Saga TV presenta o vindeiro día 28 en Compostela unha longametraxe que indaga, a través de testemuñas, na traxectoria dunha muller "á que a Historia non recoñeceu como merece"
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
Sofía Casanova en Madrid, 1934 |
Quen coñece a Sofía Casanova? Perdeuse a verdade sobre quen foi? Son preguntas que formula A Maleta de Sofía, unha longametraxe que indaga na traxectoria desta correspondente nas dúas guerras mundiais e escritora á que "non se lle recoñeceu o papel que lle corresponde na Historia", segundo explica o director da película, Marcos Gallego. Concibida baixo o xénero do falso documental, a peza, realizada por Servizos Audiovisuais Galegos, SAGA TV, estrearase o vindeiro día 28 ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago.
Distintas testemuñas, e persoas que dun ou otro xeito tiveron relación coa súa obra, reconstrúen, así, a vida de Sofía Casanova, no ano no que se cumpren o 150 aniversario do seu nacemento. "Falamos con Rosario Martínez, a súa biógrafa, que foi realmente quen comezou a recuperar o material esquecido sobre Sofía; con Margarita Ledo, Perfecto Conde, Ramón Villares, con familiares dela... O obxectivo era sacar unha serie de perfís distintos, para abordar desde distintos ángulos as facianas desta muller", explicou o director.
O proxecto xurdiu no 2001. "Estabamos traballando noutra película, A outra Galicia, sobre a Galicia polaca, que era parte do imperio austro-húngaro. E así demos con ela", indicou. Sofía Casanova naceu na Coruña. Casou co escritor polaco Wincenty Lutoslawski, e a Primeira Guerra Mundial colleuna en Polonia. Traballou para a Cruz Vermella en Varsovia e, tras ser arrasada esta cidade polos alemáns, marchou a Moscova e despois a San Petesburgo. Foi tamén testemuña da ocupación de Polonia polos nazis na Segunda Guerra Mundial.
"Foi unha muller moi culta para a súa época. Sufriu moito, e a historia non a tratou como merecía porque era politicamente incorrecta. Na guerra civil española foi traída polo bando golpista, e fixo traballos propagandísticos, é certo. Despois, cando viu como os nazis invadían Polonia, non calou, porque non podía aceptar aquilo. E por iso no xornal ABC decidiron prescindir dos seus servizos. A súa ética xornalística era dunha altura incrible: ela contaba o que vía, como cronista que era. E iso é parte da súa grandeza", asegurou o director.
O proceso de preparación da longametraxe foi complexo. "Documentámonos moito, pero o que fixemos foi máis ben un traballo de desenvolvemento de guión, que escribimos Gonzalo Velasco e eu. A de Sofía é unha historia complexa, que esixiu un traballo profundo e exhaustivo, e un proceso de postproducción moi complicado. O que propoñemos non é un documental clásico, biográfico, senón máis ben unha película que xoga con distintos ingredientes, cunhas tramas a medio camiño entre a narración documental e a ficción", sinalou.
Sendo unha peza de época, supuxo un intenso traballo de recreación de ambientes históricos, con moita animación, recreación de fotografías e imaxes de arquivo..."Foi difícil encontrar, seleccionar e negociar o acceso ó material", lembrou.O punto de partida é, así, a maleta de Sofía. "Suponse que a súa casa de Varsovia ardeu, con todas as súas pertenzas dentro. Pero ela levaba sempre consigo un maletín, no que podía gardar os seus documentos. E esa idea é coa que xogamos, para tentar formular quen era, quen sabe quen foi Sofía Casanova", salientou Marcos Gallego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario