O concello de Ferrol acorda trasladar a un almacén militar e tapar cunha tea a estatua de Franco
Galicia Hoxe, 15-1-10
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, acordou co Ministerio de Defensa que a estatua ecuestre de Franco sexa trasladada a un almacén militar e tapada cunha tea, en cumprimento da Lei da memoria histórica.
A estatua de Franco atópase na actualidade no Patio de Poñente de Ferrarías do Arsenal militar dende que o 4 de xullo de 2002 fose retirada do lugar que ocupaba na céntrica praza de España, debido á construción dun aparcamento subterráneo. A mole de bronce, de case sete toneladas de peso, atópase dende ese momento ao fondo do lugar que dá acceso á Exponav e ao Museo militar. A Xunta de Voceiros de Ferrol resolveu en apenas dez minutos a polémica que se xerou ante a orde dada por Defensa ao Concello, propietario da estatua, para que a retirase do interior do Arsenal. Irisarri ironizou sobre a excesiva "expectación" que se creara en torno a un tema que se resolveu en "cinco minutos". Asegurou que o Ministerio de Defensa, a través da Armada, "vai coller a estatua de onde está agora mesmo, onde é visible e onde incumpre a lei e vaina levar a un almacén dos que ten no propio Arsenal, tapala, e así de sinxelo, rematou a historia".
Para Irisarri, é unha decisión "natural", que xorde da petición do pleno de Ferrol aprobada en setembro e na que se solicitaba o cumprimento da lei nos recintos militares. Segundo explicou Irisarri, será Defensa quen realice as xestións oportunas para a contratación dun servizo de transporte que retire a estatua, que está depositada no Arsenal en función dun acordo de 2002. Polo tanto, non será necesario asinar ningún novo documento.
Tanto o PP como Independentes por Ferrol e o BNG mostráronse conformes coa decisión. A única formación que discrepou abertamente do posicionamento municipal foi Esquerda Unida -ex socios do PSOE en Ferrol-, que tachou a decisión de "falta de respecto e absoluta hipocrisía" cara á Lei da memoria histórica. A voceira de EU-IU, Yolanda Díaz considera "vergonzoso" que un alcalde socialista diga que "o franquismo xa está xulgado neste país". "É unha vergoña que un alcalde diga que quere rematar pronto con este tema para dedicarse a temas importantes", engadiu. "Isto é meter o po debaixo da alfombra", concluíu.
Ademais, a vicepresidenta do Goberno decidiu onte subvencionar con case 27.000 euros a construción dun monumento ás vítimas da represión franquista na comarca da Coruña. No monumento aparecerán os nomes de todas as vítimas en dez concellos da zona desde o 18 de xullo de 1936 ata a instauración da democracia.
TRIBUNAL
O Supremo admite a trámite a querela da Falanxe contra Garzón
O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón dixo onte cando lle preguntaron sobre se non cansa de estar sempre no ollo do furacán e ser obxecto de polémica: "Eu non canso de traballar, que é o que estou facendo; o demais, cada cousa no seu momento". Sobre a decisión do Tribunal Supremo (TS) de admitir a trámite unha querela de Falanxe Española das JONS -que foi acumulada á de Manos Limpias e Libertad y Identidad- por investigar as desaparicións durante a Guerra Civil española e o franquismo lembrou que este asunto está pendente de resolución polo Alto Tribunal. "Eu non falo sobre o particular", engadiu o xuíz.
NO PARLAMENTO EUROPEO
Unha Constitución coa aguia fascista
O eurodeputado de ER, Oriol Junqueras, pediulle onte ó presidente do Parlamento europeo, Jerzy Buzek, que retire un exemplar da Constitución española coa aguia franquista e o lema "Unha, grande e libre", que se exibe na Eurocámara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario