizos e comunións hasta que me aburrín diso. Realicei todo o que non me gustaba do mundo audiovisual (dar clases e facer guións) e, desde hai un tempo, procuro estabilizarme con este proxecto de “O Faiado da Memoria” e a procura do material audiovisual, fotográfico e sonoro dunha vila. Posiblemente non se comenzou na época mais adecuada, pero sigue loitándose por elo.
Anos atrás tiña a particularidade, quizás por vivir nunha cidade onde se producían tódolas estreas posibles do audiovisual, de asistir a todas as que podía. Con elo intentaba comprobar como ía o barómetro da situación audiovisual. Pero sempre constatei que, salvo contadas excepcións, o público era o afín a cada traballo. Non había o máis mínimo acercamento dos compañeiros doutras compañías. Iso confirmoumo cando nunha xornada de “cine galego” preguntei, ante unha cuestión que se estaba a dirimir sobre a necesidade de que o audiovisual galego tiña que estrearse en cines, ¿cantos dos presentes asistiron á estrea dunha serie de curtas dunha persona que estaba presente na sala?... Só eles levantaron a man... e non eran máis de tres. Polo tanto se non acuden os máis interesados de que isto funcione, para que se van a estrear nese tipo de circuítos. Quizás estamos no tempo onde hai que buscar outro tipo de comercialización dos traballos usando outras e novas ferramentas.
E que lles diría aos novos realizadores que están empezando e necesitan apoio?
A traballar, que carallo. Eu non teño nada que decirlle. Xa me costa decirmo a min mesmo como para decirllo a outros. Eles búscanse a vida de moi boa maneira e, ademais, son xente máis preparada que o que estábamos nós naquelas épocas. O que non me satisface, despois de ver moitos traballos de xente nova, é a súa falta de experimentación, de romper co clásico, de non contar nada mellor que o que contaban os compañeiros que comenzaban a gravar nos anos setenta. Nada novo baixo o sol, si, máis coñecemento da técnica, máis acercamento a acabados máis logrados gracias, na maior parte, á democratización das materias de desenvolvemento da produción dixital, pero no fondo un precioso paquete para un contido baleiro. Nos oitenta traballouse máis (e con menos medios) no desenvolvemento de traballos audiovisuais que, trinta anos despois, non se reflexa en ningún avance en particular. 
O 20 de novembro pasado cumpríronse 36 anos da morte de Franco, xusto no momento no que o PP acadou  máis que previsiblemente unha folgada maioría absoluta. Volve a dereita máis forte que nunca. Pensa que a sociedade está falta desa “memoria” que tanto procura e axuda a difundir e exercer nos seus traballos? 
A memoria, esa ferramenta tan selectiva que nos dispensa o cerebro humano. Chegamos escoitar a personas de menos de 35 anos decir aquilo de que “con Franco vivíamos mejor”. De que Franco estarán a falar?. O “PePe” non é o lobo (en todo caso todos sabemos como acaba o lobo no conto de Caperucita), nin os partidos de pseudo esquerda, ou de esquerda aparente, teñen demostrado que sexan ningunha solución a nada. En caso de enfrentarme a alguén prefiro que o que teña diante sexa dun perfil político diferente ao meu. Por si me teño que evacuar en el. Dóeme moito de ter que enfrentarme a quen di que, “ideoloxicamente”, é afín a min. Pois entón é cando me parece que algún dos dous desviouse nalgún momento do camiño. 
A memoria é parte dunha arma que se utiliza a gusto do consumidor. A igrexa (e por ende a dereita) utilizan aos seus mártires da incivil guerra deste país para manter viva a crenza de que foron os santos inocentes desta contenda fraticida. E o recordan con grandes manifestacións de dor “cristiana”. Por ende, os asesiñados polos que non chegaron a mártires (e lembrarei aquí o nefasto Padre Nieto do sur de Pontevedra ou outros moitos curas que a memoria popular pode lembrar en moitos pobos) siguen cuneteados e vilipendiados hoxe en día. E non pretendas facer nada no seu favor. Sempre poderás escoitar a frase de “que non debes revolver a merda do pasado”, especificando que a palabra “merda” refírese clarisimamente á vítima, non ó seu asesiño que conta con tódolos beneficios dunha autoamnistía. 
Despois de tanto pasado e ominoso presente, falemos do futuro. Que proxectos ten en mente ou entre mans? 
A veces penso se é que avanzamos hacia algún futuro (ou meta) ou se semplemente o facemos para baixa-lo colesterol. Nestes momentos estamos concentrando os nosos esforzos (falo en plural xa que somos unha parella os que desenvolvemos isto) no desenvolvemento do proxecto do Faiado da Memoria. Isto conleva distintos traballos e un deles é o documental “Desde dentro do corazón”, traballo que se dividirá en dúas partes, estando agora realizando a primeira delas que leva como título engadido de “Historias de mar”, e incide na relación de Vilagarcía co mar que lle rodea. É unha historia que fala de personas que viven nun espazo xeográfico concreto, pero que responden aos estímulos de calqueira outro lugar. 
O amplo arquivo audiovisual de O Faiado nos permite sacar proveito para este traballo, ainda que a forza real o poñen os testemuños das personas colaboradoras que desgranan diante da cámara un século da vida da cidade de Vilagarcía ao traveso das súas vidas. 
E a partires de ahí o que San Flaherty nos queira deparar.
Esta entrevista está trascrita utilizando as verbas do entrevistado tal cal, sen corrixir os dialectalismos, castelanismos, e demais erros, xa que sendo un “historiador da memoria oral” dos nosos maiores, pretendíase manter o carácter oral e respectar a súa "literalidade". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario