“Os obreiros percibían menos se as súas mulleres tiñan empregos fóra da casa”
DANIEL PRIETO Xornal 19/01/2010
Margarita Vilar (Ferrol, 1974), profesora de Economía Aplicada na Universidade da Coruña (UDC), presenta mañá na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña o libro Los salarios del miedo. Mercado de trabajo y crecimiento económico en España durante el franquismo, nun acto organizado pola Fundación 10 de Marzo e CCOO da Coruña. Nesta obra,Vilar, doutora en Economía pola Universidade de Barcelona, tenta “desterrar vellos mitos sobre a clase traballadora baixo o réxime de Franco”, xa que “a política salarial foi unha vía de represión máis durante o franquismo”.
Este é un aspecto moi pouco estudado do franquismo, por que?
Ata agora, os investigadores non tiñamos acceso aos datos sobre os salarios dos traballadores durante a Guerra Civil e o franquismo. Só podiamos consultar as estatísticas oficiais do réxime, que están moi maquilladas. E como do que se trata é de recuperar a memoria estatística con este libro, quixen reflectir o que ocorreu daquela cos obreiros.
E que ocorría?
Que os salarios reais se afundiron e os traballadores tiveron que facer fronte a un empeoramento progresivo das súas condicións laborais e de vida, xa que carecían por completo de políticas sociais. A política salarial foi unha vía de represión máis durante o franquismo, e hai que ter en conta que máis do 80% da poboación da España do momento era asalariada. E, se a ditadura controlaba os salarios, asegurábase a supremacía do réxime sobre a maioría da poboación.
Con que medidas contaba o franquismo para conseguir isto?
A mensaxe era moi simple: “Se estás do lado do réxime a túa situación vai mellorar considerablemente, pero se te opós ou existe algún indicio que indique que non estás aliñado co réxime prepárate, porque as cousas vanche ir moi mal”. E é que o franquismo vixiou máis o comportamento dos traballadores có seu rendemento, mediante moitas fórmulas. Os traballadores sabían que se se afiliaban á Falanxe cobraban máis. E os obreiros tamén vían reducido o seu salario se as súas mulleres traballaban fóra da casa, pero se quedaban no fogar o traballador era premiado. Ademais, a paga dos obreiros incrementábase cantos máis fillos tiveran e viceversa.
Falouse moito ultimamente do papel da muller no franquismo?
A muller era o anxo do fogar para a ditadura. Tiña que coidar da prole, e canto máis numerosa fora mellor. Era un instrumento moi efectivo para espallar os valores do réxime.
En que momento se levan á práctica estas medidas?
Toda esta política represiva comeza antes de que remate a Guerra Civil, na España ocupada. E este sistema chega ata despois da ditadura.
Dá a impresión de que ata agora non se consideraban estas formas de represión.
Falouse moito da memoria histórica, dos desaparecidos baixo a ditadura e dos represaliados, pero este libro non trata diso. Tento explicar que houbo unha parte do país que viviu nun estado de represión, sometida a un ríxido control durante décadas. Era a España da fame, do racionamento, do mercado negro e da tuberculose, un ambiente no que non someterse significaba non sobrevivir. Unha situación extrapolable a todo o país. Así que hai que desterrar vellos mitos sobre a clase traballadora baixo o réxime de Franco, expresións como “con Franco non había paro” ou “con Franco vivíase mellor”, porque non se axustan á realidade.
Pero moitos dos traballadores eran antigos soldados franquistas, como se conxugou iso?
Aínda que a maioría dos asalariados loitaron no exército franquista, o réxime considéraos despois os seus grandes inimigos, porque a ditadura tíñalle un medo patolóxico ao movemento sindical obreiro. Teme que os traballadores poidan organizarse, e considéraos unha clase homoxénea que hai que reprimir.
Cando cambia esa situación?
Isto mantense ata 1959, cando se aproba o Plan de Estabilización, que supón un xiro nas políticas económicas do mercado. Pero estas ideas mantéñense ata principios dos anos 70 e os traballadores carecen aínda de liberdade sindical ou de dereito á folga, aínda que van perdendo o medo.
Fálase do abaratamento do despido, da ampliación da xornada laboral, que opinión lle merecen estas medidas?
Ás veces fálase con lixeireza deses temas. A Guerra Civil é un exemplo de que o abaratamento do despido non se traduciu en bos resultados económicos senón nunha prolongación da posguerra, porque o único estímulo dos traballadores para exercer a súa labor era o medo. En canto ao segundo, a clave do rendemento é a produtividade. Un traballador ten que ter estímulos, e traballar máis horas non contribúe a iso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario