venres, 3 de xaneiro de 2014

Esteirán e Rizo, dous fotógrafos que fixeron da Galiza un estudo


“Un estudo chamado Galiza: A modernidade a través das imaxes” recolle fotografías de Xosé Piñeiro Priegue “Pepe Esteirán” e José Vázquez Arias, “Rizo”, dous fotógrafos que retrataron unha época e o seu acontecer cotiá desde o interior e a costa. A mostra ábrese en Vigo e forma parte do “Outono fotográfico”. 
M.L. sermosgaliza.com

A Sala de exposicións do Centro Social Fundación Novacaixagalicia acolle a partir deste 17 de decembro e até o 25 de xaneiro a mostra “Un estudo chamado Galiza: a modernidade a través das imaxes”, unha exposición que recolle obra de dous fotógrafos que retrataron o acontecer do país durante décadas. Xosé Piñeiro Priegue, “Pepe Esteirán” (1930-2002) e José Vázquez Arias, “Rizo” (1917-1975) son os protagonistas da exposición que fai parte do programa do Outono Fotográfico 
A mostra componse de 217 fotografías que retratan o país dos anos 40 a 60, desde o interior e desde a costa, desde a Noia de Esteirán até Castro Caldelas de Rizo. 
A filla do autor, María Esteirán, e Sabela López Pato son as encargadas de escolmar a obra de Esteirán, escollendo fotos de entre 1966 e 1977 deste fotógrafo de Noia que reparou co seu obxectivo no retrato persoal e tamén nos acontecementos que se desenvolvían no ámbito público como eventos deportivos, a actividade pesqueira ou os actos sociais do seu tempo. Para a mostra recuperáronse imaxes de máis de trinta persoas grazas ás que sae á luz a obra deste fotógrafo autodidacta. Veciños e veciñas de Noia, persoas do mundo da cultura ou compañeiros de Esteirán contribúen desta maneira a construír o legado de imaxe deste fotógrafo que documentou o seu tempo, captando co seu obxectivo desde unha escola até un banquete de voda. 
De Noia a Castro Caldelas

Pepe Esteirán colleu o oficio de seu pai Maximino que participaba nas feiras como tratante de gando e aproveitaba para tirar retratos cos que complementar a súa economía. En 1956 instálase en Noia, onde abre un estudo local polo que pasan boa parte dos acontecementos familiares da vila, mais Esteirán sae tamén coa súa moto para captar imaxes de toda a comarca. Até a súa morte e desde os noventa, foi gráfico de El Correo Gallego. A súa muller Pilar Pére Santos conservou o arquivo que agora a súa filla María Esteirán, tamén fotógrafa, coida e fai público. 
Antón Piñeiro é o encargado da exposición das imaxes de José Vázquez Arias, “Rizo”, veciño de Castro Caldelas, na parroquia de San Xoán de Camba, onde naceu en febreiro de 1917. De familia labrega, Rizo abandonou a tradición de muiñeiro para se adicar ao oficio da fotografía e, despois dun periplo por Bilbao e Ferrol, regresa a Castro Caldelas desde onde retrata a comarca, os seus rostros e os seus momentos. Retratista de exterior, “Rizo”, apodo herdado do avó, a súa inmensa produción fotográfica fai parte dos álbumes familiares da veciñanza da comarca, en especial, de todos e todas as que pasaban polas súas feiras e tamén as súas festas e romarías. 
“A fama do fotógrafo chegou a ser tal que os negocios das vilas onde o Rizo penduraba as fotos acabaron por converterse en pequenos santuarios iconográficos aos que acudían mozos e mozas, novos e vellos, en verdadeira romaría, co fin de ver o resultado daquela inesperada instantánea que a semana anterior o Rizo lles roubara ou aqueloutra estudada escenificación que el mesmo provocara entre os grupos de amigos e amigas para inmortalizar o feliz momento”, explica Antón Piñeiro, curador da exposición, nun texto no que gaba o don do fotógrafo para o contacto social e para atopar o instante máis natural para o retrato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario