luns, 1 de febreiro de 2010

En memoria de Villamor


Unha placa honra desde onte en Compostela a memoria de Marcial Villamor, o sindicalista da CNT paseado no 37, na praza que leva o seu nome –antes coñecida como praza do Olvido–. A inauguración das obras de reurbanización deste espazo serviron para homenaxear a Villamor e a todos os militantes obreiros represaliados co golpe do 36

M. DOPICO. Galicia-Hoxe. 31-1-2010

"Marcial Villamor foi un destacado e influente sindicalista da CNT compostelá, primeiro, e do Partido Sindicalista de Pestaña, despois; foi un traballador manual ebanista de profesión con obradoiro aberto na rúa da Ensinanza; e foi tamén un home humilde e autodidacta, amante con maiúsculas da cultura como vieiro liberador, propietario dunha biblioteca que producía envexa". O historiador Dionisio Pereira lembrou así a Villamor no acto de inauguración da praza, no que interviron tamén a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. A praza do Olvido -fronte ao lugar no que se atopaba hai anos a desaloxada Casa Encantada- foi rebautizada como praza de Marcial Villamor grazas aos votos do BNG e o PSOE locais, coa oposición do PP.

Marcial Villamor "formou parte a carón de sindicalistas tan coñecidos como José Villaverde, nacido no Pexego de Abaixo, da terceira xeración de militantes obreiros que foron capaces de consolidar na escurantista e levítica Compostela de entreséculos, un potente movemento operario composto por sociedades de resistencia de oficio, ás que se debe a progresiva dignificación dunhas condicións de traballo que, cando remata o XIX, estaban máis que próximas á escravitude", lembrou Dionisio Pereira.

O historiador impartiu tamén un relatorio sobre Villamor e Villaverde, ambos represaliados, dos que salientou a súa orixe humilde, a súa cultura, a súa profesión de carpinteiros e a súa militancia no anarcosindicalismo "construtivo", alleo á violencia cega e aberto ás alianzas con outros sindicatos e á cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario