luns, 6 de xuño de 2011

Uxía xa ten 25 anos


A cantante galega celebra as súas vodas de prata con 'Meu Canto', un disco moi íntimo gravado no Brasil con importantes músicos do país
ALFONSO PATO 03/06/2011
Case sen darse conta, aló van 25 anos cantando. Uxía Domínguez Senlle, (Mos, 1962) fai este ano as súas vodas de prata, e decidiu celebralo cun pequeno capricho: un disco gravado no Brasil que parece unha festa íntima con amigos. Neste disco que se titula Meu Canto, Uxía foxe dos artificios para que nesa festa emerxa unha convidada de excepción que se converte na protagonista da celebración: a súa propia voz. "É como unha volta ás miñas orixes, como cando ía só coa guitarra. A voz é un instrumento que vai directo ao corazón, nunca minte, e o canto é un acto de sinceridade, un xeito de espirse", explica Uxía sobre un disco que chega esta semana ao mercado. Desde o seu debut discográfico, Foliada de Marzo (1986), Uxía confesa que seguiu "un exercicio de anos de aprendizaxe, de mirarse e recoñecerse no que un interpreta".
Entre as cancións do novo traballo, a artista escolleu temas que leva cantado en directo ao longo destes anos, outros temas clásicos e textos de poetas como Manuel Antonio, Curros Enríquez, Manuel María ou ata un inédito de Novoneyra, un agasallo que o fillo do escritor fixo á cantante. "Traballei a música cun cómplice como Sergio Tannus. É fundamental traballar cun músico que entenda o que queres, con arranxos que permitan que a voz sexa a protagonista", comenta a cantante de Mos sobre este traballo onde reinvindica "as moitas lecturas que poden ter temas moi coñecidos".
Nesas lecturas destaca unha especial delicatessen: a fermosa versión que Uxía e Lenine fan de Os teus ollos, un tema que o mestre Chané musicou a partir dun poema de Curros Enríquez. Lenine é un dos colaboradores de luxo deste disco no que tamén participan a cantante Socorro Lira, ou músicos de prestixio no Brasil como o frautista Marcelo Martins ou Sergio Chiavazzoli, o director musical de Gilberto Gil. E todo rexistrado nun lugar especial, os míticos estudios Biscoito Fino de Rio de Janeiro, baixo as directrices dun produtor de excepción, Jaime Alem, o produtor, entre outros, dos discos de Maria Bethânia, a irmá de Caetano Veloso.
Estas colaboracións e este disco significan algo máis que condensar 25 anos de traballo. "Trátase de crer na lusofonía como identidade común, e de contar cun valor engadido, como é o de conectar con países emerxentes como Brasil", analiza Uxía. Pero hai unha pregunta mais alá deste concepto: é un camiño oportunista? "Isto non é casual en min. Eu teño fe niso de verdade, e nós pertencemos a unha cultura que terá que ter forzosamente outros horizontes onde a lingua nos une", matiza a cantante galega, quen dá a súa opinión sobre as actitudes que percibe cantando fára de Galicia. "Ás veces noto unha deconexión total entre Galicia e o resto do Estado. É máis difícil que te escoiten en Toledo que en Amsterdam".
A súa fe no espazo lusófono reforzouse ademais desde Cantos na Maré, o encontro musical do que foi impulsora e que se vén celebrando desde o 2005. Neses encontros participaron moitos dos artistas brasileiros que colaboran no disco: Lenine, Socorro Lira ou outros xa amigos como Paulinho Moska ou Chico César, ademais de artistas de Portugal, Angola, Cabo Verde ou Guinea. A dirección artística de Cantos na Maré é unha desas facetas que Uxía reivindica con orgullo, cando bota unha ollada aos seus 25 de traxectoria no mundo da música.
"Vinte e cinco anos dan para moitas influencias, moitas viaxes e para evolucionar. Tiven unha traxectoria case máis fértil en proxectos que en discos", reflexiona Uxía, que alén do seu traballo como artista desenvolveu outras facetas moi importantes na música galega das dúas últimas décadas, como o de produtora. "Producín a artistas que creo que mercían a pena, como Emilio Rúa no caso do pop, onde paréceme que hai unha lagoa por cubrir. Gústame esa faceta de descubrir e dame moitas satisfaccións", comenta sobre este labor, en que se encadran tamén os discos das Pandereteiras dos Berbés, de Malvela ou da Señora Carme, ás que tutelou e impulsou cun discurso que rebasa o simple labor de cazatalentos musicais.
"Procurei darlle visibilidade a esa figura da muller como depositaria da palabra cantada na música tradicional", reflexiona esta artista que representa unha ponte entre pioneiras como María Manuela e Pilocha e as novas voces solistas que emerxen a partir da década dos noventa. "Houbo un cambio nas mulleres. Incorporáronse cun discurso propio e moitas cousas que dicir. Mulleres como Ugia Pedreira, Guadi Galego ou Mercedes Peón son artistas que arriscan e son trangresoras", analiza desde o privilexiado outeiro que dan 25 anos de traxectoria.
Admiradora de Cesaria Evora, Amalia Rodrigues ou Mercedes Sosa, a quen homenaxea neste disco co tema Como la cigarra, Uxía segue reivindicando a curiosidade por descubrir novas músicas e por "non instalarse na comodidade, nin caer na autocompracencia". Uxía rebélase contra a comodidade como artista e contra a comodidade como cidadá, como se rebelou no seu día poñéndose á fronte das manifestacións polo desastre do Prestige, que lle trouxeron "máis dun disgusto, pero un balanzo moi positivo". Estes cuarto de século deu para moito, pero Uxía non ten tempo para a nostalxia: "Estou vivindo este momento e hai que cantalo agora e disfrutalo agora".

Lenine e Curros no Biscoito Fino
"Estás diante do micro onde gravan Chico Buarque ou Maria Bethânia, onde cociñan, onde pisan eles e iso é emocionante", explica entusiasta o actor Carlos Blanco, fan declarado da música brasileira que colabora introducindo textos no novo disco de Uxía. Blanco compartiu coa artista galega varias semanas de gravación nos míticos estudios Biscoito Fino de Río, un espazo promovido por un selecto grupo de compositores. "Veste alí gravando, co mesmo Cristo do Corcovado enriba de ti, e poste con reverencia diante daqueles micrófonos. Estar alí para un artista debe de ser como para un futbolista pisar Maracaná", compara o actor.
"Foi un disco gravado fronte a fronte, na primeira toma, e transparente e limpo de artificios", define Uxía a experiencia de traballar nestes estudios, nos que acababa de gravar outro dos grandes brasileiros, Edu Lobo. "Cando rematamos enterámonos de que unha das técnicas era filla do mítico Antonio Carlos Jobim. Nada menos que de Jobim! E nós sen sabelo", lembra Carlos Blanco, para quen unha cidade que lle pon o nome de Jobim ao aeroporto, "xa marca a diferencia".
Pero o artista que gañou á embaixada galega foi sen Lenine, un músico que ten dous grammys Latinos e é unha estrela no Brasil. Lenine visitou a pasada edición dos Cantos na maré e aceptou o convite de Uxía para colaborar no seu disco. A canción elixida foi Os teus ollos, un poema de Curros Enríquez musicado por Xosé Castro, Chané. "Lenine é un crack. Chegou e nin ensaiou, deulle unha nova dimensión á peza", describe Carlos Blanco. Fillo dun comunista, como se intúe polo nome, Lenine aínda puxo máis empeño na cando lle dixeron que Curros era un anticlerical furibundo. "Díxonos que entón aínda lle ía dar máis pracer cantalo", comenta Uxía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario