xoves, 30 de xuño de 2011

O chamado "progreso"


O Museo do Mar abre unha exposición de 85 imaxes do Arquivo Pacheco que amosan o "asalto" ó medio mariño que supuxo a industrialización
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
A construción do Hospital Xeral, anos 50
Unha viaxe ó pasado da costa galega. Que amosa, entre outras cuestións, o xeito no que o chamado "progreso" supuxo un auténtico "asalto" ó noso medio mariño. Este é o cerne da exposición Cartas de punto Maior, aberta onte no Museo do Mar e composta por 85 fotografías temáticas sobre a costa galega -maioritariamente de Vigo e Bouzas- do Arquivo Pacheco feitas entre 1895 e 1960.
Xa están dixitalizadas unhas 60.000 fotografías das máis de 100.000 que se calcula que alberga o fondo. Delas, foron seleccionadas, en sucesivas peneiras, as 85 desta mostra. "Fixemos tres exposicións cun enfoque temático en dous anos. A primeira, sobre a muller, a segunda, Os anos escuros, de entre o 36 e o 75, e a terceira é esta", o coordinador do Arquivo, Vítor Vaqueiro.
"O mar, nas súas diferentes vertentes: paisaxística, etnográfica, industrial..., é o eixe temático de Cartas de punto Maior. Pilar Abades e Pablo Prado encargáronse do proxecto expositivo, e concibírono como unha viaxe", indicou.
A transformación da paisaxe mariña é un dos alicerces da exposición. "Calquera que mire as fotos decatarase do vou dicir asasinato que se levou a cabo, non só en Vigo, en nome do chamado progreso. Sendo como é Galicia un país cun forte compoñente marítimo, produciuse un auténtico asalto ó medio mariño. Nas fotos vemos como o que había xa non o hai. E isto pode valernos para reflexionar sobre o que se chama progreso", sinalou o coordinador.
Desde o punto de vista etnográfico, a mostra achega información sobre as artes de pesca, as construcións mariñeiras, as embarcacións... "Están a dorna, a traíña, as vivendas dos mariñeiros...", subliñou.
As fotografías foron realizadas principalmente por Pacheco, aínda que dúas son de Filippo Prosperi. Xaime de Sousa Guedes, Pacheco, asociouse en Vigo, no 1907, co negocio fotográfico da viúva de Prosperi. Á morte desta, en 1915, Pacheco quedou co estudio. O fotógrafo foi colaborador gráfico de Faro de Vigo, ABC, Blanco y Negro, Vida Gallega e El Pueblo Gallego.
O seu traballo caracterizouse polo emprego da fotografía como memoria social, especialmente da cidade de Vigo, pero abranguendo toda Galicia, ao longo de tres cuartos de século. Tras o seu falecemento, os seus fillos Alberto e Xaime continuaron co mesmo labor no estudo fotográfico.
No1984 Manuel Sendón e Xosé Luis Súarez Canal amosaron algunhas das fotografías do Arquivo na I Fotobienal de Vigo. Despois iniciaron unha investigación máis profunda, consultando as placas arquivadas.
Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal iniciaron máis tarde as conversas coa familia e co Concello de Vigo para que esta institución adquirise o arquivo, tal como logo aconteceu. O equipo do arquivo continúa a labor de dixitalización das fotos. Entre os seus proxectos próximos está a publicación do ensaio sobre Vida Gallega de Roberto Ribao, que gañou o premio Pacheco- Prosperi.

Ningún comentario:

Publicar un comentario