venres, 29 de xaneiro de 2010

Amada García, na memoria


Amada García Rodríguez foi fusilada no Castelo de San Felipe o 27 de xaneiro do ano 1938. Setenta a un anos despois, será homenaxeada neste mesmo lugar pola Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol, nun acto que comezará ás cinco desta tarde. A historia de Amada, veciña de Mugardos, nunca foi esquecida polos seus veciños. Dicíase que fora represaliada por bordar unha bandeira do Partido Comunista. En realidade, foi condenada a morte por ser de esquerdas, e muller.

M.D. Galicia-Hoxe, 29-1-010

"Estaba embarazada cando a condenaron a morte. Esperaron a que nacese o fillo, e despois matárona. E ese fillo, Gabriel Toimil García, que nunca coñeceu a súa nai, segue levándolle flores... nós quixemos unirnos a el, homenaxeándoa. Xa lle fixeramos outra homenaxe, fronte á placa que a lembra no foso do castelo, onde a fusilaron", salientou Anxo González, membro da Asociación Memoria Histórica Democrática.

"Haberá un gaiteiro, flores, e recordaremos a Amada, ás sete persoas que mataron con ela, e a todas as mulleres de Ferrolterra que foron pasadas polas armas", engadiu.

A base de datos do proxecto As vítimas, os nomes, as voces e os lugares inclúe a ficha de Amada: muller, de 27 anos, de Mugardos, do PCE, morta o 27 de xaneiro do 38, xulgada en Ferrol por "rebelión militar co resultado de sentenza e pena de morte". O historiador Bernardo Máiz está a preparar unha biografía sobre esta muller. "Naceu o 7 de outubro de 1909. O seu pai era pescador. Casou no ano 29 cun traballador do arsenal de Ferrol, Gabriel Toimil Dopico. Tivo dúas fillas antes da guerra. Unha morreu, a outra aínda vive. Entrou no PC, e no Sindicato Femenino. Era unha muller moi activa, que participou en mítines, e no 36 tentou axudar no que puido na resistencia ao golpe, en Mugardos. Detivérona en agosto e en setembro do 36", lembrou Máiz.

"Trasladárona a Ferrol, a un cárcere de mulleres que había no convento da compañía de María. Foi sometida a consello de guerra: a causa é a 379/37. O auto do seu procesamento é do 14 de maio do 37. Como estaba embarazada trasladárona á hospital da Caridad, onde estivo vixiada por un garda. Naceu o seu fillo, Gabriel, o 31 de outubro. No consello de guerra á que a someteron había 51 encausados. Executaron a 8 no castelo", engadiu.

"Un capitán do exército tentou defendela. Acusárona de cousas que non fixo como asaltar un pazo... No ano 54, en Arxentina, un xornal republicano, Galicia, publicou un artigo sobre ela. As MNG lembrárona en Ferrol no 98, houbo outra homenaxe no 2002... Era unha muller emblemática, un mito de toda a área de Ferrol...", comentou. Mugardos é unha localidade pequena, e os historiadores levan contados xa 87 represaliados no lugar. O Ateneo de Ferrol proxectará hoxe ás sete a película A cidade da selva, dirixida por Helena Villares, no que se fala da historia de Amada, entre outras.

1 comentario:

  1. Impresionante, pero moi triste. Será bo lembrar isto pra que non voltemos a dar pe a sinrazón que alguns empeñan se en facer lógica.

    ResponderEliminar