sábado, 11 de xuño de 2011

Nai soa: prexulgada e discriminada


Enfróntanse a un maior risco de exclusión social e laboral: as empresas consideran que son menos produtivas. O Instituto da Muller alerta da feminización da pobreza nas familias monoparentais, modelo que en Galicia creceu un 23% na última década
LAURA CAMINO
As mulleres que exercen de nais en solitario atopan actualmente grandes barreiras sociais e laborais: sofren un maior risco de pobreza e exclusión e son discriminadas polas empresas por mor do prexuízo dunha menor produtividade e maior absentismo e conflitividade social.
Así o denuncia un informe presentado onte polo Instituto da Muller, organismo que dirixe a socialista galega Laura Seara, no que se salienta o cambio de modelo nos fogares das últimas dúas décadas. Aumentou desde os anos 80 a presenza de familias monoparentais, aínda que, ao mesmo tempo, se produciu unha variación de perfil deses cabezas de familia: da persoa viúva á divorciada ou solteira.
O informe "Monoparentalidade e exclusión social. Estratexias de supervivencia e benestar desde unha perspectiva de xénero", realizado pola Universidade de Barcelona entre os anos 2009 e 2010, pon o acento sobre os impedimentos aos que se enfrontan as nais "solteiras" á hora de acadar unha estabilidade social, laboral e económica. Sumidas na precariedade e coa propia familia como único apoio, vense relegadas por un mercado laboral que as tacha de pouco produtivas, así como de fonte de conflitividade no traballo, e que as relaciona con maiores taxas de absentismo.
Lonxe destes sentenciadores prexuízos, o estudo debulla unha realidade ben distinta: na práctica, as nais "solteiras" non se ausentan máis en comparación con mulleres de núcleos biparentais. É máis: vense forzadas a "silenciar as súas circunstancias persoais para evitar a revitimización social ou ata o despedimento", indica a investigación.
Cunha situación tal, a loita contra a precariedade fáiselles costa arriba e o acceso a unha vivenda convértese en misión imposible, con prezos "inasumibles" que as levan a optar por pequenas vivendas de alugamento ou por acomodarse na casa da propia familia. As axudas contempladas polas administracións públicas, engade o estudo, son insuficientes para garantir as necesidades básicas destas mulleres.
No entanto, a situación de separación ou divorcio, ao mesmo tempo, alimenta a precariedade, agravada cando se produce un incumprimento no pagamento da pensión por parte das súas parellas. Nesta liña, a lexislación en materia de separación e divorcio "aumenta o risco de pobreza" destas mulleres, segundo alerta o citado estudo.
Doutra banda, a investigación subvencionada polo Instituto da Muller tamén afonda nas variacións dos modelos de familia e destaca o aumento das familias lideradas en solitario por mulleres. Entre 1991 e 2001, segundo indica, incrementáronse un 47% en todo o Estado. Ao mesmo tempo, tamén se sumaron novos núcleos masculinos. Varía, asemade, o perfil de monoparentais polo cada vez maior número de rupturas sentimentais. De feito, evolucionouse desde a viúva con fillos ata a divorciada ou solteira, modalidade máis común hoxe. En 1991, o 62% dos fogares monoparentais tiñan por cabeza unha muller viúva, porcentaxe que se reduciu nun 50 por cento 10 anos máis tarde, apunta o estudo.
No caso de Galicia, entre 1998 e 2008 incrementáronse nun 42,5 por cento a cifra de fogares unipersoais e nun 23,5 por cento a dos monoparentais, isto é, con fillos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario