xoves, 9 de xuño de 2011

O Gandhi censurado


En Gujarat, o estado natal do Mahatma, prohibiuse a distribución dun libro que o cualifica de "homosexual e xenófobo"
ALBERTO MASEGOSA . NOVA DELI
A India abriulle a porta ó Gandhi de carne e óso coa aparición neste país dun libro que pinta con tendencias homosexuais e trazos xenófobos ó pai da independencia india e mito pacifista universal. O Goberno do estado natal de Mahatma Gandhi, Gujarat, prohibiu a súa distribución nese territorio do oeste indio pero a obra xa se atopa na súa versión en inglés nas librerías de Nova Deli, onde se converteu nun éxito de vendas.
Gran Alma: o Mahatma Gandhi e a súa loita pola India, inclúe citas cuxa ambigüidade permitiu variadas interpretacións, o cal levou o autor, o premio Pulitzer Joseph Lelyveld, a acusar a prensa local e internacional de terxiversar o relato.
Entre os testemuños que recolle Lelyveld no libro, figura unha carta de Gandhi a Hermann Kallenbach, arquitecto e culturista alemán con quen o activista indio viviu en Xoanesburgo, e a quen o Mahatma lle escribiu: "Tomaches posesión do meu corpo". O premio Pulitzer tamén revela que Gandhi rexeitaba de xeito tallante durante a súa estancia en Suráfrica que a minoría branca equiparase a comunidade india coa africana, e que se refería ós autóctonos co despectivo epíteto de niggers.
En declaracións a Efe, un bisneto do Mahatma, Tusher Gandhi, cualificou esas circunstancias de "detalles", e recordou que se basean en "misivas e fontes indirectas, xa que o autor do libro non puido acceder a testemuñas directas porque están mortas". "Por iso utiliza testemuñas que non son de primeira man", apostilou.
Tusher Gandhi subliñou que o seu bisavó "ofreceulle á Humanidade moito máis do que se reflicte no libro, que fai fincapé sobre todo en asuntos persoais", e mantivo que "a súa achega ó pensamento universal acabará por superar todo cuestionamento".
Para o xornalista Sourish Battacharya, experto na vida e obra de Gandhi, a polémica é o resultado dun "malentendido". "Na relación de Gandhi e Kallembach confúndese afecto con amor. Sacáronse de contexto dous ou tres parágrafos sobre esa relación cando non hai probas de que fose de índole sexual. Para dicir o contrario habería que demostralo", sostivo. Battacharya anotou, no entanto, que o libro lle parecera "bo, sobre todo a parte que dedica á India".
Un dos máis importantes libreiros de Nova Deli, Anuj Bahri considerou que "o que conta o libro é unicamente un aspecto máis da vida de Gandhi". "E non vexo niso nada malo. O Mahatma é un mito pero como persoa foi un home como calquera outro", engadiu..
A CERNA
No que coinciden o descendente de Gandhi, o experto na súa figura e o libreiro foi na necesidade de que o seu país recupere o discurso de Gandhi. Potencia nuclear e económica ancorada no desequilibrio social e no sistema de castes, a India aínda non aplicou o esencial da filosofía do Mahatma, o pacifismo e a igualdade, algo que denuncia Lelyveld, aínda que non sexa o máis coñecido do seu libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario