Un libro promovido pola Universidad Complutense de Madrid analiza, con documentación inédita, a vida e a obra de Mariví Villaverde e Ramón de Valenzuela
MARÉ . SANTIAGO
Ramón de Valenzuela |
A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte a presentación da obra Dúas vidas e un exilio. Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde, artellada a partir de oitos traballos nos que se inclúe documentación inédita -na súa maioría procedente do arquivo de María Victoria Villaverde- e fotografías familiares dos dous escritores que lles amosan ao lector os seus tempos do exilio.
María Victoria Navas é a biógrafa dos Valenzuela neste volume, promovido polo Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidad Complutense de Madrid que promoveu a realización deste traballo coa colaboración da Xunta de Galicia. A tarefa xornalística abórdaa Ana Acuña, con artigos escritos por Ramón e María Victoria (Mariví) que verán a luz en España e en Arxentina.
O profesor Alonso Montero, director honorífico da obra, facilitou o Informe de 1965, un texto inédito de Valenzuela onde o autor repasa o contexto cultural e político en Galicia nese ano. Pola súa parte, María Asunción Canal e Begoña Regueiro analizan a obra de creación de Ramón de Valenzuela. A primeira realiza o seu estudo a partir da narrativa breve. A segunda analiza as súas novelas, achegando os aspectos máis relevantes do seu imaxinario e amosando a súa importancia como escritor. Outro dos capítulos do libro aborda o estudo da novela de Mariví Villaverde, do que se encargan Ana Acuña e Carmen Mejía.
Esta última tamén traballou no epistolario da familia Valenzuela-Villaverde -onde xorden nomes como o de Eduardo Blanco Amor ou Francisco Lamas-, que supón un importante paso adiante na investigación sobre esta etapa do exilio galego bonaerense. Finalmente, tamén é Carmen Mejía a autora do capítulo que se centra na dramaturxia de Ramón de Valenzuela, que lle dá pé a ofrecer unha visión global do teatro galego en Bos Aires, así como a detallar o labor de María Victoria Villaverde como tradutora e como actriz. Ramón de Valenzuela foi o autor da primeira novela en galego baseada na guerra civil española, Non agardei por ninguén.
DATOS
Falou galego na emifración
"Eu non falaba galego cando marchei", lembrou. "É certo que ao emigrar algunhas persoas deixaban de falar galego... iso depende. Ten que ver coa estima que lle teñas ao país", engadiu.
MARIVÏ
Galeguista e republicana
Mariví Villaverde participou nos actos do Ano da Memoria na illa de San Simón. No 2009 foi homenaxeada pola AELG. Villaverde, republicana, galeguista e c omunista, é a filla de Elpidio Villaverde, deputado en Cortes no momento do golpe militar de 1936. "Tiven que saír, exiliada, aos 14 anos", lembraba Mariví, daquela, nunha entrevista con este xornal. "Andabamos agochados, ata que puidemos saír. Fumos nun barco inglés, ata Marsella, e desde alí a París. Comezada a guerra mundial, saímos para Arxentina", contou.
"Non foi fácil cando volvemos"
No exilio, Mariví Villaverde fixo teatro co que sería o seu marido, Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva, Eduardo Blanco Amor... Dirixiu o xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Galegas. "Non tivemos moitas facilidades cando volvemos", asegurou. Os que quedaron en Galicia e se opoñían ao franquismo "non sempre comprenderon o labor que se facía no exilio", cre. "Está ben facer cultura, pero hai que poñer as cousas no seu sitio: aquí non houbo unha loita, senón xente que destruíu outra xente".
Ningún comentario:
Publicar un comentario