domingo, 12 de xuño de 2011

A nova fornada do documental pide paso


Varios directores nacidos nos setenta e apaixonados do xénero están a piques de estrear longametraxes
ALFONSO PATO 10/06/2011
O equipo de Querida Gina, de Susana Sotelo
"Este é o gran ano dos documentais en Galicia, sen ningunha dúbida". Quen fai esta afirmación é Xurxo Chirro, unha voz autorizada desde dúas facetas: a de crítico e a de creador. Chirro (A Guarda, 1975) é un dos novos documentalistas que está a achegar aire fresco e alternativas a uns métodos se cadra ata o de agora "algo encorsetados de mais", como él gosta definir. O seu documental Vikingland acaba de marcar un fito ao ser seleccionado para estrearse no FID Marseille, un dos grandes festivais de documental de Europa.
Á par de Chirro, un grupo de novos creadores nacidos nos setenta, están a piques de estrear ou rematar interesantes documentais que presaxian posiblemente a época máis prolífica da historia do documental de creación feito en Galicia. Susana Sotelo, Pela del Álamo, Sandra Sánchez ou Marcos Nine configuran algúns dos nomes deste novo escenario. Son cineastas novos, con vocación de documentalistas, e que tratan de saír adiante desde pequenas produtoras independentes.
"Estar en Marsella non o tiña pensado nin nos mellores soños", confesa Xurxo Chirro, logo de coñecer que Vikingland estaría na sección oficial deste festival, onde competirá con 19 obras de todo o mundo. Vikingland é un filme realizado a partir dunhas vellas fitas de VHS rodadas nos anos 90 por un mariñeiro de A Guarda, Luis Lomba, O Haia. Nestas imaxes, O Haia gravou durante horas o traballo e as vivencias dun grupo de mariñeiros no cargueiro rompexeos Vikingland, que viaxaba entre Alemaña e Dinamarca. Está producido con custo cero, sen subvención, só montado co material atopado e estruturado en capítulos tomando algúns dos conceptos do Moby Dick de Herman Melville. "É un filme singular, de aspecto difícil e rugoso, pero ambicioso no significado", avanza Xurxo Chirro sobre o seu traballo, "unha homenaxe aos mariñeiros galegos", como gosta de calificar.
"Hai unha nova escena de creadores que traballamos desde outra actitude: con motivacións persoais e partindo dun proceso artístico, e non industrial", expón Pela del Álamo, que acaba de rematar o seu filme Nacional VI. Del Álamo (Madrid, 1979) leva catro anos traballando nesta obra que supón un regreso á estrada na que pasou moitas horas da súa infancia, entre Madrid e A Coruña, agora esquecida coa chegada das novas autoestradas. "É unha road movie na que fun atopando homes sós, vellas prostitutas ou hostais decadentes, a historia dunha deslocalización", explica. Apaixonado do documental e bo coñecedor da realidade galega, Del Álamo non ten dúbida: "É a primeira vez na historia do cinema galego, no que hai un grupo de documentais con tan boas expectativas".
Esas boas expectativas sorprenderon ata ao director Fernando León, cando no último Festival de Cans tivo ocasión de ver as primeiras imaxes de Querida Gina, documental en fase de montaxe dirixido por Susana Sotelo. "Díxome que o impresionaran os personaxes, malia ver só uns minutos", confesa esta nova realizadora. Sotelo (Pontevedra, 1977) traballa no montaxe dun filme que está a levantar unha enorme curiosidade. Querida Gina é a singular historia de dous xubilados de Cans (O Porriño) que, acompañados dun mozo inglés, viaxan ata Roma para tratar de ver a un vello mito de xuventude: Gina Llollobrigida. "É a persecución dun soño que se converterá nun retrato sobre a condición humana: o amor, a amizade, a morte ou a relixión", explica a autora, quen observou como a súa obra se converteu "no retrato dunha xeración galega que se extingue, no xeito de falar, de reaccionar ou de comunicarse".
Nunha liña semellante, no referente á itinerancia, e a retratar tamén un mundo en extinción, traballou Sandra Sánchez, na súa longa Tralas Luces, o que promete ser unha interesantísima historia sobre a vida de Lourdes, unha feirante que percorre as estradas xunto coa súa famila, na súa caravana, e coa súa pista de coches de choque no remolque. "É a historia dunha vida nómada, condenada a desaparecer", explica Sandra Sánchez (Narón, 1970). Só con ver o trailer do filme, un queda impresionado coa confesión desacougante de Lourdes, a protagonista que comanda un entorno de homes: "Nunca fun libre". Sánchez conviviu durante nove meses empotrada con esta familia de feirantes, no que califica como "unha incrible experiencia vital".
Outros camiños máis experimentais explora Marcos Nine (A Illa, 1979). Nine ten en fase de posprodución o filme La Brecha, rodado entre Bos Aires, A Coruña e a Illa de Arousa, co que espera colleitar o éxito que está a ter coa súa curta documental Radiografía dun autor de tebeos, onde narra dun xeito singular o proceso creativo do debuxante David Rubín. Estes días está en Huesca, a pasada semana foi premiado en Manlleu, e antes pasou por Málaga e por nunha dúcia de festivais internacionais, varios deles en EE UU.

Ningún comentario:

Publicar un comentario