martes, 28 de xuño de 2011

Ser un refuxiado


Arredor de 4,8 millóns de palestinos continúan sen poder volver ós seus fogares e conforman a terceira parte do total da poboación desprazada do mundo
EP/EFE . MADRID
Campo de refuxiados palestinos no Líbano
A Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) recorda, con motivo da conmemoración hoxe do Día Mundial do Refuxiado, que 4,8 millóns de palestinos seguen sen poder volver ós seus fogares, ocupados por Israel, e conforman xa unha terceira parte do total da poboación mundial desprazada forzosamente ó estranxeiro, nunha situación contraria ao dereito internacional.
A UNWRA insiste en que a ocupación israelí non só vulnera os seus dereitos, senón que "condena os palestinos á pobreza crónica", a mercé dunha "política discriminatoria" que impide unha resolución pacífica do conflito.
A axencia de Nacións Unidas acusa así a Israel de "alterar o equilibrio demográfico" ó limitar o número de licenzas de construción que solicitan anualmente os palestinos, negando así "o dereito ó crecemento natural" desta poboación.
A UNRWA condena igualmente outros aspectos desta política de ocupación, pola que se prohibe sistematicamente a liberdade de movemento coa existencia de 516 obstáculos que forman parte do sistema de peches cuxo máximo expoñente é o muro que Israel constrúe sobre Cisxordania.
Cando o muro estea completado, aproximadamente o 15% do seu trazado estará sobre a Liña Verde e o 85% en terreo cisxordano. Este trazado condenará a practicamente 33.000 palestinos a quedar atrapados entre o muro e a Liña Verde; aproximadamente 126.000 palestinos permanecerán rodeados por tres dos seus lados, mentres que uns 28.000 palestinos estarán literalmente encerrados polos catro costados, apunta o informe.
Ademais, o bloqueo israelí sobre Gaza creou unha crise humanitaria sen precedentes. Na actualidade as cifras de desemprego rexistradas (45%) atópanse entre as máis altas do mundo e a inseguridade alimentaria alcanza case ó 80% da poboación. Este bloqueo produciu que o número de persoas que viven con menos dun dólar ó día e solicitan diariamente asistencia alimentaria a UNRWA triplicouse nos últimos dous anos (de 100.000 a 300.000). O bloqueo repercute significativamente en nenos e novos, que alcanzan máis da metade da poboación de Gaza, privándoos de futuro e abríndolles a porta cara á radicalización. Un feito especialmente grave é o relativo ó trato que recibe a infancia no territorio palestino ocupado. Segundo o Relator Especial dun desde o ano 2000 produciuse a morte de 1.335 nenos palestinos como resultado da presenza militar e de colonos israelís.
Desde marzo de 2010, os soldados israelís dispararon 17 nenos que recollían grava na zona de amortiguación de Gaza para axudar á economía dos seus fogares. Doutra banda, no mesmo ano rexistráronse 256 menores de idade nos centros de detección israelí, entre eles 34 de entre 12 e 15 anos, cuxos delitos están relacionados co lanzamento de pedras ou coa participación en manifestacións contra a ocupación ou a construción do muro.
A ONU entende política de construción de asentamentos israelís no territorio Palestino ocupado, así como que o traslado de colonos contravén ao dereito internacional e socava a procura dunha paz negociada. A lei tamén prohibe a confiscación da propiedade privada ou de bens públicos e obriga á potencia ocupante a administrar o territorio de maneira que respecte o dereito da poboación local, incluíndo a prohibición de modificar a composición demográfica do territorio.
A CERNA
Unha moratoria incumprida
O número de colonos no territorio Palestino ocupado incluída Xerusalén Leste seguiu aumentando e é probable que pase xa do medio millón. Aínda que o 26 de setembro de 2010 expirou a "moratoria" de 2010 de dez meses fixada por Israel con respecto á expansión de asentamentos, segundo a ONU durante o tempo que durou a moratoria, os colonos non cesaron de construír establecementos públicos, así como vivendas.
Sistema dual de estradas
O sistema dual de estradas, como ocorre coa aplicación dual do réxime xurídico, crea dous ámbitos en Cisxordania: un para os colonos israelís e outro para os palestinos. Este feito é visible na construción dunha rede de camiños alternativos deseñados para os desprazamentos dos palestinos, mentres se institucionaliza o control militar israelí das principais estradas no territorio palestino ocupado, só accesibles para os colonos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario