Marcos Pérez Pena praza.com
Xosé Abad está presentando o seu máis recente
documental, A pegada dos
avós, un filme que afonda nas historias e nas vidas de varios
represaliados galegos polo franquismo, pero coa novidade de que o relato está
contado, en certa maneira, a través dos ollos dunha xeración moi afastada do
sucedido naquelas décadas. Son un grupo de adolescentes, estudantes dun centro
de secundaria da Coruña, os que entran en contacto cos protagonistas,
investigan sobre a súa vida e reflexionan sobre os acontecementos que
viviron.
A ollada nova destes rapaces e rapazas axuda a
achegar as historias cara ao presente, como lembranza de que moitas desas
feridas nunca se borraron ou foron pechadas en falso: "O termo de
memoria histórica está mal aplicado, porque é un asunto de actualidade. E con
esta revisión que fan os rapaces e as rapazas, deixan claro que é un asunto de
actualidade e que aínda está por resolver", destaca Xosé Abad, que xa
en 2009 fixera con O segredo da Frouxeira unha intensa aproximación á
Guerra Civil e a posterior represión.
No filme cóntanse as historias, por exemplo, de
Mariquiña Villaverde, cuxo pai foi "paseado", ou a de Gabriel Toimil,
fillo de Amada García, fusilada xusto despois de traelo ao mundo.
Tamén se poden ver entrevistas a Baltasar Garzón, Manuel Rivas, o presidente da
CRMH Fernando Souto e o historiador Emilio Grandío. A experiencia non deixou
indiferentes os mozos e mozas: "Cada un ten a súa historia e cada tivo
reaccións distintas, pero creo que en xeral a todos lles impactou moito todo o que
estaban investigando e a reacción común a todo foi a de 'como podía eu vivir
ignorado todo isto que sucedeu aquí?'", destaca Abad. "Cando
pasaban polo lugar no que foi fusilada a nai de Gabriel Toimil, no Castelo de
San Felipe, pensaban: 'cantas veces teño pasado eu por este lugar e non sabía
nada?'". "Os rapaces van medrando en coñecemento, van medrando
politicamente, algo que nin remotamente pensaran antes", engade e conclúe:
"o documental sorprende e tamén anima, porque achega unha nova ollada
sobre un tema que parecía que querían enterrar, pero que queda demostrado que
non se pode enterrar".
O filme, que se estreou antes do nadal na Coruña,
poderá verse este venres a partir das oito da tarde na Fundación
Novacaixagalicia de Ferrol, nun acto organizado pola Asociación Memoria
Histórica Democrática e por Fuco Buxán. Será o comezo dunha xeira de proxeccións que o levarán por todas as cidade
galegas e, posiblemente, Madrid e Barcelona. Un camiño que completará un longo
proceso de produción que tivo que superar moitos obstáculos e pelexar por
acadar o financiamento necesario.
Hai ano e medio dábamos conta en
Praza da campaña de crowdfunding que finalmente
recadou máis de seis mil euros que, xunto co esforzo de todas as persoas que
realizaron o filme (que deixaron moitos salarios sen cobrar) permitiu chegar a
este resultado final. "Unha película coma esta é custosísima, e nunca
recuperaremos o tempo e os cartos que investimos, a través da capitalización
dos nosos salarios", salienta Xosé Abad, que afirma que con O Segredo
da Frouxeira e A Pegada dos Avós pechou "un ciclo" e que,
polo momento, non pensa en facer ningún outro traballo sobre a guerra civil.
"Será moi importante o desenvolvemento que poida ter esta película, que
creo que se pode estender moi ben, a través do boca a boca. É importante para
que se espallen todas as cousas que se contan no filme, e tamén para pagar
algúns soldos ás persoas que traballaron nel", di.
Ningún comentario:
Publicar un comentario