domingo, 31 de xaneiro de 2010

"Teñen que respectarnos"


A profesora Gracia Trujilllo reúne nun libro que presenta hoxe en Compostela a historia da mobilización lesbiana no Estado español durante os últimos 30 anos

MONTSE DOPICO- Galicia Hoxe- 30-1-2010

"Agora que se empezou a falar de memoria histórica é necesario, urxente, que empecemos a rescatar a(s) nosa(s). Sen memoria non hai análise posible". Así o cre a Gracia Trujillo, profesora da Universidade de Casela- A Mancha especializada nas teorías e nas prácticas políticas feministas e LGBT-queer. A mobilización lesbiana é un dos ámbitos nos que existen máis lagoas na investigación académica. Consciente diso, Trujillo elaborou o ensaio Deseo y resistencia. Treinta años de movilización lesbiana en el Estado Español, -editado por Egales-, que presentou xa no Centro Social Las Atochas, e que hoxe dará a coñecer en Compostela, ás 20.00 horas, no bar As dúas. "Teñen non que aceptarnos, senón que respectarnos", di.

O libro xorde da túa tese doutoral.

Si. O libro penseino máis como un ensaio. A parte que abrangue do 1997 ao 2007 é un engadido que non estaba na tese. Tamén incorporei toda a serie de fotos de carteis, fanzines, manifestacións... para recuperalos e divulgalos, como nun arquivo...

Salientas que hai pouco escrito sobre a mobilización lesbiana, abordada dun xeito específico.

Si, e xa é hora de saír da nota a pé de páxina. Quixen recuperar o legado dese activismo con xa trinta anos de historia, que non estaba en ningún sitio. Falo como activista e académica.

Tiveches dificultades para localizar as fontes. Por que?

Por unha banda, debido á propia natureza da acción colectiva dos movementos sociais: os documentos pérdense, destrúense. Ademais, moitas activistas crían que non eran importantes, ou que eran temas vergonzantes... Consultei case 600 noticias da prensa, e fixen 16 entrevistas coas activistas clave. Elas pasáronme documentos que tiñan gardados.

Estruturas o libro segundo un criterio cronolóxico: anos 70, 80, 90 e a partir do 2000. Sen entender a periodicización como algo ríxido.

Prefiro falar de ondas que de ciclos. Hai diferentes correntes, con distintos momentos de orixe, que se superpoñen. Hai activistas que militan ao mesmo tempo en varias correntes...

Un dos fíos condutores do libro é o dilema, no seo da mobilización lesbiana, entre enfatizar a dimensión de xénero da identidade -ser mulleres-, ou a da opción sexual.

Si, hai un movemento pendular nas definicións identitarias. Nos 70 a urxencia era a derogación da Ley de Peligrosidad Social, daquela as activistas lesbianas fan definicións que están preto dos seus compañeiros gays. Nos 80, derrogada esa lei, subliñan a dimensión de xénero e únense ao movemento feminista. Nos 90, logradas as principais demandas do feminismo, unhas participan en grupos mixtos cos gays; outras seguen no feminismo, e outras intégranse no activismo queer. Hoxe é un movemento plural. A cuestión é que a definición identitaria non é algo superficial, senón que ten moitas implicacións na evolución do movemento: nos obxectivos políticos, nas alianzas con outros grupos...

"Sen identidades non hai loita colectiva posible". Por que é máis importante para as lesbianas?

Porque é un suxeito estigmatizado historicamente pola Igrexa, os médicos, a lei, os medios de comunicación... que elaboran discursos negativos. O que argumento é que, canto máis estigmatizado estea un colectivo, máis precisará dunha identidade colectiva para mobilizarse.

Explicas a definición dese "eu" colectivo das activistas a partir da catro variables: o contexto político -non é igual o goberno do PP que o do PSOE de Zapatero-; a influencia doutros movementos -o gai, os do mundo anglosaxón...-; os discursos ideolóxicos -libertario, feminista, gay, teoría queer, dilema xénero/opción sexual- e o relevo xeracional. Por que?

Hai unha serie de elementos que explican os cambios na elaboración do discurso. As identidades non son fixas e esenciais, senón cambiantes, multidimensionais, complexas...

Subliñas os elevados custes políticos e persoais que supón optar por centrar o activismo non na interlocución coas institucións senón na acción de rúa, artellada para transformar a cotidianeidade...

A teoría dos movementos sociais tende a distinguir entre movementos identitarios, centrados na acción cultural, e os instrumentais, centrados na acción política. O que defendo é que os movementos sociais poden ter as dúas dimensións. Facer accións de rúa, por exemplo contra as agresións, é un obxectivo político.

Como foi evolucionando o activismo das lesbianas en Galicia?

Como no resto do Estado. Nos 70 houbo un activismo de esquerdas, que confluíu co nacionalismo, cun movemento feminista importante, cun grupo de lesbianas... Nos 80 segue o feminismo, hai unhas xornadas importantes... Nos 90 está o grupo mixto Lesbi-gai de Vigo, hoxe hai colectivos integrados na federación estatal... e colectivos que se moven no ámbito queer, como Transgaliza, Maribohleras Precárias ou Oquenossaedacona, que foron os que organizaron as presentacións do meu libro aquí e que traballan en rede con colectivos de Madrid, Barcelona, Euskadi,..

PERIODOS

A "débeda histórica" do feminismo

Nos 70 prodúcese unha loita conxunta cos outros marxinados: gays, mulleres, prostitutas, toxicómanos... Que balance pode facer desa época?

O movemento feminista xa estaba na rúa. Hai lesbianas dentro do movemento feminista, e grupos de lesbianas que comezan a organizarse como tales. Son grupos minoritarios: era moi costoso saír do armario: botábante da casa, podías acabar nun manicomio, había familias que denunciaban as súas fillas... A lei criminalizábaas. As lesbianas participaban nos Frentes de Liberación Gay.

Nos 80 a maioría dos colectivos abandonan os Frentes e intégranse nos grupos feministas. E hai certa desmobilización, segundo dis, ligada á aparición das zonas comerciais e de ocio "de ambiente". Que mudara?

Derrogouse a lei de perigosidade. As activistas lesbianas fan parte do movemento feminista, e céntranse nas demandas deste: o acceso aos anticonceptivos, a lei do aborto, a lei do divercio e a violencia. A dimensión sexual queda nun segundo plano, e ata o ano 89 non se crea a primeira plataforma que se centrará nas demandas das lesbianas. Aínda hoxe, o movemento feminista ten unha débeda histórica coas lesbianas, que é recoñecer o labor que fixeron polos dereitos de todas as mulleres. Os avances legais e sociais que conseguimos débense á loita das mulleres, gais, lesbianas, transexuais...

Nos anos 90 o ideario do orgullo, a visibilidade e o empoderamento LGBT, e a crítica queer, gañan paso, como as accións en rede, na rúa, destinadas non a conseguir obxectivos políticos inmediatos senón a transformar a sociedade...

Hai unha parte do movemento, a máis "moderada", que colabora coas institucións, os partidos políticos, os medios de comunicación... e que se centra en alcanzar avances legais. E por outra banda está o activismo queer, que actúa a nivel micropolítico: na rúa, no ámbito local, nos barrios, cunha actividade radical no sentido dos discursos e as representacións: menos puritanas que nos 80, explicitando o corpo... A crítica queer considera que as identidades non as conforman elementos fixos, senón que son interseccións de identidades: segundo o xénero, opción sexual, clase social, etnia, raza, idade... Por iso, para intervir na propia vida e nos propios corpos, actúase en rede con outros colectivos: que poden ser okupas, inmigrantes... O de ser grupos minoritarios é relativo: poucos poden facer moito. Queda moito por facer: en educación, a despatoloxización dos transexuais, a loita contra a homofobia, a lesbofobia, a transfobia, as agresións na rúa e nos medios, os prexuízos... Os colectivos queer non nos opoñemos aos avances legais, pero somos críticos: hai alternativas á familia tradicional que sostén a lei de matrimonio..., e non nos gusta a idea de normalización, integración, nun sistema que non nos considera normais, senón seres anecdóticos... As accións dos grupos queer son performances, encontros, festas, conferencias, obradoiros... créanse redes por internet, espazos de debate, solidariedade, afectos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario