domingo, 31 de xaneiro de 2010

A muralla de Lugo, capital da Galicia étnica do Terceiro Reich


Unha morea de nostálxicos do réxime nacionalsocialista alemán botaron man das razas -e sobre todo da imaxinación- para crearen ducias de mapas que habían de repartir Europa en rexións co padrón étnico como método de corte fronteirizo. Nun deles, configurado por unha división das Waffen SS. Galicia e Asturias eran un só territorio. A capital, Lugo

LARA GRAÑA- Xornal- 31/01/2010

Cortar o bacallau antes de vendelo nunca foi bo método. O bo dos refráns, aforismos e demais frases que sempre quedan ben para ter a última palabra nunha conversa é que son facilmente mutables. Vaia, que lle apliquen a sentenza anterior a calquera cousa. Por exemplo, “cortar os países antes de conquistalos nunca foi bo método”. Ven? E xa nos serve para o que aquí se lles vai contar e que, por fortuna, non resultou por culpa da premura e da imaxinación excesiva –e porque, detalle, houbo un Holocausto de por medio–. No seo do partido nazi alemán existiron numerosos proxectos para deseñar unha futura Europa baseada na diversidade étnica do continente e, de paso, acabar con tanto país e tanta democracia. Por suposto, aí habían de mandar os da raza aria, que para mandar había clases e para partir países non había ser menos a cousa. “Sempre houbo unha fascinación pola diversidade étnica”, sinala o profesor de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manoel Núñez Seixas. Nun deses momentos de fascinación, as Waffen SS deseñaron un mapa continental no que Galicia e Asturias eran o mesmo territorio. E a súa capital, o Lugo das murallas dos romanos.

As Waffen-SS foron o corpo de combate de elite das Schutzstaffel (SS), dirixidas por Heinrich Himler. Creadas como unidade de protección para a alta dirección do Partido Nazi, pasaron a converterse nunha forza militar de preto dun millón de soldados. Eran unha unidade altamente considerada pero, para os expertos, con moitas mareas no eido político á luz dos mapas que deseñaron baseados na diversidade étnica. O bosquexo en cuestión, debuxado cando o réxime nazi vía achegarse velozmente a súa destrución, ten a autoría dun suposto grupo federalista e non “panxermánico” das Waffen-SS, que gañou músculo mentres o Führer, Adolf Hitler, reservaba os seus para premer no gatillo da pistola Walther PPK que o matou. “Estamos falando dun grupo minoritario, en calquera caso, que non debía de ter moita idea”, ironizan nos foros de internet. O espírito desta organización era o de dividir Europa en numerosísimas provincias dependentes, en calquera caso, doutra Alemaña dividida pero con supremacía ideolóxica e política. “Houbo nazis en Galicia, claro que si, pero non con tal dimensión como para pensar que a provincia galega fose relevante”, engade Núñez Seixas. “A interpretación que se fai del paréceme moi optimista”, sentenza.

AS RAZÓNS DO MAPA

O mesmo mapa explica as razóns da súa configuración. Como reseña, “co espírito desta organización, cada provincia recibía unha total autonomía cultural e quedaba dependente da federación no tocante a cuestións económicas, políticas e de defensa”. Evidentemente, para as Waffen-SS o primeiro era a deportación –ou “retorno”, curioso eufemismo– de todos os xudeus a Palestina e “outros lugares”. Así as cousas, a Galice-Asturies con Lugo como capital de provincia podía manter a súas peculiaridades culturais baixo sometemento político á dirección nazi con capital en Berlín. Estamos no ano 1945 e, por exemplo, se cadra o idioma galego non estaría proscrito. Mais, por que esa unión das comunidades galega e asturiana? Núñez Seixas empraza á “fascinación pola suposta raza celta”, porque a adulación pola diversidade étnica “sempre foi moi importante no mundo nacionalsocialista”. “E especialmente todo o referido ao mundo celta”, continúa o profesor na Universidade de Santiago e experto na materia, que relaciona eses amores étnicos coa admiración pola Bretaña ou Irlanda. “Galicia ás veces aparece anexionada a Portugal, e tamén por esa relación de pobos con suposta orixe celta”. “Moitas fantasías”, ironiza. (...)

Ler máis

1 comentario:

  1. Hola amigos, este mapa no es un mapa nazi, es posterior a la derrota alemana, el professor de geografía ehistoria que se anuncia arriba lo podrá confirmar si analiza el mapa ya que las diversas divisiones uniéndolas forman la actual Polonia (con Silesia y Pomerania pero sin las regiones que le arrebató la Urss), no figura en el mapa la Besarabia rumana, ni la Rutenia checoeslovaca, ni Estonia, Letonia o Lituania, en este mapa no se consideraba a la Urss post 1945, muchos más detalles como la Istria no italiana......es evidente y claro que este es un mapa posterior al cual algún "periodista" "enterado" ha adjudicado a las SS.
    Perdon por non falar en galego, mais nos se, de niño estuve un mes en Vigo, me llamaban filinho jajajaja y algo aprendi, en Trintxerpe tamén (Gipuzkoa) donde hay moito galego, un saludo.
    Jon

    ResponderEliminar