sábado, 27 de febreiro de 2010

Castelao chega a rede


>> A Fundación Castelao estivo cinco lustros peneirando o mundo para atopar ata o último debuxo.

>> A obra gráfica poderá ser vista nas webs do padroado e do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

XABIER R. BLANCO- Xornal 23/02/2010

A Consellería de Cultura recibiu o día 29 de xaneiro a catalogación e a dixitalización da obra de Daniel Castelao que o padroado estivo a facer durante os últimos 25 anos. Ese día no acto celebrado en Rianxo, o titular de Cultura, Roberto Varela, xurou defender diante do busto do pai do galeguismo o patrimonio desta terra. Foi como un acto de contrición, logo dunhas polémicas declaracións feitas días antes nas que dixo que a cultura galega estaba “ensimesmada e acomplexada”. Roberto Varela pasaba por un momento complicado. Os once premios nacionais de literatura viñan de asinar unha carta solicitando a súa dimisión.

A Fundación Castelao entregoulle en formato dixital a culminación de cinco lustros peneirando o espacio vital do intelectual rianxeiro para acadar ata a última obra gráfica dun artista imprescindible para comprender o nacionalismo galego. O traballo, dirixido por Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da fundación, intensificouse non últimos dous anos do bipartito. Unha subvención de 300.000 euros permitiulle ao padroado a contratación de 30 bolseiros para localizar ata o último debuxo ou os cadros, que moitos deles se tiñan por desaparecidos. En total, recompiláronse 3.800 entradas, case todas coa imaxe da obra, que se encargou de facer na súa maior parte Xurxo Lobato. “No debuxo que pode verse na Unidad Gallega de New York, pode lerse: ‘Galegos de América, compride a manda dos nosos mortos’. Iso é o que quixemos facer para que a xente poida consultar a obra e non se perda. Hoxe o que non estea en formato dixital non existe. Ata Teresa, a irmá de Castelao, era consciente da importancia de que se recompilase a súa obra e se divulgase na rede. É semellante ao que fixo Castelao coas Cruces de Pedra na Galiza, catalogar o noso patrimonio para que non esmoreza”, afirma Seixas, satisfeito por un proxecto no que leva traballando unha gran parte da súa vida para “cumprir coa manda dos nosos mortos”.

Roberto Varela tomou o traballo con ilusión, segundo os asistentes a aquel emotivo acto en Rianxo. Onte mesmo, a Consellería de Cultura confirmou a Xornal de Galicia que a catalogación da obra de Castelao estará en internet e poderá ser consultada por investigadores e por todo o mundo: “Agardamos unha boa acollida e que sexan moitos os traballos do futuro que empreguen eses datos dun gran valor para a cultura. A catalogación universal da obra de Castelao, que estaba dispersa por todo o mundo, e a súa dixitalización toman forma de fichas, nas que na maior parte dos casos hai tanto a fotografía como a referencia documental. A través da catalogación temos acceso á obra de Castelao dun xeito moito máis completo, aínda que nalgúns casos non se conseguiu o permiso dos propietarios da obra para a súa dixitalización”. A consulta “poderase facer dende a páxina web da Fundación Castelao e da web do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, que estará na Biblioteca de Galicia cando se abra este mesmo ano na Cidade da Cultura no monte Gaiás”.

A Fundación Castelao tivo que restrelar por todo o mundo para atopar toda a obra gráfica de Castelao, dende Nova York, Moscova, Bos Aires, A Habana ou Montevideo. “Eu calculo que a obra de Castelao non chega a 3.900 pezas e temos 3.800 entradas na base de datos. Houbo algunhas nas que só puidemos poñer a referencia porque destruíronse por medo ás represalias do franquismo a todo o que tiña que ver co galeguismo. É o caso dos debuxos que tiña Alexandre Bóveda. Antes de que o fusilasen deu instrucións á súa dona de que destruíra todo o que tivera que ver co galeguismo. A viúva non fixo selección e perdéronse. Malia que logo dixo que había debuxos de Castelao, non hai maneira de saber cales eran. Nós so poñemos os que hai documentación fiel”. “Foi como o CSI de Castelao”, ri Seixas logo de rematar a catalogación. “O traballo nunca remata porque así que estea na rede chegarán novas referencias, xa que pode darse o caso de que alguén de Nova York se poña en contacto con nós para certificar un cadro, porque Castelao fixo poxas do seus debuxos tanto para axudar a República, logo os exiliados e tamén para poder vivir. Pode ocorrer que alguén teña un debuxo, teclee en internet Castelao e entenda o seu valor”.

A Seixas, estudoso de Castelao, sorpréndelle a cantidade de obra gráfica, parella en número á de Laxeiro, malia a que este dedicouse so a pintura durante toda a súa vida. Non hai anécdotas dun Castelao nun retrete, cando menos non as atoparon. “Sería estupendo para o anecdotario. O problema de Castealo e que el quere ser pintor pero ten unha crise de cegueira en 1914 e ten dificultades para ver por un desprendemento de retina”. Daquela, Castelao xa era un pintor de éxito. “En 1909 recibira a Medalla de Ouro na Exposición Rexional Galega e no 15 a Medalla de Belas Artes en Madrid”. Pero a mala diagnose da súa enfermidade, xa que incluso foi logo tratado con mercurio no ano 1924 porque crían que era sifilítico cando tiña tuberculose, fai que a súa vista se deteriore. “Entón Castealo non pode pintar moito e fai debuxos, tanto para regalar aos seus amigos, como cando Valentín Paz-Andrade lle dá a primeira páxina do Xornal Galicia, no que acada moita fama”.

Castelao quería ser pintor, por seu pai fíxose médico, pola perda de vista aparcou as dúas cousas, e gañou a oposición ao Corpo de Estatística para poder sobrevivir. Logo empezou coa escrita en galego e Valentín Paz-Andrade convenceuno para que se metese no Partido Galeguista, co que conseguiu a acta de deputado nas eleccións de 1931. Tivo que defender o Estatuto de Autonomía, padecer o exilio e tamén foi ministro. Malia a todas as distraccións a súa obra gráfica é imprescindible, está catalogada e pronto poderá ser consultada na rede, “como quería a súa irmá Teresa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario