luns, 22 de febreiro de 2010

A orixe cultural dos roles


O Kiosko Alfonso da Coruña acolle unha mostra sobre a muller en distintas sociedades do mundo

M. DOPICO- Galicia-Hoxe 17-2-010

O pobo maisin, de Papúa Nova Guinea, non diferencia os homes a as mulleres polos seus trazos biolóxicos, senón polo seu xeito de pensar e actuar, pola indumentaria... Hoxe, as rapazas novas non aceptan tatuar a cara. En África, a chegada dos colonizadores brancos supuxo, en moitas sociedades, co fin da igualdade entre a muller e o home. O Corán outorga as mesmas obrigas relixiosas a ambos os sexos. Son algúns dos datos que recolle a exposición Mujeres. Espejo de Culturas, que se pode ver ata o 4 de abril no Kiosko Alfonso da Coruña.

Un total de 135 pezas de sete culturas de África, Asia e América amazónica e septentrional cedidas polo Museo Etnolóxico de Munich conforman esta mostra, organizada pola obra social de La Caixa en colaboración co Concello da Coruña. A familia, o papel da muller na sociedade e a divindade feminina son os tres eixes que alicerzan a exposición. "Son tres elementos comúns a todas as sociedades. Tres ámbitos universais. Escollímolos, en lugar de estruturala segundo os espazos e tempos, para achegar os contidos, que fosen comprensibles para todo o mundo", explicou a comisaria, Lavínia Mayer.

"Un dos obxectivos é mostrar como algunhas culturas valoran os trazos biolóxicos" para establecer os roles de xénero "e outras non os teñen en conta", comentou. Aínda que, -aclarou-, a exposición está concibida para que "cada un saque as súas propias conclusións". E "non establece paralelismos coa nosa realidade, pero todo o mundo que a visita os atopa", engadiu.

Mujeres. Espejo de Culturas analiza o papel da muller na familia en diferentes culturas: nai, esposa, depositaria da tradición, responsable da economía doméstica... "Unha muller pode ter un rol tradicional de nai, e ao mesmo tempo ser unha dirixente política. A mostra amosaría neste caso os dous mundos das mesmas mulleres. Agás no aspecto de poder-desigualdade, a exposición subliña máis a idea de complementariedade. Os roles non son excluíntes", indica.

A mostra non esquece tampouco, deste xeito, a denuncia. "O feito de describir unha situación, por exemplo a muller na India, implica unha denuncia. A descrición da realidade sempre é subxectiva. Pero nós non queriamos tanto poñer unhas mensaxes tan claras e guiadas, senón que a xente pense, saque as súas conclusións", sinalou.

As implicacións sociais de ser muller constitúen outro dos eixes da mostra. A identidade da muller dentro do grupo, a súa capacidade para decidir sobre o seu propio destino ou a idealización da beleza varían segundo as culturas. Como muda a concepción do femino nas relixións: deusa, vehículo cara á divindade, persoa con coñecementos espirituais que trascenden a capacidade do resto dos humanos.

A mostra exbibe fotografías e pezas diversas, como vestidos, xoias, accesorios de hixiene, utensilios domésticos e artesanía, así como esculturas e outros obxectos. "Ademais da organización nos tres ámbitos citados, temos vitrinas temáticas: de indumentaria nupcial, ferramentas de traballo... Sete conservadores expertos, especializados un en cada área do mundo, traballaron na selección, de xeito que quedou un conxunto moi coherente", salientou Mayer, que comparte o comisariado con Stefan Eisehofer, do departamento de África.

EXEMPLOS

Papúa Nova Guinea e China Dos akhba aos cazadores de América

Nos akha, -subliña a nota de prensa da mostra-, un grupo étnico que se reparte polas zonas montañosas de Birmania, Laos, China e Tailandia, o home ten o poder doméstico e social. Noutras sociedades dominadas pola caza, como as culturas indíxenas de América do Norte ou do Amazonas, as mulleres son a maior parte do tempo as responsables do fogar, e ademais as depositarias e transmisoras da tradición, a actividade artística e a cultura. Moitas das loitas contra os poderes coloniais da primeira metade do século XX estiveron lideradas por mulleres, como a denominada guerra das mulleres de Nixeria. Os gobernos europeos puxeron fin a un sistema de poder que equilibraba o rol dos homes e das mulleres. Na lexislación india, as mulleres gozaban dos mesmos dereitos que os homes. Pero na práctica os pais deciden os matrimonios, e as mulleres das clases baixas sofren precariedade, analfabetismo... No pensamento relixioso hindú, unha das divindades máis importantes é a esposa de Shiva, Parvati.

DATOS

En moitos lugares de Papúa Nova Guinea crese que calquera corpo humano ten elementos masculinos e femininos. A diferenciación de xéneros desenvólvese cos anos, coa aprendizaxe. Porén, na dinastía Qing a muller era considerada inferior, e considerábase que isto estaba determinado pola concepción do cosmos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario