mércores, 30 de novembro de 2011

Os supervivintes de tódalas guerras


Setenta e cinco anos despois do inicio da Guerra Civil, e trinta e seis despois da morte de Franco, rememórase o asedio de Madrid
JORGE M. DE LA CALLE
Durante a Guerra Civil, Madrid foi unha cidade cercada. Sufría os rigores do desabastecemento, choraba as baixas que se producían entre os milicianos e corría baixo as bombas que Franco tiraba sobre as súas cabezas. Cando se cumpren 75 anos do inicio da guerra civil española, e 36 da morte do ditador, o autor rememora aqueles días cruciais de resistencia. Lorenza Valbuena foi testemuña privilexiada daquela época.
Din que ninguén é estranxeiro en Madrid, e que ninguén é propiamente madrileño. E deben ter razón: cando volvo, unha vez máis, á casa familiar, onde este medio galego ten as súas orixes, e me atopo coas mesmas caras, os mesmos xestos, coa mesma hospitalidade castiza e ao mesmo tempo cosmopolita. Eles, os meus avós, vellos supervivintes do século pasado, seguen igual ca sempre, como se di, tirando, a pesar de tódolos achaques e case unha centuria sobre os seus ombreiros.
Ela chámase Lorenza. É unha muller forte, a pesar da aparente fraxilidade que envolve cada un dos seus movementos, cada un dos seus actos. Antes de empezar a falar, acomódase na súa cadeira de brazos, colle unha manta e cobre con ela o seu colo; entón disponse a contar. O seu marido, Ángel, enfermo de Alzheimer, sae de vez en cando do seu estupor, para matizar algunha cousa, para demostrar que aínda axexa algún punto de luz na súa confusa memoria. Ós 18 anos estivo de voluntario no Quinto Rexemento, e ata o mandaron para a fronte de Aragón, pero só recorda o refrán da canción que entoaba a súa división: «Somos de Tomás Beade / batallón de milicianos / de la España liberal ...»
A súa futura muller, Lorenza Valbuena, tiña quince anos cando estalou a guerra. Vivía en Brunete, localidade a 33 quilómetros de Madrid, xunto ós seus pais e a seis irmáns. Casimira, unha das irmás, vivía xa na cidade co seu marido Julián: casaron en Brunete a finais do verán anterior, despois da sega, cando puideron reunir o diñeiro suficiente para o banquete. Como Julián non posuía terras para labrar, marchou á capital en busca de traballo, e cando volveu buscar a Casi, el xa era garda de Asalto. Brunete caeu o 21 de outubro. Foi cando os nacionais ocuparon Navalcarnero, xunto á estrada de Estremadura. A familia de Lorenza non esperou a que tomasen as súas terras: ela saíu a finais de agosto, coa súa nai e tres irmás máis, en dirección a Madrid. Por fortuna non terían o triste destino que se lles reservaba ós evacuados que ían chegando dos pobos: estes se amoreaban na periferia, no barrio de Salamanca. Elas, en cambio, tiñan o piso da súa irmá, que non era demasiado amplo, polo que Casi e Julián tiveron que buscarse a vida para acomodar ó resto da familia. En Brunete quedaron o pai e dous irmáns maiores pendentes da colleita. Non puideron recoller o cereal: o día en que entraron os nacionais saíron correndo, abandoando o trigo e a cebada nas eiras.
O comezo do asedio
Franco deuse conta cedo do difícil que ía ser atacar Madrid: os seus habitantes resistíanse a tirar a toalla, e aguantaban estoicamente as moitas carencias que impuña o illamento. O 7 de novembro de 1936 as tropas franquistas chegaban ás mesmas portas da capital, pero non conseguiron avanzar.
O estado de excepción notábase en todo: non só na exigua alimentación, na velocidade á que desaparecía un pote de lentellas. Saír á rúa era un acto de valentía, pero comportaba un maior risco permanecer en casa polas noites, mentres o ceo de Madrid se acendía co estalido dos obuses. A miña avoa aínda se estremece ó oír un trono, ou o mero estrondo dun petardo de feira. No seu caso, o temor ós bombardeos intensificábase.Vivían en Pacífico, hoxe Avenida de Barcelona, preto da Estación de Atocha. Tiñan enfronte o Parque de Artillería; á beira a Garda de Asalto. E uns metros máis abaixo, na mesma beirarrúa do cuartel, situábase a Intendencia. Tiñan todas as papeletas para ser branco da aviación alemá. Os bombardeos eran anunciados con sirenas; inmediatamente, os inquilinos baixaban ós sotos ou aos refuxios. Outros se gorecían nas estacións de metro. Lorenza e as súas irmás resgardábanse alí das bombas. "A maioría das noites, cando nos daba máis medo, colliamos unha almofada e unha manta e iamos a durmir ó metro de Goya".
Con todo, para unha moza como ela, non había medo máis terrible que o que espertaban os soldados africanos de Franco, porque se alimentaba das historias que circularon durante todo o asedio sobre o inimigo. "Dos mouros dicían que saqueaban
O desabastecemento
Lorenza fai especial fincapé na fame que pasaban: outros podían aprovisionarse fóra de Madrid, porque traían viveres das aldeas próximas, pero Brunete estaba tomado. Non lles quedaba outra opción que botar man da cartilla de racionamento. "Co que che daban, comías nun día o de toda a semana", afirma convencida, coa razón que lle dá o aguantar horas e horas cun buraco no estómago e o corazón encolleito, pensando na saúde das súas irmás. A menor, Nicolasa, morreu de anemia ós dous meses de chegar a Madrid: non resistiu á pobre alimentación da cidade.
As cantidades asignábanse por persoa e día; a cada boca correspondíalle un cuarto de litro de leite, 100 gramos de carne e de legumes, 250 de patacas e medio quilo de froita. O peixe, o azucre e os ovos repartíanse tres veces á semana; o café, o aceite ou as conservas, cada sete días. A partir de marzo de 1937, o concello tomou a medida máis drástica: racionar o pan. As cantidades oscilaban entre os 50 e os 150 gramos. Con estes recortes na dieta diaria apareceron os primeiros problemas: o acaparamento, a subida desorbitada dos prezos e o mercado negro. As colas xeneralizábanse nas portas dos establecementos. Algúns comerciantes facían provisión de alimentos, almacenábanos nas tendas e, cando escaseaban, vendíanos a prezos abusivos. Quen lea «Las bicicletas son para el verán», de Fernando Férnan-Gómez, acordarase de Basilio, o dono dos ultramarinos que ocultaba as existencias e lle enchía a despensa á familia de don Luís, por intermediación da criada. As autoridades intentaron loitar contra o acaparamento e a fraude, e fixaron uns prezos oficiais para os artigos de consumo. Pero estes prezos non se respectaban nos comercios, e o estraperlo non cesaba: "Un chusco de pan roubado de Intendencia podía chegar a custar 250 pesetas". A fame aguzaba o enxeño e estimulaba a picaresca: había quen finxía todo tipo de enfermidades, e falsificaba os documentos para obter aqueles alimentos nos que era necesaria receita médica, azucre e leite principalmente. De 1937 a 1938 subiron os prezos de todos os produtos, á vez que os nacionais impedían o abastecemento.
as casas e se aproveitaban das mulleres dos roxos", recorda Lorenza. "Tiñámolos por salvaxes e non sabiamos nin como eran". Máis tarde, souberon que lles correspondía a mesma parte que ós españois nas matanzas e nas violacións, e que o seu exotismo non os predisponía máis ó sangue que ós seus conxéneres o odio soterrado durante anos de convivencia.
Epílogo: exilio e reencontro
Durante uns segundos, a conversación detense. Lorenza estende o brazo para acadar o bastón de cana, lenta e tortuosamente ponse en pé, e entra na alcoba que ten máis cerca: para ensinarme unha cousa, algún tesouro gardado polas súas mans previsoras, esas que tantas bocas mantiveron, que tanto arrouparon e protexeron. Do interior dun caixón esas mans asucadas de engurras extraen unha soa fotografía, de entre as moitas en branco e negro que se apilan esquecidas pola ingratitude do tempo. Ensínama: é un retrato da voda de Casi e Julián. Pola sobriedade dos seus traxes dedúcese a súa orixe humilde - naquela época, nas aldeas, non se tiña diñeiro para comprar un vestido branco de noiva -. Con todo, a súa presenza digna e confiada, a seguridade con que miran, e a mocidade dos dous parece depararlles un porvir moi feliz. Nada fai presaxiar o que viría despois. A guerra, o exilio, os anos de anguria pensando onde se atoparía o outro. Días antes de que os nacionais entrasen en Barcelona, un 26 de febreiro de 1939, fixeron as maletas e cruzaron a fronteira. Como eles, centos de miles que se escapaban das garras de Franco. En Francia, separáronos; as mulleres, por unha banda, cos nenos, e os homes, por outra; a todos os internaron en campos de refuxiados, baixo pésimas condicións de salubridade. Medio millón de españois estiveron hacinados nestes improvisados campamentos, sometidos a vexacións, tratados como parias polas potencias democráticas, que xa demostraran a súa nula sensibilidade negándose a intervir na guerra. España non tiña recursos naturais que primasen a intervención, non era cobizada por ninguén, e si interesaba deixala en mans dun ditador fascista que espantase ós comunistas. Casimira estivo nove meses nun campo: logo comezou unha nova vida en París, mentres trataba de investigar o paradoiro do seu marido. A Julián o recrutaron na Lexión Estranxeira e foi levado ó fronte occidental, onde loitou contra os alemáns: escapou dunha guerra para meterse de cheo noutra, se cabe moito máis sanguenta. Os nazis apresárono e internárono nun campo de concentración. Casimira non tivo noticias del ata que finalizou a Segunda Guerra Mundial. A Cruz Vermella comunicoulle que atoparan ó seu marido. "Cando lle volveu a ver, era só unha sombra de si mesmo". Pesaba 38 quilos, e presentaba graves secuelas físicas e psicolóxicas. "O resto da súa vida seguiu enfermo, en tratamento. Non podía facer todas as comidas, o sal eliminouno da dieta", afirma a miña avoa. Julián e Casi non regresaron a España ata ben entrada a ditadura, na década dos 60, cando Franco anunciou que non habería represalias para os exiliados.
Observando a foto do día da súa voda, a única que Lorenza conserva del, custa un pouco máis entender a implacable metamorfose á que se puido ver sometido aquel mozo de aldea que un día se fixo garda por non acabar de xornaleiro. Custa imaxinar como ese home forte, robusto, de ombreiros anchos e mandíbula cadrada, chegou a experimentar nas súas carnes a degradación moral e material da guerra.
De "pacos" e "checas": a represión
Máis reais e próximas que as lendas que se contaban sobre a garda moura de Franco, eran as mortes que provocaban os "pacos"; os falanxistas que disparaban, ocultos desde os balcóns, contra os milicianos; ou os paseíllos das "checas", os corpos represores que asaltaban os domicilios dos sospeitosos de colaborar cos fascistas. Unha das "checas" máis famosas e, polo tanto, temidas, foi a coñecida como "Patrulla do Amencer", polas horas ás que levaban a cabo as súas execucións. Co tempo, o Ministerio da Gobernación viuse obrigado a restrinxir os numerosos rexistros que se practicaban. Nestes interviñan máis as envexas e rifas persoais que a sospeita fundada sobre a ideoloxía do veciño. Julián e Casi nunca se viron envoltos en política: el, como funcionario do Estado, conservaba unhas credenciais intachables, e aínda que as súas ideas fosen moderadamente de esquerdas, nunca as aireou de tal xeito que puidesen facerlle dano despois, se gañaba Franco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario