JORGE M. DE
LA CALLE
Moitas son
as páxinas e as análises que se tiñan feito dun movemento tan internacional
como o 15M, pero até agora había poucas visións galegas. A “15M, o Pobo
Indignado”, coordinado por Alfredo Iglesias Diéguez, hai que engadir agora “A
Praza é Nosa. Quen constrúe a Democracia?”, libro presentado este xoves na
libraría Couceiro de Santiago. Arredor de vinte autores galegos reflexionan
sobre as orixes, composición, causas e consecuencias do movemento 15M. Era
mediados de agosto, e o proxecto naceu por iniciativa do editor Antón Lado, de
2.0 Editora, como o xornalista Marcos Pérez Pena salientou, “pola necesidade de
falar sobre este tema dende Galicia, en galego e con autores galegos”. O
resultado foi un conxunto heteroxéneo e heterodoxo de textos, voces diversas
que abordan a análise dun dos fenómenos máis relevantes de 2011 dende numerosas
perspectivas: a socioloxía, a economía, a politoloxía, a análise da comunicación
e dos media, ou a propia autoimaxe e definición das asembleas galegas, ás
que se lle dá voz tamén no libro.
Por un día,
as asembleas trasladáronse ao trasfondo dunha libraría. Non manchándose no
chan, mais sobre cadeiras e rodeados de vellos libros e manuscritos, o público
tivo a oportunidade de escoitar, pero tamén de opinar e construír. A presentación
adquiriu un formato de debate aberto no que puideron intervir todos os
asistentes, para “contribuír con el á reflexión colectiva sobre o 15M”. Na mesa
estiveron presentes o propio Pérez Pena, coordinador do proxecto; Antón Lado,
editor; David Rodríguez, deseñador e autor do blog de pensamento “O
funambulista coxo”; Carlos Neiras, sociólogo; e Isabel Vilalba, do Sindicato
Labrego Galego.
“A Praza é Nosa. Quen constrúe a democracia?”
naceu como proxecto editorial “co obxectivo de contribuír a enriquecer o debate
sobre o movemento cidadán nacido no 15M e enlaza voces de analistas nun diálogo
aberto, e aínda inconcluso”, animado, segundo Manuel M. Barreiro, polo que
Benedetti chamou “crítica cómplice, onde uns e outros comparten as preguntas
fundamentais, e, mesmo dende as diferenzas, procuran de xeito mancomunado
respostas practicables para a construción dunha democracia comprometida co ben
común e o logro solidario dunha vida digna de liberdade, xustiza e benestar
para todos e todas”.
Con tal
tarxeta de presentación, identificándose nun principio co espírito e
funcionamento do movemento dos “indignados”, os distintos autores, como sinala
Marcos Pérez Pena, “na súa meirande parte novos, novos en idade ou porque nunca
participaran nun proxecto editorial”, reflexionan dende a teoría ou a praxe,
mesmo de forma moi crítica, achegándose e distanciándose co obxecto de
conquerir unha visión caleidoscópica e plural do fenómeno, pero sempre dende a
identificación e do interior do movemento. Asina o limiar Manuel M. Barreiro , e
contribúen cos diversos textos Alfredo Iglesias Diéguez, Antón F. de Rora,
Arturo de Nieves Gutiérrez Rubalcava, Carlos Diz Reboredo, Martín Cebreiro López,
Carlos Neiras Cortizas, Carlos Taibo, David Rodríguez, Henrique Mariño,
José Antonio López Rei, Manoel Barbeitos, María Queijas, Proxecto Derriba,
Raimundo Viejo, Rosendo González, Víctor Sampedro e Xosé Manuel Pereiro. Nos
anexos toman a palabra as asembleas de Compostela, Monte Alto na Coruña,
Pontevedra, Vigo, e Democracia Real Xa Compostela.
Marcos Pérez
Pena abriu fogo definindo o 15M como un “proceso de reactivación da cidadanía”,
que inaugura un novo interese pola “política do común”: “todo o mundo pasou a
falar de política”. Sinala tamén que “a partir do 20-N, cambia o contexto do
movemento, aumentan os ataques ó Estado do Benestar e o distanciamento entre a
cidadanía e a política”. Os autores quixeron tamén que “as propias asembleas
tivesen voz e falasen por si mesmas”, que houbese representación das sete
grandes ciudades galegas, e tamén dos colectivos e movementos sociais, que “non
falasen só expertos”. O libro pódese ler “de principio a fin ou escoller temas
ou autores”, agregou.
A medio camiño
entre unha visión repousada e unha análise profunda, o papel de Marcos Pérez
foi, sen escribir nada, o de “coordinar”, cun papel moi “xornalístico”, nas súas
propias palabras, dando voz aos diferentes autores e procurando a unidade
sustancial a unha obra que xa foi presentada no Culturgal en Pontevedra.
Segundo el, o papel dos medios de comunicación é moi importante, e ó seu
posicionamento e a relación co 15M se dedican dous textos no libro, un de Víctor
Sampedro e outro de Xosé Manuel Pereiro.
David Pérez
empregou unha frase de Feuerbach para darlle a volta e acabar dicindo que “as
ideas dominantes dunha sociedade son as ideas da clase dominada”. A súa análise
foi dende a politoloxía e a relación cos partidos. Para el, “o 15M é a expresión
da fin do idilio entre o liberalismo e os cidadáns”. Un movemento iniciado
polos fillos das clases medias que deixaron de beneficiarse deste sistema. Para
iso, sinala Pérez, “os seus membros empregan as armas desa clase dominante: a
Constitución, a democracia…” para así sinalar as contradicións dese sistema:
non temos vivenda nin traballo digno, logo non se cumpren os nosos dereitos
recoñecidos na Carta Magna, logo este sistema está enfermo e nin sequera cumpre
a legalidade que el mesmo establece. “O que estamos vivindo agora”, engade, “é
o segundo round, o noqueamento da socialdemocracia”; lonxe de ser
a gran triunfadora, está empezando a levar os golpes na cara”. Con tales símiles
puxilísticos se expresou David Pérez, que recoñeceu o labor do 15M á hora de
“apropiarse” dos conceptos deturpados pola socialdemocracia, e redefinilos, á
procura do “sentido profundo da democracia de esquerda, entendido como
democracia directa e non como xestión dunhas elites”.
Pero tamén
trazou unha “pequena crítica”: pola “fenda xeneracional”, o que leva á xente
nova, “máis exposta á caricatura”, a “non ser consciente da lóxica histórica
dos colectivos” e de que, se disfrutan dunha serie de dereitos, é por eles.
Nese sentido, Pérez avogou por buscar a colaboración entre ambas esquerdas, a
social e a partidaria, porque, parafraseando a Leonardo da Vinci, coma nos
arcos das igrexas,“dúas debilidades fan unha forza”.
Pola súa
banda, Isabel Vilalba louvou que, “neste momento de pensamento único”, exista
este tipo de iniciativas. Sinalou a modificación da Constitución para limitar o
déficit público como un “secuestro da cidadanía e da súa soberanía”, do que “o
15M fixo unha das súas bandeiras”. Segundo ela, este movemento cuestionou o
estereotipo de que “a sociedade estaba adormecida”, e “a cidadanía volveu
participar en política”, xunto ás persoas que xa formaban parte da dinámica de
movementos sociais.
Vilalba, a única
que non participou escribindo un texto para o libro, pero que foi convidada á
mesa igualmente para que, segundo Marcos Pérez, “todos puideran participar”,
recordou algúns dos principios reivindicados polo colectivo ó que representa, o
labrego, a través do Movemento Internacional Labrego e Vía Campesiña, como a
“soberanía alimentaria”, a “sostibilidade” ou unha maior xustiza nas relacións
comerciais entre agricultores e empresas. Criticou que se vaia repoboar con
eucaliptos miles de hectáreas de solo galego, e sinalou que o “crecemento”
dunha sociedade non pode ser “ilimitado”, e non pode pasar por esgotar os
recursos do planeta, nin por pagar cada vez peor ós traballadores, e deteriorar
cada vez máis a calidade de vida.
A última análise,
a de Carlos Neiras, foi dende a socioloxía e a economía, baseándose en “estudos
demoscópicos”. O 15M expresa unha “desafección dunha grande parte de poboación
pola política” e “unha crise da esquerda e dos partidos”. Os seus integrantes,
segundo Neira, proveñen máis “da clase alta que da baixa”, porque “as clases
baixas apertan”, en determinados momentos da Historia, “ao poderoso como
estratexia de supervivencia”; e son “ilustrados e novos”. Ademais, en
contraposición co movemento altermundista, non son “antisistema”, senón que
forman parte del, e o seu descontento vén de non poder “beneficiarse” das súas
estruturas. Así é, “simplificándoo moito”, o perfil de Neira, non coincidente
co de outras persoas asistentes ao relatorio que participaron do debate e se
sinten parte do movemento.
Para Neira,
cómpre engadir dous elementos máis na “clave da bóveda” que constrúa unha
alternativa política á actual: á “esquerda social” e a “esquerda partidaria”
habería que sumar “os medios” e “os poderes económicos”. Referiuse a medios
alternativos e a pequenos e medianos empresarios, imprescindíbeis segundo el
para esta tarefa. E rematou facendo unha crítica á mesma esquerda, que non
soubo facer rendible a existencia deste movemento. A crítica foi en especial
para “o nacionalismo galego, que decidiu facer “mutis polo foro”, e mesmo
demonizalo. Tamén ós grandes poderes económicos, financeiros e políticos,
porque “o que está en crise é a lóxica e o sentido común; hai libros de
economistas que afirman que isto non pode seguir así, como Stieglitz ou
Krugman, e moita xente que non é marxista di o mesmo”.
O
debate seguiu na rúa; e seguirá, como concluíu Pena, “noutros escenarios,
noutros foros”. De momento, en A Coruña o vindeiro 4 de xaneiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario