martes, 1 de novembro de 2011

O retorno de Antolín Faraldo


Moitas nacións europeas fundaron a súa loita de emancipación no romper do século XIX. Europa reconfigurábase. O tempo dos grandes imperios tocaba á fin e emerxían, dende o fondo das idades, os pobos historicamente dominados: Polonia, Hungría, Irlanda, República Checa etc. Mais tamén petaban na porta Cataluña ou Galiza.
Por Xurxo Martínez | Vigo | 29/10/2011
Un elemento común en todos estes procesos de liberación é a pegada do romanticismo. Nalgúns sitios chegou antes, noutros máis tarde. Pero en todos atopamos elementos que o sitúan nesta onda ideolóxica e artística. Foi unha corrente fondamente europea.
O nacionalismo galego nace no seu tempo, cando lle tocaba nacer. Non é extemporáneo. Non é un anacronismo. E se hoxe existe é porque o noso proceso continúa fronte a aqueles pobos que acadaron a súa liberdade no decorrer temporal, antes ou despois.
Adoita ser común que existan persoas que simbolicen o primeiro colectivo ou xeración que proclamou a necesidade de ser soberanos, de defender os intereses e o progreso da terra propia no canto de ser un sucedáneo, un punto alí, unha estremeira sen importancia fóra do xogo político.
Todas estas figuras merecen as meirandes loas e respecto. Hoxe ningún goberno dos estados denantes citados poría en cuestión a tarefa dos seus devanceiros. Porén, en Galiza hai quen mira con desprezo e arrogancia, con xesto anoxado e aldraxante a aqueles que loitaron, por exemplo, para acadarmos a autonomía que lles permite vivir, en moitos casos, do conto. Por iso existe a autoxenreira e unha exaltación da ignorancia como un éxito.
Un símbolo do pensamento nacionalista
Antolín Faraldo é o símbolo incuestionábel do primeiro pensamento nacionalista. Recolle na súa traxectoria todo o provincialismo, aquel que en 1846 denunciara a situación colonial de Galiza e reclamara o lugar da nosa terra no concerto dos pobos. Faraldo expresa aquelas aspiracións, é o mito, o símbolo do primeiro espertar galeguista.
Dixo Murguía que, tras a derrota do levantamento coñecido como a Revolución de 1846, non volvería prestar atención aos problemas galegos. Hoxe sabemos que esta afirmación é falsa pois se ben Faraldo non volverá escribir sobre provincialismo (polo que sabemos) non é menos certo que viviu nun clima de represión conservadora, de persecución e censura que non evitaron que se prestase á actividades a prol de Galiza.
O betanceiro formo parte dos círculos do provincialismo exiliado en Madrid a carón de Romero Ortiz, José Rúa Figueroa, Eduardo Chao, Vicente M. Cociña etc. Participou nun acto a prol de Galiza onde se recadaban cartos para paliar a fame que mataba centos de paisanos e obrigaba á emigración a milleiros por cada mes. Mais alén disto, Faraldo participaba na vangarda do movemento progresista, máis próximo á esquerda radical que representaba o Partido Demócrata, xermolo do republicanismo federalista.
O seu nome aínda non está recoñecido. Apenas merece mención nos grandes ou pequenos discursos, incluso entre as fileiras do nacionalismo galego ou da elite intelectual. Parece un figura de culto cando a súa debía estar presente nas vilas e cidades galegas. Aínda menos mal que o Concello de Betanzos, en 2004, o declarou fillo predilecto, que o seu nome ten un paseo e que podemos contemplar o seu rostro nun busto (ollo!, a placa está en castelán).
Porén, neste mes que imos entrar de Santos, cando os galegos e galegas honramos os mortos (tan vivos na nosa cultura e tradición), merece a nosa atención a figura de Antolín Faraldo. Neste mes en que varios concellos van promover o uso do galego nas lápidas e nos actos funerarios como mostra de normalización (acaso en Galiza só morren os que falan castelán?), proponse que se inicie unha reclamación popular para solicitar o traslado dos restos de Antolín Faraldo (que están en Granada) ao Panteón de Galegos Ilustres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario