Valentín Paz-Andrade, a quen a Academia dedica o Día das
Letras Galegas, representou a continuidade republicana do galeguismo na caída
da ditadura
XAN CARBALLA 20/01/2012
Castelao e Paz Andrade en Pontevedra, 1922 |
O 6 de decembro de 1976 reuníase a comisión por
primeira vez en Madrid. Xunto a Tierno Galván (PSP), Sánchez Montero (PCE),
Joaquín Satrústegui (liberais), Francisco Fernández Ordóñez (PSD), Jordi Pujol
(CiU), Antón Canyellas (Democracia Cristiá) e Julio Jáuregui (PNV), sentaba
Paz-Andrade, o máis veterano, o único que nacera no século XIX (1898). Nesa
primeira xuntanza non puido estar Felipe González (PSOE) e máis adiante
integráronse os secretarios de CC OO e UGT, Marcelino Camacho e Nicolás
Redondo. A comisión era unha decantación dos organismos de oposición, Junta
Democrática e Plataforma Democrática, que viñan de unificarse para servir de
interlocutores de Adolfo Suárez no camiño que culminou o 15 de xuño de 1977
coas primeiras eleccións libres desde 1936.
A oposición antifranquista galega estaba daquela
dividida entre as organizacións que se alinearon na Táboa Democrática,
impulsada polo PCG, e o Consello de Forzas Políticas Galegas, que viña de
quebrar en novembro de 1976 e no que se integraran durante 11 meses as
principais forzas nacionalistas, a UPG e o PSG. Producíase así certo paradoxo,
ao estar na reunión madrileña un nacionalista galego independente, que non
conectaba nin co nacionalismo rupturista que consideraba superada o autonomismo
non nato de 1936 e poñía na mesa as Bases Constitucionais, nin co
galeguismo de Piñeiro, que non mantiña boas relacións cun Paz-Andrade que desde
os anos cincuenta viña elaborando un galeguismo de corte máis socioeconómico
que podía tomar como texto fundacional o libro Galicia como tarefa,
publicado polo exilio. Algúns dos seus contemporáneos galeguistas non se fiaban
da súa relación con xentes do PCG, como Fernando Alonso Amat. Escribíao
recentemente o presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín:
"Xuro que ouvín eu chamar comunista a Valentín Paz-Andrade, quen xamais se
deixou anular no seo do Grupo Galaxia. E alguén volveu chamar comunista a
Valentín no día en que el, con inmensa dignidade, formou parte da Junta
Democrática de España como nacionalista galego".
Aínda que Paz-Andrade ten deixado nas súas memorias
(Valentín Paz-Andrade, a memoria dun século. Tucho Calvo. Biblos 2011),
testemuña deste tempo pre-democrático, é interesante rescatar as respostas que
lle dá naqueles días a un xornalista do semanario Teima, que se
manifesta escéptico sobre as posibilidades da comisión: "A política é
negociación. Non sei o que pode saír das reunións, pero o importante é que
Galicia estea presente, que non quedemos marxinados nin acochados nos nosos
tobos mirando como a historia pasa por riba de nós". E sobre a carencia
dalgúns apoios argumentaba "é un problema de cativeza política, resultado
de 40 anos de ditadura". Paz-Andrade defendía que o pobo galego se autodeterminara
unha vez no Estatuto de 1936, "e mentres non haxa outro acto de expresión
popular e libre, o Estatuto virá porque é unha legalidade histórica apoiada no
voto masivo dos galegos. Este é un argumento sagrado".
Con apoios demediados pero coa certeza de que a oportunidade
pasaba pola porta e había que aproveitala, Valentín marchou a Madrid e estivo
en todas as reunións celebradas aqueles meses, como antes participara nas
celebradas en París e Estrasburgo de 1974 a 1976 pola Junta Democrática de
España.
As reivindicacións da oposición. Contemplado 35 anos
despois, o catálogo reivindicativo da Comisión dos Dez pode parecer de manual,
pero o muro a escalar dunha ditadura que quería deglutirse sen ruptura custou
moito sangue, tanto que a revisión do calendario de atentados, secuestros e
mortos nas mobilizacións populares falan dun tempo no que a liña vermella do
regreso ditatorial se estivo movendo como mecanismo de presión para limitar as
conquistas democráticas. A Comisión dos Dez reclamaba a amnistía política, o recoñecemento
de todos os partidos incluído o comunista, a concesión de autonomía ás
nacionalidades históricas (Cataluña, Galicia e País Vasco), unha lei electoral
con representación proporcional, o desmantelamento de todas as administracións
franquistas con substitución dos concellos por xestoras e a convocatoria
urxente de eleccións constituíntes.
O proceso de negociación con Suárez durou até abril.
Alí o labor de Paz-Andrade, ademais do simbolismo de ostentar a representación
de Galicia como nacionalidade, tivo que ver coa elaboración da proposta de lei
electoral cunha representación mínima de dous deputados por provincia
(finalmente foron tres) e coa idea de crear un fondo de solidariedade
interterritorial. Disto finalmente faría bandeira Jordi Pujol, quen desde entón
mantivo a amizade con Paz-Andrade, ao punto de dedicarlle palabras de
recoñecemento especiais nas súas memorias, "a pesar dun sentimento
galeguista que aínda era moi feble, Paz-Andrade fixo un grande servizo ao seu
país mantendo vixentes os dereitos nacionais e a lembranza do Estatuto
republicano. No trato ademais foi sempre todo un señor". (Memòries.
Jordi Pujol. Proa, 2007).
Hai unhas semanas, en conversa co ex presidente
catalán, este recoñecía o valor político da presenza galega na Comisión dos
Dez. "Alí fundamentalmente Paz Andrade o que fixo foi preservar a
lexitimidade do galeguismo e da autonomía galega. Moitas veces o importante non
é falar moito, senón facer un xesto e tomar unha posición. Sobre todo cando el
era consciente de que Galiza non estaba en condicións de erguer un movemento
potente como se demostrou despois naquel primeiro parlamento de 1977.
Paz-Andrade levaba consigo os activos do nacionalismo, do acadado nos anos dez,
vinte e trinta, dos mártires do 36 en defensa de Galicia, de Bóveda ou de
Castelao que rematou exiliado. Levaba a defensa da lingua galega e do Estatuto
aprobado nas Cortes de Montserrat en 1938. Era como dicir, estou aquí
lexitimando todos eses logros e representándoos".
Fraga atacábao por "multimillonario"
Paz-Andrade reivindica para si a recuperación da
denominación Xunta de Galicia para o organismo que máis adiante se había
formar previo á redacción do Estatuto e que tamén se decidiu na Comisión dos
Dez. "Pensei en Reino de Galicia, que tiña antigüidade desde os suevos,
pero supuxen que ía haber moita oposición e optei pola denominación que
defenderon Solís e os outros Mártires de Carral cando o levantamento de
1846".
Nunha entrevista en EL PAÍS en 1977, cando a
Comisión apuraba as negociacións sobre as nacionalidades, explicaba por que
cataláns e vascos ían un paso por diante. "Galicia foi a máis castigada, a
máis debilitada, a que viviu repartida entre o chan natal e outros países. Así
perdeu a concentración de enerxías que, en troques, permitiron a Cataluña e o
País Vasco producir os seus estados de rebeldía. Ademais das apetencias
autonómicas comúns, Galicia ten unha conta de agravios moi copiosa fronte ao
Estado español. Aínda que o centralismo someteu aquelas nacionalidades, non as
empobreceu. A Galicia empobreceuna e fixo crónico o fenómeno da
emigración".
A determinación de Paz-Andrade por
actuar desde o xornalismo, o ensaio económico e a promoción empresarial vírase
frustrada na política. En 1931 o roubo das actas en Lalín impediu que fose con
Castelao ás constituíntes; no 33, as forzas de Lerroux e Gil Robles arrasaron a
representación nacionalista e finalmente en 1936, incluído nas listas de centro
de Portela Valladares, non saíu electo. Atravesou a ditadura sen renunciar ás
súas conviccións democráticas e tivo que ser nunha Candidatura Democrática
Galega unitaria cando por fin en 1977 exerceu dous anos como senador. Esa
representatividade amolaba a un Manuel Fraga que se refería a Paz-Andrade e a
Pujol cun descualificador "eses son multimillonarios". Paz-Andrade
retrucou con dureza: "É evidente que se do seu voto dependera eu nunca
podería estar desempeñando un mandato democrático. Quen só desempeñou cargos
políticos conferidos a dedo, ¿que títulos ten para poñer en cuestión a
lexitimidade das representacións que confiados aos demais? Un proceso que o
movedizo vilalbés cando foi ministro de segunda fornada fixo canto puido para
retardar. Con tantas enerxías físicas, financeiras e mentais é lamentábel que o
noso paisano as consuma na estéril tarefa de erguer cadáveres políticos. Por de
pronto, o franquismo, sistema que pretende converter en manancial que non cesa.
Do manancial aproveitouse en vida do macroditador canto puido, como ninguén
esquecería (...)".
Ningún comentario:
Publicar un comentario