domingo, 31 de xaneiro de 2010

Tras a pegada dun exiliado


En vésperas do 124 aniversario do nacemento de Castelao, presentan en Rianxo o Proxecto de catalogación Universal da obra do polifacético creador e político nacionalista

Galicia Hoxe- 30-1-2010

A Fundación Castelao concluíu o seu Proxecto de Catalogación universal da obra do político e creador nacionalista, un traballo que realizaron ao longo dos últimos 25 anos e que recibiu un impulso singular baixo o Goberno do bipartito. Onte, porén, quen presidiu a presentación do catálogo en Rianxo foi o actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que aproveitou o acto, en vésperas do 124 aniversario do nacemento de Castelao, para reafirmar o seu "compromiso irrenunciable coa cultura galega".

O presidente da Fundación Castelao, o case centenario Avelino Pousa Antelo; o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro; o ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor, e o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiron á presentación xunto co historiador Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da fundación e coordinador do proxecto.

Son, en total, case 4.000 entradas nun catálogo dixital para o que Roberto Varela propuxo a súa máxima difusión a través da rede. O equipo integrante desta investigación dividiuse entre cinco cidades para estudar o paso e creación de Castelao por elas. Unha é Vigo, onde se peneirou a Fundación Penzol, con especial interese na densa variedade de colaboracións con distintas publicacións, como A Nosa Terra, El Pueblo Gallego ou os case 800 debuxos publicados en Faro de Vigo e o xornal Galicia.

Outro dos puntos da investigación foi Santiago de Compostela, de onde se extraeu material gardado entre a Biblioteca Xeral, a Facultade de Xeografía e Historia e o Instituto Padre Sarmiento. Na Coruña a investigación desenvolveuse nos fondos do Museo de Belas Artes, da Real Academia Galega e da Fundación Caixa Galicia; mentres que en Lugo o estudo desprazouse ao Museo de Lugo e a Biblioteca Provincial.

Complétase o percorrido vital do galeguista cunha última parada onde tamén deixou a súa pegada: Madrid. Os lugares onde se atopan ilustracións e textos de Castelao son o Arquivo de Alcalá de Henares e a Biblioteca Nacional.

Ao longo do 2009, a investigación atinxíu a outra beira do Atlántico, en especial A Habana, Nova York, Montevideo ou Bos Aires, onde Castelao faleceu exiliado no 1950. Tamén se recadaron datos en Moscova.

A preparación deste catálogo permitiu importantes avances, como descubrimento de obras inéditas, mellor documentación dos orixinais ou datación máis precisa dos traballos. Este feito, permitiulle dicir ao conselleiro que "coñecer mellor a Castelao supón coñecernos un pouco mellor a nós mesmos, a través dun referente ineludible para repensarmos hoxe a cultura galega".

No remate da súa intervención, Roberto Varela recuperou unha prosa "vehemente, apaixonada e certeira do propio Castelao" que afirmaba que "a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza. A tradición non é a historia, a tradición é a eternidade". O conselleiro de Cultura concluíu afirmando que con este catálogo "achegamos un pouco máis a Castelao, á súa obra, ó seu legado e á eternidade que este artista merece".

Ningún comentario:

Publicar un comentario