Marcos Pérez Pena praza.com
O 23 de decembro de 1963 naceu na Coruña a Asociación Cultural O Facho,
nunha primeira xuntanza de socios celebrada na cafetaría Linar, pero foi
realmente en xaneiro de 1964 cando a asociación comezou a desenvolver as súas
primeiras actividades. Este venres 24 O Facho celebra o seu 50 aniversario,
cunha palestra sobre o nacemento nos anos sesenta e setenta de esta e outras
agrupacións culturais en toda Galicia, a cargo do profesor Ricardo Gurriarán
(salón de actos da ONCE, ás 19.30 horas) e unha cea de irmandade, a partir das
nove da noite no Hotel Riazor. A actividade do Facho, xunto coa do Galo en
Compostela ou a Asociación Cultural de Vigo, foi a terra na que creceu e
se fortaleceu un movemento opositor á ditadura e unha renovada conciencia de
defensa da lingua e cultura galegas.
No caso do Facho, todo partiu dun chamamento na
prensa realizado no verán de 1963 por dous estudantes
coruñeses, Henrique Harguindey Banet e Andrés Salgueiro, solicitando a
participación de todos aqueles interesados na creación dunha "agrupación
de cultura gallega". Na súa popular sección Pluma de Medioanoche o
xornalista Luis Caparrós escribía que "La idea, aún sin ser nueva, es
buena. Todo lo que huela a gallego, como todo lo que huela a cultura, es
siempre conveniente y admirable". Este e outros documentos poden ser
consultados na web da Real Academia
Galega, institución á que O Facho doou o seu arquivo en 2012. Esta
chamada atraeu un grupo de persoas que xa en outubro comezaron a deseñar a
estrutura, estatutos e actividade da asociación. A primeira directiva do
Facho estivo constituída por Henrique Harguindey Banet, presidente; Leopoldo
Rodríguez Regueira, secretario; Xermán Muñiz Castro, tesoureiro; Enrique
Iglesias Conde e Elena Rosa López Meneses, vogais.
Traballaba e construía en terreo hostil, quedaban
aínda moitos anos de ditadura por diante, e O Facho tivo que enfrontarse á
presión do réxime e a sancións. En 1973, por exemplo, recibiu unha multa de
5.000 pesetas, imposta polo Gobernador Civil da Coruña, pola lectura dun poema de Xosé
Luís Franco Grande e doutro de
Arcadio López Casanova. A pesar dos contidos esencialmente culturais
das actividades do Facho, a súa soa existencia era sospeitosa e xeraba
malestar no réxime. O Facho era un lugar de debate nun tempo no que o debate
non estaba permitido, e converteuse así nun punto de encontro de moita xente
que quería ollar fóra, cara a outras realidades. Como sinala J.
Alberte Corral Iglesias, o actual secretario da asociación, O Facho
"foi unha ferramenta fulcral na resistencia cultural do pobo galego contra
o etnocidio que estaba a levar contra nós a tiranía".
Corral Iglesias destaca que "O Facho é a
primeira agrupación cultural nunha cidade galega creada por cidadáns da mesma.
Ademais nace levando en si mesma persoas de diferente extración social e
ideolóxica". Porén, subliña que "foi unha mágoa que co xurdimento
do novo réxime político se abandonara a actividade cívico cultural pensando que
ocupando postos políticos chegaba para reconstruír o país, e isto dígoo non
sendo malicioso senón ben pensado". Engade que "sen un tecido cívico
e cultural é imposible artellar un proceso emancipador, e para acadar o mesmo é
preciso non unha senón centos de asociacións culturais que incen Galiza de
preguntas e de reflexión sobre nós mesmos, pois somos en tanto que facemos e no
que facemos".
Teatro e lingua
O Facho comezou a desenvolver unha intensa
actividade cultural, con conferencias, concertos e exposicións, pero nas súas
primeiras décadas de historia destacou, sobre todo, en dous eidos, no que
construíu estruturas moi importantes e moi populares onde case non había nada:
o teatro e o ensino da lingua galega. En 1965 créase o Grupo Teatral O
Facho, no que participaron Manuel Lourenzo o Francisco Pillado. O
grupo levou a escena un bo número de obras de autores, tanto galegos como
estranxeiros, cuxos textos eran traducidos, en moitas ocasións, polos propios
compoñentes da agrupación, como por exemplo A feira dos criados, de
Bertolt Brecht, en 1966 ou Antígona, de Jean Anouilh no 70. A este
respecto J. Alberte Corral Iglesias, sinala que "non podemos entender a
existencia do teatro galego nin da literatura infantil sen os concursos do
Facho e a constitución dos primeiros grupos de teatro amador estables".
Xa en 1964 a asociación organizou o primeiro dos
seus cursos de lingua galega, en cuxo deseño colaborou Leandro Carré
Alvarellos. Unha das súas grandes preocupacións era que estes cursos chegasen á
maior cantidade de xente posible, polo que puxeron unha especial énfase en
que tivesen presenza a través dos medios de comunicación. Nos anos setenta
e oitenta mantiveron as seccións en galego "Arco da vella" en El
Ideal Gallego e "Contos de nenos galegos" en La Voz de
Galicia. Tamén destaca, neste senso, a edición do libro O galego
hoxe: curso de lingua, realizado polo equipo de lingua da asociación e
aditado por La Voz de Galicia en 1978 e que tivo unha difusión masiva en
todo o país, sendo ademais "o primeiro libro de ensino do galego editado
despois da República", como destaca J. Alberte Corral Iglesias.
E tamén na radio, realizando entre 1973 e 1978 o programa
radiofónico en galego "Da terra e dos tempos", emitido por
RNE. Unhas emisións, aparentemente inocuas e que non deberían molestar a
ninguén, pero que de feito si o facían, como o demostra un escrito remitido
á dirección de RNE na Coruña, que pedía a supresión "de esta
vergonzosa propaganda del veneno galleguista antiespañol". Como lembra
Corral Iglesias, O Facho representou o mellor daquela Coruña "na que
naceron as Irmandades da Fala, constituise a Academia Galega como realidade
fáctica e nos tempos mais crueis da tiranía foi unha das cernas do renacer do
Movemento Obreiro galego, de organizacións políticas para a loita contra a
barbarie do clerical-fascismo".
O Facho convocou igualmente un bo número de certames
literarios, de contos infantís, poemas e teatro infantil en galego, e
mesmo algún de banda deseñada ou de redacción na nosa lingua. Abonda con repasar a lista de gañadores e gañadoras para
decatarse da importancia que estes premios, naqueles anos, tiñan para unha
cultura galega en absoluto normalizada: Carlos Casares (gañador do certame
de Conto para nenos, 1968 e Teatro infantil, 1973), Bernardino Graña (Conto
para nenos, 1969), Dora Vázquez (Contos para nenos, 1976), Manuel Lourenzo
(Teatro infantil, 1975 e 1981), Manuel Rivas (Poesía, 1978), Pilar Pallarés
(Poesía, 1979), Jaraba (Banda deseñada, 1980) ou Miguel A. Fernán Vello
(Poesía, 1981).
O futuro da asociación
O Facho pasou por épocas mellores e
peores que, como sinala o actual secretario da asociación, se cadra foron
"os anos anteriores a nos facer cargo a actual Xunta Directiva".
"De certo" -engade- "O Facho estaba em situación de
extinción". De cara ao futuro, di, "tentaremos aumentar o número de
asociados, pois iso significaría non só máis recursos financeiros para as
actividades, senón sería unha mostra do crecemento da concienciación nacional
de nós, como pobo e nación". Conclúe que "a pesar dos infernos
creados pola reacción actual e pasada, somos um pobo que paremos bos e
xenerosos que teñen os humildes como eixo existencial do seu quefacer. É bo
lembrar que xente modesta e aguerrida en tempos moi duros tiña este saúdo ao se
encontrar: Saudiña e canta o melro! Existe algo mellor para nos definir?"
Ningún comentario:
Publicar un comentario