luns, 5 de novembro de 2012

Maten o traidor!


Publicado o Mércores, 31 Outubro 2012 Escrito por Martiño Suárez. Dioivo
Nos oitenta, para moitos alemáns do oeste a RDA era xa case un país de chiste, cos seus coches de resina, os seus desfiles ridículos e os seus monumentos en ruínas. Por iso, a maior parte da xente acreditou na historia oficial da morte do futbolista Lutz Eigendorf. Polo menos ata que, despois de unificada Alemaña, saíron á luz os documentos da policía secreta comunista, a Stasi.
Porque a fuga de Lutz Eigendorf do leste comunista ao oeste capitalista non parecía precisamente nada do outro xoves. Eigendorf era un mediocampista de certo talento, ligado desde a adolescencia ao Dynamo de Berlín, o equipo favorito do xefe da Stasi, Erich Mielke, e internacional co equipo da RDA a finais dos setenta. Con 23 anos viaxou por primeira vez á República Federal para xogar un partido en Kaiserslautern. O Dynamo era un conxunto frouxo que, habitualmente, resolvía as súas participacións europeas perdendo con outro equipo da órbita soviética; desta vez tocoulle palmar de catro contra un da área capitalista.
O caso é que, na longa viaxe de volta (e despois de que os encargados do equipo contasen e recontasen os xogadores para que ningún quedase do outro lado do país), o autobús do Dynamo parou nunha vila á beira da estrada, aínda en territorio da RFA, e a Eigendorf entráronlle as présas: ante a mirada de estupor dos seus compañeiros, apañou un taxi e converteuse en refuxiado antes de que os responsables do conxunto se desen de conta da súa falta.
Aínda que fixo os seus cartos e probablemente viviu ben mellor do que o facía ao outro lado do pano de aceiro, a Eigendorf non lle foi demasiado ben: a muller que deixara en Berlín Leste decidiu (ou fixéronlle decidir) quedar alí coa filla pequena que acababan de ter; a FIFA suspendeuno un ano por abandonar o seu equipo; e o Kaiserslautern, que o fichou unha vez superado o castigo, cansou pronto de pagarlle o cuantioso soldo que lle asignara. En 1983 Eigendorf viuse xogando (pouco) nun equipo de segunda fila, e mediada a temporada morreu nun accidente conducindo o seu Alfa Romeo; no seu sangue había alcol como para derrubar un elefante.
Ninguén creu aos poucos amigos de Eigendorf que viron detrás do accidente a man da Stasi: non resultaba moi doado entender por que a policía secreta comunista eliminara a un futbolista de escasa proxección, gastando valiosos fondos e arriscándose a un grave incidente diplomático. Mais despois da caída do Muro de Berlín, en 1989, a apertura dos arquivos da policía secreta serviulle a un xornalista, Heribert Schwan, para desvelar que a historia fora moito máis sórdida; que Mielke se debeu sentir traizoado ata o punto de poñerlle vixilancia constante a Eigendorf; que a Stasi mesmo enviou á RFA como suposto refuxiado a un antigo amigo do futbolista, o loitador Karl-Heinz Felgner, para que lle sacase información e, chegado o momento, cometese o asasinato; e que, finalmente, axentes secretos probablemente drogaron e emborracharon a Eigendorf para despois deixarlle escapar no seu coche e deslumbralo na estrada ata que se estrelou. Segundo parece, na marxe dun dos documentos desclasificados que contan a historia, apareceu escrita a man a frase “Tod dem Verräter”, maten o traidor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario