martes, 1 de novembro de 2011

Guatemala: loitar pola terra cando cultivar cana "está de moda"


Aprenderon a lingua 'do inimigo' non para tentar integrarse nunha historia que non é a súa, senón para facer valer, mediante a palabra, unha cultura e unha loita que son parte ou consecuencia desa historia.
Por Beti Vázquez | A Coruña | 30/10/2011
Juventina López
Juventina López e Damián Vaíl son unha lideresa e un líder do movemento pola terra do pobo Mam, unha das 21 etnias indíxenas que aínda habitan as terras de Guatemala, nación que até 1821 foi colonia española e que a día de hoxe, dunha maneira ou outra, segue a traballar como serventa ao servizo de intereses alleos.
Nunha visita a Galiza con motivo dun encontro no marco do Programa de desenvolvemento integral Oxlajuj Tz'ikin, que o Goberno galego financia na zona sur da Costa do Pacífico, lideresa e líder colocáronse ante un micro e narraron as causas desta problemática para unha cultura, a maia, onde 'terra' significa 'vida'. Aínda que a realidade é ben distinta. Desde hai décadas en Guatemala 'terra' é sinónimo de loita, de violencia, de morte e, sobre todo, de impunidade.  
Desaloxadas e escravas
“A distribución ou a falta de terra vén dos anos 50”, sinala Juventina López, aínda que o municipio do que ela é orixinaria, Cajolá, situado no altiplano guatemalteco, foi desposuído xa a finais do século XIX da metade das súas propiedades comunais por parte do propio Goberno, que llas regalou aos militares. Cando a voz indíxena foi escoitada, os novos poboadores negáronse a abandonar o lugar, polo que o novo Goberno localizou outros terreos e entregounos en propiedade ao pobo Mam que fora desprazado de Cajolá. Estamos no ano 1910.

Pero poucos meses despois, o mesmo Goberno ignorou a súa propia concesión e adxudicou as mesmas terras, bautizadas como As Pampas do Horizonte, a outro dono. Cajoleñas e cajoleños pasaron a traballar en réxime de escravitude construíndo estradas polas que circularían as camionetas dos grandes terratenentes. E todo iso a cambio de nada.
Resistencia
Non foi até 1955 cando se consolida o primeiro movemento a prol da recuperación das Pampas do Horizonte, e o seu levantamento foi esmagado sen dificultade polo coronel Castillo Armas, novo presidente tras o golpe de estado do ano anterior. Os propios terratenentes tamén reaccionan enviando pistoleiros, ante a pasividade da Xustiza.

Pero, se a historia é certa, a poboación maia está feita de millo, ingrediente que lles proporciona sentimentos, habilidades para a comunicación e capacidade de loita. Unha loita que consiste en ocupar, producir e resistir. Así, trinta anos despois daquel primeiro intento, o pobo organizouse mentres prestaba a súa man de obra escrava e non cualificada nas grandes leiras cafetaleiras, azucreiras e algodoneiras, onde seguía a traballar para os terratenentes, na súa maioría de raíces españolas. Así, 350 campesiñas e campesiños ocuparon as terras de Cajolá que lles foran arrebatadas. O movemento foi aplacado de novo, e os seus líderes encarcerados e procesados por un delito de usurpación. 

En 1991, aínda durante o conflito armado, o Goberno failles entrega de novos lotes --porción que correspondería a unha familia--, pero no litoral do Pacífico. “Se pelexabamos, os líderes eran detidos e acusados de apoiar a guerrilla. Non lles importaba se había mulleres ou nenos, só querían reprimir”, lembra Damián Vaíl, quen estaba presente na primeira protesta realizada coa entrega da nova leira, que chegou 103 anos despois do desaloxo en Cajolá e tras máis de 40 anos de mobilizacións e loita. “Non había terra cultivable para todas as familias, polo que pedimos que fose unha solución temporal, mentres non se resolvía a propiedade das Pampas do Horizonte”, explica Vaíl.

''Non quedaba nada, nin unha árbore''
“Querían exterminar á poboación indíxena; con fame ou con desaloxos, o que querían era matarnos”. Así que decidiron continuar pelexando. Un ano despois o movemento volveu ocupar a leira do altiplano. A intervención dos antimotíns foi tan cruenta que as campesiñas e campesiños trasladaron as súas protestas á capital, ocupando a praza principal e encerrándose posteriormente no Paraninfo da Universidade. 

O peche, que se preparou para cinco días, prolongouse durante cinco meses, e as persoas que o protagonizaron non recibiron do Goberno nin un vaso de auga. A batalla terminou co compromiso de compra dunha segunda leira, que as campesiñas e campesiños deberían ir pagando aos poucos. “Recibimos un terreo onde sementaran algodón, onde non quedaba nada, nin unha árbore, porque para o monocultivo a leira ten que estar limpa. Unha terra arrasada, sen servizos básicos, sen nada, e pola que teriamos que pagar. E saben que dicían de nós os medios de comunicación?”, pregúntase Damián Vaíl.

Dicían cousas coma esta: “Os indíxenas provocaron aos antimotíns. Afortunadamente non houbo feridos e se os houbo foi porque os manifestantes caeron na súa carreira, pois a policía non golpeou a ningún. É máis, os campesiños levaban a cabeza até o bastón dos axentes”. Son as palabras que o día do desaloxo nas Pampas pronunciou o director da Policía Nacional extraídas do diario guatemalteco Siglo Veintiuno. “Desacreditábannos ante a sociedade, primeiro vinculándonos coa guerrilla e despois póndonos de violentos cando só reclamabamos unha terra que é nosa”, lamenta Vaíl.


E hoxe?
Nihil novi sub sole. O dereito á terra continua sendo o privilexio duns poucos, mentres campesiñas e campesiños sobreviven en latifundios estériles. En xullo deste ano 130 familias ocuparon unha leira no departamento de Retalhuleu tras ser expulsadas do traballo polo terratenente. Para poder comer cultivaron millo. O desaloxo tardou pouco, e terminou cun líder detido por un delito de usurpación  e un campesiño morto, Sergio de León, de 31 anos. Segundo as testemuñas, a policía disparou catro proxectís de gas lacrimóxeno sobre o seu corpo a dous metros de distancia. Sostendo a bandeira guatemalteca, asasinárono tratando de evitar que o desaloxasen da leira que levaba máis de media vida traballando.

Non hai terra para quen a necesita. “Quítannola porque a produción de cana está de moda”, di Damián Vaíl. E está de moda, entre outras cousas, porque serve para fabricar o biocombustible que fai circular os modernos coches de Europa. “A cana non alimenta; o millo si. A Nai Terra ten que darnos de comer”. O que si había eran 2.492 quilómetros reservados para a explotación de ferro no litoral do Pacífico que o Goberno concedeu de maneira desinteresada ao capital estranxeiro, o que provocará de novo o desprazamento das comunidades para extraer o prezado metal que se agocha baixo as mesmas.

“As terras que tardamos anos en recuperar quítannolas de novo. Nós non estamos en contra da minaría. Estamos en contra do roubo, do saqueo, de que nos quiten os nosos recursos”, critica *Juventina López, responsable da CONIC --a Coordinadora Nacional Indíxena Campesiña, que apoia ás comunidades nos procesos de acceso á titularidade da terra e condoación da débeda-- nunha zona onde seis comunidades teñen aínda débeda co Estado “que é imposible de afrontar, ao non ser produtiva a terra que nos deron”.
O prezo da axuda internacional

Juventina López e Damián Vaíl viñeron a Galiza para participar no foro do Oxlajuj Tz'ikin, o Programa de desenvolvemento integral que a Xunta desenvolve na Costa Sur de Guatemala desde hai case catro anos e que naceu “ligado á loita pola terra”. Repasando con Juventina López o papel das mulleres tanto na execución dos proxectos como na loita campesiña --un papel moi activo na práctica aínda que cunha participación aínda limitada na toma de decisións--, a conversación regresa a esa explotación dos recursos naturais de Guatemala por mans estranxeiras. 

Unha batalla coñecida líbrana contra Unión Fenosa a través da súa filial, Deocsa. “As comunidades non teñen capacidade política nin económica para enfrontar a loita polo territorio”, lamenta esta lideresa, tamén en referencia á instalación dunha granxa camaroneira no que antes era un bosque de manglares, especie protexida. Na entrada da planta colga unha bandeira española, outra galega e unha terceira que informa o seu propietario: Pescanova. “Vemos o que nos están facendo, pero non temos unha solución aínda”.

Ao preguntarlles polos malos resultados que o único partido que defende os intereses do movemento campesiño, Winaq –un termo en Mam que significa 'Ser Humano' na nosa lingua–, liderado pola Nobel da Paz Rigoberta Menchú, Juventina López fai unha valoración positiva: “Tivemos só uns 100.000 votos, pero son de persoas que realmente nos apoian, que non foron á urna enganados ou ameazados”. 

Sobre o panorama que se debuxará tras a segunda volta dos comicios, na que dous candidatos da dereita --o ex militar Otto Pérez Molina e o empresario Manuel Baldizón-- disputarán a cadeira de mando, Damián Vaíl prefire chancear: “Vostedes que preferirían, ter sida ou ter cancro?”

Ningún comentario:

Publicar un comentario