sábado, 3 de novembro de 2012

Atleta, actor, antifascista


Publicado o Mércores, 24 Outubro 2012. Escrito por Martiño Suárez. Dioivo
O outro día vin un partido da NFL (National Football League, a liga de fútbol americano); non pregunten por que, ás veces hai que facer cousas raras para conseguir que o neno coma a merenda. Tres cuartas partes dos xogadores no campo eran negros, o que me recordou a figura de Paul Robeson, cantante, actor, avogado, activista contra o fascismo e tamén atleta ao que lle tocou vivir unha época na que aos afroamericanos lles estaba vedado, entre tantas outras cousas, o deporte profesional.
Robeson naceu cando o século XIX estaba para finalizar. O seu pai escapara aos quince anos do branco que o escravizaba, cruzando a fronteira entre a implacable Carolina do Norte e os algo máis tolerantes estados unionistas e participando despois na Guerra Civil americana do lado antiescravista. Paul era o máis novo dos irmáns. Os pais conseguiron mandalo á universidade de Rutgers, onde era o único negro do campus. O rapaz era un prodixio físico, un tipo alto, de cen quilos de peso, perfecto para un deporte de contacto tan duro coma o fútbol americano. Así que probou no equipo universitario. Segundo parece, o adestrador quedou impresionado, quizá porque, con boa parte dos compañeiros (todos brancos) en contra e zumbándolle todo o posible nos adestramentos, Robeson negouse a tirar a toalla e seguiu xogando ata que o admitiron. Con todo, varios equipos rivais advertiron a Rutgers de que non competirían con eles se un negro estaba no campo, así que o mozo tivo que tragarse a rabia sentado no banco en varios encontros.
Chegou a xogar dúas temporadas nunha NFL acabada de crear e realmente escasa en xogadores de cor, primeiro no equipo de Akron e despois no de Milwaukee. Retirouse ao acabar os estudos para comezar unha carreira como cantante e actor que o faría moi popular nos Estados Unidos e en Gran Bretaña.
Pero a fama e os cartos non lle fixeron esquecer a Robeson a dura historia da súa familia, nin os golpes dos seus pálidos compañeiros de vestiario, nin as humillacións diarias que tiña que sufrir a súa xente. Nos anos trinta comezou a interesarse pola historia da África colonial da que lle viñan os devanceiros e, sendo unha das poucas estrelas negras do cine sonoro, puido visitar Alemaña e a Unión Soviética: o racismo do imperio nazi horrorizouno, mentres que, á volta de Moscova, declarou: "Sentinme na miña casa".
Convertido xa ao socialismo, Robeson embarcaríase no final do decenio nunha campaña de apoio ás Brigadas Internacionais que combatían pola República na guerra de España. En 1938 pasou un mes nas frontes de Madrid e Aragón cantando para as tropas e animándoas nunha loita que comezaba a torcerse definitivamente. As crónicas da época (consultadas a través do libro Las Brigadas Internacionales en la Pantalla, de Magí Crusells) contan que “los hombres de las trincheras –impasibles ante las balas y el riesgo, vencedores del frío y de la incomodidad- se han emocionado ante el acento nostálgico de las canciones de este gran artista de raza negra y alma blanca”. Vaia.
Coma tantos outros, acabaría pagando o esquerdismo sendo incluíndo nos cincuenta nas listas negras do senador McCarthy. Morreu nos setenta, feito un símbolo do movemento americano polos dereitos civís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario