A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica reúne no vello cárcere provincial da Coruña persoas que estiveron presas a finais do franquismo por motivos políticos
MARÉ . SANTIAGO
Cárcere da Coruña |
Criticar a represión que recruou a primeiros dos anos 70, apoiar a loita dos traballadores dos estaleiros ou, simplemente, defender ideas antifranquistas, foron escusas suficientes para que moitos galegos pasasen polo cárcere a finais da ditadura, moitos deles acusados de facer "propaganda ilegal". A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña reuniu ante o vello cárcere provincial a varias persoas que foron á cadea nestes anos por motivos políticos.
O colectivo coruñés colaborou así coa plataforma cidadá Proxecto Cárcere, que está a traballar para converter a vella prisión nun centro socio-cultural e da memoria histórica. Do 8 ó 11 de xuño celebrou unhas xornadas con numerosas actividades, entre elas este encontro de ex-presos políticos.
Neste acto participaron Rafael pillado, que estivo11 días no cárcere da Coruña en 1968 e 4 meses en 1971, como consecuencia do Consello de Guerra de Burgos. Posteriormente, foi procesado no "Xuízo dos 23", polos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol -asasinato dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla-, cando traballaba na Bazán. Estivo case catro anos en varios cárceres ata a amnistía de febreiro de 1976; Nicanor Acosta, que estivo un mes no cárcere por propaganda ilegal en 1967 e tres días en 1970 antes do traslado ao cárcere de Zamora onde pasou un ano; Celsa Díaz Cabaneda, que sufriu dous meses de cárcere en 1973 por multa gobernativa e un mes en 1974; Manuel Monge, hoxe presidente da CRMH e encarcerado dous meses en 1973 por multa gobernativa, a raíz das mobilizacións contra o "Proceso 1001". Cando vivía en Bilbao estivo mes e medio no cárcere de Basauri en 1968.
Tamén Manuel Bermúdez, que en 1967, cando traballaba en Unión Cristalera, estivo dous meses no cárcere, acusado de asociación ilícita e propaganda ilegal; Enrique Veira, que no 1967 foi encerrado dous meses e despedido do seu traballo no Colexio de Aparelladores, a raíz de practicarse numerosas detencións despois da celebración na República Democrática Alemana dunha escola de formación política marxista, organizada polo PCE. Ou Demetrio Vázquez, que estivo 14 días no cárcere por propaganda ilegal en 1976, sendo Manuel Fraga ministro da Gobernación; Gonzalo Porto, encarcerado dous meses no 1967; Raúl Pillado, tamén encerrado varios días polos sucesos de Ferrol en marzo de 1972; Pepe Piñeiro Arnoso, que estivo en prisión en 1974, acusado de asociación ilícita, cando traballaba en Astano; Francisco Rodríguez, que con motivo dos sucesos de Ferrol, en marzo de 1972, estivo dous meses no cárcere por multa gobernativa de 250.000 pesetas, cando traballaba como profesor. Posteriormente, estivo un mes no cárcere en 1988.
Tamén Xesús Díaz, que con motivo dos asasinatos e a folga xeral do 10 de marzo de 1972, estivo dous meses no cárcere por multa gobernativa de 150.000 pesetas, cando traballaba en Astano; o dramaturgo Manuel Lourenzo, que cumpriu un mes de condena no 1967, acusado de asociación ilícita e propaganda ilegal, cando traballaba como mestre na Academia Atlas da Coruña; Teresa González Grande, detida en Santiago e acusada de propaganda ilegal, que cumpriu seis meses de cárcere en 1973; Xosé Abad, que con 18 anos, estivo tres meses no cárcere en 1975, acusado de asociación ilícita e propaganda ilegal; Luz Verde Figueiras, acusada de propaganda ilegal, seis meses no cárcere en 1973 e despois o un mes no cárcere de Vigo en 1975, por multa gobernativa, cando traballaba en POVISA; Anxo Guerreiro, que durante o Estado de Excepción de 1969-1970 estivo seis meses no cárcere, e por multa gubernativa dous meses en maio-xuño de 1972, e outros dous meses en setembro-outubro de 1972, con motivo da folga xeral de Vigo e Alfonso Tellado, que estivo varios meses no cárcere, e traballaba en Bazán.
"Indignados porque a Transición esqueceu as vítimas do franquismo"
1. Estamos indignados porque a chamada Transición esqueceu, cun pacto de silencio, ás vítimas do franquismo e a amnistía de 1977 foi considerada como unha lei de impunidade ou punto final para os crimes da ditadura.
2. Estamos indignados porque os tribunais queren xulgar e condenar por prevaricación o xuíz Baltasar Garzón, por pretender investigar os crimes do franquismo, facer xustiza coas vítimas e conseguir reparación e verdade, recollendo a petición de moitas asociacións da memoria histórica.
3. Estamos indignados porque a Lei da Memoria Histórica non anulou os xuízos franquistas, nin as sentenzas, expedientes, condenas e sancións.
4. Estamos indignados porque despois de trinta e catro anos de democracia aínda hai máis de cen mil persoas nas cunetas e fosas comúns, vítimas da represión franquista, sen que haxa un compromiso firme do Estado para acabar con esta vergoña e sen que a Xunta de Galicia asine un convenio co Estado para a elaboración dun mapa das fosas de Galicia.
5. Estamos indignados porque o Goberno aínda non creou un organismo a nivel do Estado para esclarecer o tema dos miles de nenas e nenos roubados polo franquismo.
6. Estamos indignados porque somos o único país de Europa onde o xefe do Estado non fixo aínda unha condena explícita e pública dunha ditadura como a do xeneral Franco. E tamén o único onde, á morte do ditador, a súa viúva cobrou unha pensión superior á paga do presidente do Goberno, e o pazo de Meirás, que foi mercado cos cartos descontados ás nóminas dos traballadores, continúa administrado pola familia do ditador, como se fose unha propiedade privada.
7. Estamos indignados porque a Igrexa católica aínda non pediu perdón por participar na represión e soster durante anos a unha ditadura fascista, que cometeu crimes contra a humanidade.
8. Estamos indignados coa proliferación de certo discurso político que xustifica o réxime criminal do xeneral Franco e coa actitude dalgúns políticos que fan pública, sen rubor, a súa defensa de destacados fascistas, responsábeis da represión contra o pobo.
9. Estamos indignados pola pervivencia en moitos concellos galegos de simboloxía franquista, burlándose da Lei da Memoria Histórica.
10. Estamos indignados polo revisionismo da historia do franquismo, realizado por algúns historiadores da Real Academia da Historia, que seguen a definir a sublevación de 1936 contra o lexítimo goberno constitucional da República, como "Cruzada de Liberación" e non cualifican o réxime de Franco como unha ditadura e un terrorismo de Estado, todo isto cunha subvención do ministerio de Educación de case seis millóns de euros.
Facemos un chamamento para que este manifesto sexa tamén debatido nas "acampadas de indignados" e incorporado ao conxunto de reivindicacións deste movemento cívico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario