xoves, 29 de novembro de 2012

Arabia Saudita: tecnoloxía ao servizo dos gardiáns


El Diario | @eldiarioes © Amnesty International
Foi a activista saudita Manal Alsharif, que desafiou en 2011 a prohibición que lles impide ás mulleres conducir, quen alertou de que nos últimos días cidadáns sauditas recibiran mensaxes nos seus teléfonos móbiles cada vez que as súas esposas cruzaban a fronteira. A noticia estendeuse enseguida polas redes sociais, acompañada de denuncias de xente dentro e fóra do país. Tecnoloxía para controlar as mulleres, titulaban medios e activistas de todo o mundo. Pero que supón realmente este novo sistema electrónico?
Arabia Saudita é o único país do mundo onde as mulleres teñen prohibido conducir, un feito que recibe cada vez máis oposición dentro e fóra do país. É só unha máis das múltiples trabas que sofre a poboación feminina nun estado que lles nega a maioría de dereitos. O concepto de custodia masculina que establece o Dereito de Familia erixe os homes nos seus gardiáns e limita os seus dereitos no referente ao matrimonio, o divorcio, a custodia dos fillos, a sucesión, a propiedade, a elección do lugar de residencia, a educación e o emprego. Tamén no relativo aos seus movementos. Para isto último, o Ministerio de Interior saudita conta con tecnoloxía punteira que fai que resulte máis sinxelo que os gardiáns poidan controlar as mulleres ao seu cargo.
Non só as mulleres. O servizo do que dispón o Ministerio de Interior desde 2010 permite os homes rexistrarse para recibir actualizacións sobre todas as persoas ao seu cargo, que figuran incluídas no seu documento nacional de identidade: fillos e fillas menores de 21 anos e esposas. Desde novembro deste ano o servizo inclúe un dispositivo electrónico que detecta desprazamentos ao exterior do país e que afecta de forma especial ás novas estudantes que se trasladan a diario a universidades de países veciños como Bahréin. Cada vez que unha destas mulleres, ou calquera mozo menor de 21 anos, cruza a fronteira envíase un sms automático das autoridades de inmigración ao seu titor ou gardián.
A doutora saudita Badria Albashir publicou o 19 de novembro no diario Alhayat un artigo no que se mostraba especialmente crítica do efecto que esta medida ten nas mulleres: Ti descansa, que xa controlamos a túa muller por ti. As redes sociais enchéronse de comentarios respecto diso, moitos deles en ton de burla. “Se necesito un sms para decatarme de que a miña muller marcha do país, ou estou casado coa muller equivocada ou necesito un psiquiatra”, chanceaba un usuario en Twitter.
 “Este tipo de medidas lembran os cintos de castidade que datan de hai 300 anos”, explícalle a activista saudita Manal Alsharif a Eldiario. “Cada vez estamos máis asfixiadas e con menos marxe de movemento”. Non é a única que establece o paralelismo entre o sistema electrónico de control dos movementos das mulleres co cinto de castidade.
Segundo o xornalista saudita Ahmed AlOmran, o problema non é o servizo electrónico de envío automático de mensaxes, que en realidade lles aforra ás mulleres e menores que queiran viaxar trámites molestos que requirían até agora dunha autorización previa do seu gardián. “O problema é que o Goberno está a reforzar leis que impoñen a tutela dos homes, na que moito de nós non cremos. O Ministerio de Interior debería ofrecer unha casa na que marcar. As miñas parentes femininas non necesitan o meu permiso para viaxar, pero por desgraza ese día aínda non chegou”.
Supoña ou non esta medida un aumento do control sobre as mulleres, o certo é que contribuíu a avivar un debate que ás autoridades sauditas lles resulta cada vez máis difícil eludir. Atrapada entre a presión nacional e internacional e os sectores máis conservadores do país, a monarquía saudita combina tímidos pasos que apuntan a unha apertura en cuestión de igualdade co reforzo da tutela masculina que establece o Dereito de Familia. O aumento da presión sobre este reino que anula o 50 por cento da súa poboación condicionará en gran medida que cristalicen os avances que as sauditas levan anos demandando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario