Redacción | @prazapublica
Homenaxe ao comandante Moreno |
"Unos le dan bofetones, otros le dan puntapiés,
otros le clavan agujas, en las uñas de los pies. En el año treinta y siete, en
el alto del Acebo, matasteis a dieciséis, y al Comandante Moreno". José
Moreno Torres era o comandante do Batallón Galicia e a súa morte o 29 de
outubro de 1937 xunto con 14 dos seus homes acadou tal sona que mereceu esta
copla que se fixo moi popular durante anos nas vilas galegas e asturianas
da raia. En efecto, hai 75 anos foron asasinados preto do Acevo, na
Parroquia de San Bartolo de Monteseiro, na Fonsagrada por un grupo de
pistoleiros da Falanxe e varios gardas civís.
Este sábado Fonsagrada renderalles homenaxe no 75
cabodano da súa morte cunha serie de sinxelos actos que comezarán ás once da
mañá no Museo Comarcal da vila e o desprazamento ás doce até o Acevo. Alí
foron exhumados hai cinco anos os seus restos, dunha foxa común na que foran
amoreados polos fascistas. Posteriormente, á unha e media, realizarase unha
ofenda floral.
Nos actos serán homenaxeados José Moreno Torres
-Maior de Milicias (comandante)-, Jaime Machicado Lloren -comisario Político de
batallón (comandante)-, Odilo Masid Masid -comisario político de compañía
(capitán)-, Manuel Ramos Escarís -comisario político de compañía (capitán)-,
Maximino Martínez Fernández -tenente axudante-, Manuel Bugallo Lois -sarxento
de Milicias Miliciano-, Luis Rafael Villar Sánchez, Jesús Martínez
Castro e seis milicianos máis.
O Batallón Galicia
En setembro de 1936 creouse e comezou a adestrarse
militarmente, na avanzada galega cara Asturias, o que sería coñecido como
Batallón de Milicianos de Galicia, unidade na que se alistaron unha boa boa
parte dos galegos que residían na raia galega-asturiana ou que conseguiran
chegar até alí antes do 18 de xullo de 1936. O 9 de xaneiro de 1937
uníronse a eles vintetrés destacados militantes libertarios galegos que
conseguiran chegar ao porto de Xixón tras saír do das Xubias, na Coruña,
nunha lancha pesqueira a motor, á que eles mesmos chamaban La Libertaria.
Entre os fuxidos estaba José Moreno Torres, quen uns meses despois ía ser
nomeado comandante da unidade.
Tras loitar nas frontes de Oviedo, Biscaia e
Santander, a comezos do outono de 1937, o batallón comezou a loita nas montañas
de León, onde participaría en sanguentas batallas que terminaban o 20 de
outubro de 1937 no porto San Isidro, onde lles chegaban as primeiras noticias
do final da guerra no norte. Naquela altura, ao non poder chegar ao mar para
fuxir, un grupo de quince homes, entre os que se atopaba o comandante Moreno,
botou a andar cara á Coruña, coa esperanza de poder conseguir un barco co que
chegar a Francia, coa axuda dos poucos membros da CNT que aínda ficaban na
cidade herculina. O día 29 de outubro chegaban ao Acebo.
Esa mesma noite foron delatados e
caeron asasinados pola Garda Civil e por varios falanxistas, que meteron os
seus corpos nunha cova. En agosto de 2007,
logo de anos de investigacións, un grupo de arqueólogos dirixido por Javier
Ortíz deu conta de dúas das foxas onde ficaron soterrados. A exhumación da
ARMH rescatou once cadáveres, oito dunha foxa e tres doutra, e comprobou tamén,
mediante documentos e testemuños, que dous máis dos milicianos se atopan
sepultados no cemiterio da Fonsagrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario