domingo, 31 de xaneiro de 2010

Caixanova amosa en Pontevedra a obra de Oswaldo Guayasamin


A exposición contén dúas das súas series pictóricas, tituladas ‘La conquista de Méjico’ e ‘Emociones’

Xornal.com 31/01/2010

Oswaldo Guayasamin (Quito, 1919-Baltimore 1999)é un dos mellores muralistas sudamericanos dos anos 50, aínda que o seu nome sexa moito menos coñecido que o de Rivera ou Orozco. Quen desexe comprobalo cos seus propios ollos pode achegarse ata a mostra Emociones, que a Obra Social de Caixanova i­naugurou esta mesma semana na súa sede de Pontevedra, onde permanecerá ata o 7 de marzo.

Os cadros do ecuatoriano que alí se amosan pertencen aos fondos da Fundación Museo de Artes del Grabado a la Estampa Digital e abarcan dúas das súas series de gravados: La conquista de Méjico e Emociones. A primeira delas exalta a cultura precolombina, centrándose no colorido e a iconografía do universo indíxena, moi relacionada coa terra e a luz. A segunda das series viaxa a través dos sentimentos do artista e recolle a intensidade das emocións que lle transmiten vinte mulleres.

Aínda que a mostra Emociones está centrada na produción gráfica do artista ecuatoriano, Oswaldo Guayasamin é recoñecido como un dos grandes representantes do movemento muralista.

Ao igual que Rivera e Orozco, Guayasamin impresionou a Rockefeller –quen mercou varias das súas obras e o axudou posteriormente– e provocou a oposición de moitos outros debido á implicación política inherente aos muralistas da época: a sociedade indíxena oprimida sempre aparece, dun ou doutro xeito, na súa obra. En vida puido realizar ata 180 exposicións, en todas e cada unha das grandes cidades de América do Sur, e noutras grandes capitais como Nova York, París, Madrid ou Amsterdam.

DE FAMILIA POPULAR

Oswaldo Guayasamín naceu de pai indio e nai mestiza. O pai traballaba como carpinteiro e, máis tarde, como taxista e camioneiro. A familia vivía na miseria. Oswaldo foi o primeiro de dez fillos. A súa aptitude artística esperta a temperá idade. Antes dos oito anos, fai caricaturas dos mestres e compañeiros da escola. En 1932, a pesar da oposición do seu pai, ingresa á Escola de Belas Artes de Quito. É a época da “guerra dos catro días”, un levantamento obreiro. Durante unha manifestación, morre o seu amigo Manjarrés, algo que logo retratará na súa obra Los niños muertos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario