mércores, 29 de xuño de 2011

A xeración dos 50 volve a Monteverde


>> Agustín Fernández Paz reconstrúe unha vila galega dos 70 para retratar a violencia e a miseria moral do tardofranquismo
>> Xerais prepara a segunda edición de Non hai noite tan longa, primeira novela do vilalbés nunha colección para adultos
IAGO MARTÍNEZ 24/06/2011 - 00:28 h.
Cando Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) era un neno e vía pasar os señoritos ben arrimado ás casas do barrio das Fontiñas non pensaba nas diferenzas de clase. Ían xogar ao tenis, limpísimos, e ao cativo atravesáballe o corpo unha sensación incómoda. A intuición dunha inxustiza que agora xa é capaz de poñer en palabras: “Eramos como os negros das películas vendo pasar os exploradores brancos pola selva”. Gabriel Lamas, o protagonista de Non hai noite tan longa (Xerais, 2011), a primeira novela do vilalbés que se publica en galego nunha colección para adultos, da que se prepara xa a segunda edición, tampouco acertou a poñerlle nome á primeira a esa violencia. Pasaron trinta anos e un fantasma até que se rebelou de vez.
Gabriel Lamas e Agustín Fernández Paz teñen máis ou menos a mesma idade. Ambos padeceron a ditadura franquista, aínda que as súas biografías foron distintas. O protagonista da novela ten 50 anos cando regresa en 2002 a Monteverde, a súa vila natal, despois de tres décadas en París. Aínda non sabe moi ben por que cruzou a fronteira dos Pireneos en 1972, deixando o seu pai no cárcere por un delito que non cometera, nin por que regresa. Non é soamente para soterrar a súa nai. Ten unha conta pendente co seu pasado: facer xustiza e limpar a memoria do seu pai. Como Fernández Paz.
“Esta novela é un axuste de contas comigo mesmo e coa miña xeración”, recoñece o escritor. “Eu non son Gabriel Lamas. Non escapei, coma el, dunha situación que o afogaba, e por iso non experimento a súa carraxe. Pero si que teño a sensación de ter sido estafado. Vólveme cada vez que vexo unha película e comprobo que hai moitas imaxes que foran censuradas, ou cando consigo ver por fin algunhas que sabía de memoria polas revistas de cine e que xa non me serven agora. Pasoume hai uns anos con If..., a de Lindsay Anderson. Eu sabíao todo desa película por Triunfo, que lía todas as semanas, e por Film Ideal e Nuestro cine. Devecía por vela, pero era imposíbel. Cando a vin, despois de tantos anos, xa non me fixo graza. Pasáralle o momento”.
A investigación que emprende Gabriel Lamas en Non hai noite tan longa na procura do verdadeiro culpábel do delito polo que encarceraron o seu pai, roubándolle o resto da súa vida, permítelle ao escritor reconstruír a época na que o protagonista abandonou Galicia. “Fálase moito da inmediata posguerra, e ten lóxica, pero aqueles últimos anos dos sesenta e os primeiros anos setenta foron horribles”, recorda o autor. “Aínda existía o Tribunal de Orden Público (TOP), e esa foi a época do proceso de Burgos, o estado de excepción, os secuestros editoriais, o de Ferrol no 72. No libro tamén menciono, de pasada, a Enrique Ruano e a Humberto Baena”.
MONTEVERDE SOMOS TODAS
Monteverde é Vilalba, pero tamén outras vilas nas que viviu Fernández Paz ao longo da súa vida, como Betanzos, Pontedeume ou Guitiriz. “Se quixese que o lector identificase o que conto con Vilalba, chamaríalle Vilalba. Non o fixen porque estas cousas acontecían en calquera vila galega –e creo que española– da época, talvez de maneira algo menos acusada na costa”. Os antagonistas cos que bate Lamas, como sucedería tamén en calquera outro lugar do estado español, son os mesmos que torturaran o seu pai. Descendentes sociolóxicos ou de sangue dos que se levantaran contra as aspiracións dos seus antepasados, de tradición anarquista. “Esa é a outra estafa. Repasa a lista dos altos cargos das institucións e dos consellos de administración das empresas e compáraa coa dos xerarcas do franquismo, a ver que pasa. Están todos os apelidos, seguen no poder. O das fosas comúns é o síntoma máis evidente, pero hai outras fosas, simbólicas, que tampouco queren abrir”.
O protagonista cruza o seu Rubicón moral. De súpeto, como Rosa Parks, descobre que está canso de ceder e ceder. Porén, a súa investigación non empeza aí. O inicio da novela, a faísca, escribiuna Agustín Fernández Paz nun caderno de 2006 sen saber onde conducía. Un home entra nunha casa deshabitada e atopa o fantasma de seu pai, coma no primeiro capítulo de Non hai noite tan longa: “Moito tardaches! Levo máis de trinta anos agardándote”.
“Foi esa imaxe a que me moveu a escribir a novela”, concede o autor, afeccionado a historias de fantasmas como as do inglés M. R. James. “É un bo recurso para comezar a historia, porque impacta o lector e deixa abertas moitas cousas arredor da trama. E ademais, pensa que nos anos 50 en Vilalba, coma en calquera sociedade agrícola, contábanse moitas historias de aparecidos, nas que por certo todos criamos”.
O título da novela está tirado de Shakespeare, de Macbeth. Comparte con L. P. Hartley e Luis Cernuda o pórtico do libro: “Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día”. A noite é o que teñen en común Gabriel Lamas e Agustín Fernández Paz. A estafa que privou o escritor de ler, cando lle tocaba, as novelas polas que devecía. A inxustiza que o protagonista se propón resolver, estiñando tamén a ferida do seu propio sentimento de culpa. O día que persegue Lamas encárnao tamén Milena, a súa sobriña, bautizada co nome da muller pola que Kafka perdía o siso.
“Milena é unha rapaza nova, xa non ten medo. Está aberta ao futuro e ten ganas de saber”, explica o vilalbés, que depositou no personaxe da adolescente o reverso da súa propia frustración. “Malia a súa idade, ten unha enorme bagaxe intelectual. Pode parecer excesiva esa cultura, pero non o é. Na miña vida profesional como docente de ensino secundario coñecín mozos e mozas que lían o que le Milena, ou incluso máis. Eles poden. Para nós estaba prohibido. Chegamos tarde”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario