sábado, 9 de xaneiro de 2010

Memorias rotas


Un documental conta a través de testemuñas a historia do militante anarquista e comandante do Batallón Galicia José Moreno Torres, asasinado no 1937

M. DOPICO . Galicia Hoxe- 8/1/10

"O comandante Moreno/ home honrado e valente/ nos montes do Acebo/ aí lle destes a morte/ /falanxes de Fonsagrada/ non poderéis subir ao ceo/ porque alí está de porteiro/ o comandante Moreno". Son algúns versos dunha das versións da cantiga popular que mantivo viva a memoria de José Moreno Torres, o líder anarquista e comandante do Batallón Galicia cuxos restos foron exhumados pola Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) no 2008 no lugar do Acebo, nunha fosa situada entra A Fonsagrada e Grandas de Salime.

Desde hai dous meses, os restos de Moreno descansan no cemiterio da Fonsagrada. A historia do comandante, -que fora homenaxeado xa nesta vila no 2007, setenta anos despois de morrer asasinado polos falanxistas-, divulgarase agora, ademais, cun documental sobre a súa vida, realizado por Xamalú Filmes coa colaboración da Televisión de Galicia. O filme, dirixido por Manane Rodríguez e producido por Xavier Bermúdez, estreouse xa na Fonsagrada e, onte mesmo, foi proxectado na Coruña.

O documental, Memorias rotas. A balada do comandante Moreno, "é unha homenaxe a uns loitadores pola liberdade, e ás persoas que gardaron a súa memoria durante tanto tempo", explicou a directora. "A historia chegou á nosa produtora a través de Carmen García, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Íase facer unha estrada no lugar onde os veciños dicían que estaba a fosa, e por iso decidiron escavar para buscar os restos. Eu xa fixera un documental sobre desaparecidos en Arxentina... Comezamos a rodar xa desde as exhumacións...", engadiu Rodríguez.

Memorias rotas alicérzase en entrevistas con testemuñas. "Centrámonos nas testemuñas e nos lugares. Non incorporamos elementos de ficción. Damos unha visión coral da historia...", salientou. A cantiga popular sobre os últimos días de Moreno serve de fío condutor da narración. "Moreno foi un dirixente da CNT na Coruña. Participou na organización da resistencia ao golpe militar do 36 nesta cidade. Nós recollemos testemuños daquilo na Coruña... Despois pasou a Asturias. Tras fracasar no intento de marchar en barco desde Xixón, tentou regresar a Galicia. Entrevistamos á persoa que o guiou ata a fronteira, de volta a Galicia, Avelardo. E falamos con veciños da Fonsagrada", subliñou.

"A Moreno e a outros 15 homes matáronos a traizón, e obrigaron a un neno de cada casa a enterralos. Esas persoas axudaron moito a localizar as fosas. A Moreno torturárono, exhibiron o seu corpo... Aquilo xerou moito temor, e unha grande angustia no pobo: durante anos o monte estivo pelado e os rectángulos das fosas víanse na terra... As testemuñas faláronnos con moito sentimento... Os descendentes ensináronnos fotos, gravámolos no enterro dos restos no 2009... Tamén nos axudaron moito o concello da Fonsagrada e o de Grandas, e a ARMH, que entrevistara a xente antes ca nós", apuntou.

SENTIDO

Un exemplo da resistencia galega

O documental "conta unha historia que non se conta habitualmente: a da resistencia que houbo en Galicia, o papel dos galegos a través do Batallón Galicia, e a resistencia na Coruña...", sinalou a directora. Eliseo Fernández -que participou no filme como guionista e investigador- encargouse, con Carmen García, da documentación. "Documentos poucos hai: a causa xudicial contra Julián Carballo, do Batallón... E testemuñas. A Moreno matárono en Galicia, pero enterrárono en Grandas", dixo.

DATOS

De Nova York á Coruña

Eliseo Fernández investigou a traxectoria de Moreno. "Era fillo dun dirixente anarquista. Viviu en Nova York. Cando se proclamou a República, e aproveitando que alá non había moito traballo pola crise do 29, volveu a Galicia. Era panadeiro. O Goberno da República non satisfacía as súas expectativas de melloras laborais e de nivel de vida dos traballadores. Promoveu actos de tipo insurreccional: no 33 participou no intento de asaltar o cuartel de Oleiros. E participou nas maiores folgas da época", comentou.

De Asturias a Galicia

"Foi un importante militante da CNT. Deu mítines en todas as cidades galegas. Tentou organizar a resistencia ao golpe militar: houbo un mitin na praza de touros, e el foi un dos oradores... Fuxiu a Asturias e incorporouse ao Batallón Galicia, no que estivo seis meses. Ía fuxir en barco a Francia, pero non deu chegado a tempo a Xixón. Tentou volver a Galicia. No Acebo estaban el e a súa xente agochados en dúas casas. Nunha houbo un enfrontamento cos falanxistas, e morreu un falanxista. Collérono despois, e matárono", resumiu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario