O Marco de Vigo inaugura a exposición ‘Cousas que só un artista pode facer’
A. LOSADA Xornal 30/01/2010
Ás veces, a arte contemporánea non é unha cousa seria. Pero iso, como amosa a nova exposición do Marco de Vigo, non ten por que ser algo malo. Os doce creadores que participan na exposición Cousas que só un artista pode facer empregan sen complexos o humor nas súas obras, e demostran que a arte pode ser igualmente válida sen vestir un traxe de seriedade.
Esta exposición, que permanecerá aberta ata o 2 de maio na primeira planta do museo vigués, nace como parte dunha investigación que comezou en 2005 sobre a presenza do humor na arte actual, e reúne artistas que comparten referentes e unha forma similar de traballar. Está coproducido xunto co Meiac de Badaxoz e comisariada polo dúo que forman David Arlandis e Javier Marroquí.
O fío condutor do proxecto é a actitude dos artistas, próxima ao absurdo en todos os casos, xa que conscientemente asumen un esforzo desproporcionado en relación aos resultados que agardan obter. Segundo explican os comisarios: “Emprender unha acción absurda ou fóra de contexto sempre implica para quen a presencia unha carga cómica, pero cando ademais esa acción se desempeña de xeito intensivo, cunha dedicación absoluta e empregando un esforzo máis que importante a sabendas de que é un esforzo totalmente inútil, temos un absurdo ao cadrado e, polo tanto, carga cómica ao cadrado”.
Deste xeito, pódese ver a instalación de Piero Golia como recordo da súa inútil travesía en piragua polo Adriático; o vídeo Infinity de Yamashita+Kobayashi como rexistro do tempo que camiñaron en público nun percorrido infinito –arriba, na imaxe principal–; a instalación de Wilfredo Prieto –unha planta, unha carreta e unha fotografía– como rastro da performance realizada na illa de Curaçao; ou o vídeo e as fotografías de Xu Zhen como mostra da fazaña de 18 días de viaxe a bordo dunha furgoneta.
Tamén entran no lote o percorrido de Gianni Motti a través do túnel do acelerador de partículas LHC do CERN en Xenebra; o vídeo de Tere Recarens que mostra a artista ‘varrendo’ as nubes do ceo de Berlín; o vídeo-prólogo da performance realizada en 1999 por Aleksandra Mir; o dos peixes de cores de Paola Pivi a bordo dun avión; a correspondencia relativa á infrutífera acción do colectivo Gelitin; o balcón protagonista da proposta de Julien Berthier, ou a instalación Diplom, de Leopold Kessler, que documenta o tendido de 1.200 metros de cable ao longo da cidade.
Para os comisarios, estas actitudes amosan unha transformación da condición do artista na actualidade. “Quixemos indagar nas posibles razóns que os levan a facer proxectos nos que o absurdo e o humor poden máis ca razón práctica. Agora estamos seguros de que nestas accións está o reflexo dunha nova actitude do artista, unha nova forma de enfrontarse á súa creación e de entender arte e vida”, conclúen Arlandis de Marroquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario