Unha sólida produción de Continental lembra a pericia do Henry Ford galego
FRAN P. LORENZO
Na vida de Eduardo Barreiros hai moitas vidas. É o cativo da aldea de Gundiás, en Nogueira de Ramuín (Ourense) que logrou gravar o seu nome na metade dos camións que circulaban polas estradas españolas a principios dos anos sesenta.
É tamén a alma mater, canda os seus irmáns, dun imperio industrial con case 25.000 traballadores no que aplicou medidas sociais até daquela descoñecidas na España do desenvolvemento.E é sobre todo o emprendedor que se arrepuxo ás dificultades, un outsider recoñecido polas autoridades franquistas pero ao tempo sospeitoso de desafección, ameaza perpetua doutros grandes negocios, como Pegaso, nos que tiñan depositados os seus intereses os altos cargos do Réxime.
Unha desas vidas -a que retrata o seu esforzo empresarial, a súa compoñenente de innovación na mecánica automobilísitca, o afán por internacionalizar a industria da época e o trato-trampa coa norteamericana Chrysler- fica na tv-movie Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, dirixida por Simón Casal de Miguel, producida por Continental, Salero Films e TVG e que onte se presentou no Teatro Principal de Santiago. Con xustas doses de épica e de lirismo, o filme -que basea o seu argumento no libro de Hugh Thomas Barreiros. El motor de España-, é, en palabras do seu produtor Pancho Casal, "un filme 100% producido en Galicia, cun equipo 100% galego, rodado nos idiomas naturais dos protagonistas, que arrancou con financiamento só de Continental" e que, malia as limitacións económicas, xa foi adquirido por todas as canles autonómicas, menos TV3, e que participará en outubro no Mitcom de Cannes.
Barreiros, que empezou a traballar aos seis anos na empresa familiar de coches de liña en Ourense, é o fío condutor desta longametraxe.O actor galego Manu Regueiro interpreta con solidez a etapa de plenitude do empresario, que, logrou modernizar a frota de vehículos pesados en España -coa introdución nos camións do motor diésel
Barreiros- embarcouse en importantes negocios e contratas internacionais e, logo dunha alianza coa Chrysler, asumiu a produción en España dos modelos Dodge e Simca 1000. Os impedimentos e envexas que provocaba a súa meteórica carreira na cúpula franquista do INI, así como as manobras da industria norteamericana para desprazalo da súa propia empresa, o que aconteceu en 1969, retratan o reverso dos soños e da vida de E. Barreiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario