domingo, 12 de xuño de 2011

Infancias explotadas


Un neno traballador sofre cada minuto un accidente, enfermidade ou trauma psicolóxico relacionado co seu labor 115 millóns ocupan postos perigosos, avisa a OIT
E.P. . MADRID
Dous cativos filipinos recollendo area nos suburbios de Manila
FOTO: FRANCIS R. MALASIG/efe
Un neno traballador sofre cada minuto un accidente, enfermidade ou trauma psicolóxico relacionado co seu labor, segundo o informe ‘Nenos en traballos perigosos: O que sabemos, o que debemos facer’ da Organización Mundial do Traballo (OIT), feito público con motivo do Día Mundial contra o Traballo Infantil que se celebra mañá.
Neste contexto, a organización pediulles aos gobernos tomar “medidas urxentes” para erradicar o traballo infantil perigoso que neste momento afecta uns 115 millóns de nenos en todo o mundo.
Ademais dos accidentes, o informe tamén recorda que aínda que o número total de nenos entre 5 e 17 anos en traballo perigoso declinou entre 2004 e 2008, o número de nenos entre 15 e 17 anos aumentou en 20 por cento, de 52 a 62 millóns. 
O novo informe recomenda insistir nos esforzos por garantir que todos os nenos reciban educación polo menos ata cumprir a idade mínima de emprego, e solicita ós países que establezan unha lista dos traballos perigosos. Así mesmo, destaca que é necesario ocuparse dos nenos que cumpriron a idade mínima para o emprego pero que están en situación de risco no lugar de traballo xa que, ó seu entender, deberían ter acceso a capacitación e organización que lles permita asumir mellor cales son os seus riscos, dereitos e responsabilidades.
O informe engade que a exposición a situacións perigosas ten un impacto “especialmente forte nos nenos, cuxos corpos e mentes aínda están a desenvolverse ata cando son adolescentes”. Ademais, destaca que o problema dos cativos en traballos perigosos non está limitado ós países en desenvolvemento, ó haber “evidencias” en Estados Unidos e en Europa do “alto grao de vulnerabilidade” dos mozos a accidentes no lugar de traballo. “Gobernos, empregadores e traballadores deben unir forzas para liderar o deseño e a aplicación de políticas e accións destinadas a erradicar o traballo infantil”, explicou o director xeral da OIT, Juan Somavia. 
No entanto, en España, a trata de nenos é a principal forma de explotación infantil en España, onde os mozo se converten en vítimas de explotación ‘laboral’ –ou o que se coñece como explotación para a comisión de furtos e mendicidade– e sexual, segundo alertou, pola súa parte, a ONG Save The Children. 

España, país de tránsito para a trata de nenos
A organización ONG tamén cualificou a España como “país de tránsito” para estas explotacións, á vez que pediu máis recursos para “reparar” o dereito das vítimas. 
A pesar de que os perfís das vítimas poden variar en función das dinámicas das redes de explotación e das demandas dos clientes de servizos sexuais, adoitan ser menores ao redor dos 16 anos, de orixe comunitaria aínda que, en menor medida, atopáronse vítimas menores 
de idade de orixe africana. 
“Preocupa que actualmente o sistema de protección á infancia non está preparado para identificar os casos, nin abordar as necesidades das vítimas. Estes recursos deberían contar con persoal cualificado e ofrecer asistencia de tipo psicolóxico, xurídico e social”.
Debilitáronse os esforzos
O ano pasado a OIT publicou un informe no cal advertía de que se estaban debilitando os esforzos por combater as peores formas de traballo infantil e que a crise económica podería deter o avance cara á meta da súa erradicación para o ano 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario