O filme de Fellini converteuse en símbolo dun estilo de vida marcado polas exhibicións mundanas, a decadencia e os excesos, hoxe desaparecidos
MÓNICA FARO/EFE- Galicia-Hoxe, 7/2/010
O 5 de febreiro de 1960, as salas de cine italianas foron testemuña do soño felliniano que marcaría un antes e un despois na historia do cine e que se converteu en símbolo dun estilo de vida, dunha Dolce Vita romana marcada polas exhibicións mundanas, a decadencia e os excesos.
Os paradoxos de La Dolce Vita atoparon xa a súa expresión desde a primeira onda de reaccións e críticas, con eloxios, admiración, insultos e ataques que arremetían contra a suposta "inmoralidade" da película ou o seu clima corrupto e que non foron máis que a confirmación do inicio dun mito. O Centro Católico Cinematográfico colgoulle ó filme a etiqueta de "excluído para todos" e algúns críticos que deron opinións favorables á película foron despedidos dos rotativos.
A pegada indeleble que deixou o director de Otto e mezzo ou Amarcord trazou un fresco cheo de símbolos, un mosaico de estereotipos e un universo onírico que moitos buscan aínda ó perderse polas rúas de Roma. A diva interpretada por Anita Ekberg, que repite ata a saciedade a súa chegada ó aeroporto para pousar ante os fotógrafos, o intelectual atormentado ou o cazador de imaxes comprometidas, desde entón bautizado "paparazzo", desfilan por esa fantasía feita realidade, fragmentada en escenas aparentemente inconexas e paradigma dunha agridoce "noite romana".
Pouco queda xa daquelas reunións dos "paparazzi" na Via Veneto de Roma, pero a maxia con que o mestre dos soños dotou a La Dolce Vita, conserva algúns recunchos, como o famoso Café de París, que Fellini retratou.
Ese histórico local, icona dun mundo tan extravagante como baleiro, corrupto e abocado ó naufraxio, pertence hoxe á mafia de Calabria, a Ndrangheta, que o adquiriu hai un ano por seis millóns de euros. Tampouco foi estelar o destino de discotecas como Jackie O", símbolo da vida nocturna romana, frecuentada por Grace Kelly, Jacqueline Bisset, Marcello Mastroianni ou Vittorio Gassman e, nos anos noventa, punto de encontro de criminais e delincuentes. Pero se un se afasta de Via Veneto atopará un dos lugares máis vivos desa Belle Époque italiana, que fixo da Cidade Eterna un centro de celebridades durante as rodaxes de Ben Hur ou Quo Vadis: a Taverna Flavia, un restaurante que o tempo converteu en museo fotográfico, dirixido por Mimmo Cavicchia hai catro décadas.
Mural de autógrafos de Sofía Loren ou Pedro Almodóvar
As paredes deste máxico establecemento, entre os favoritos das estrelas tamén na actualidade, son un auténtico mural de autógrafos no que locen centenares de firmas e rostros coñecidos, desde Sofia Loren e Audrey Hepburn ata Woody Allen ou Pedro Almodóvar.
Testemuña de historias de cine como o romance entre Richard Burton e Elisabeth Taylor, máxima protagonista do local cunha sala que leva o seu nome. Aí están enmarcadas as súas sandalias de Cleopatra, quizais a peza máis cotizada deste restaurante-museo, que Liz regalou a Cavicchia cando rodou a película. "Os protagonistas de "La Dolce Vita" eran os actores, e os espectadores saíron á rúa para vivir e actuar como eles. Todos volvéronse tolos e querían imitar os personaxes do cine", afirma Cavicchia.
Así naceron as ganas de recuperar o tempo perdido, de vivir unha tolemia que Fellini inmortalizou coa mítica escena na Fontana di Trevi, cuxas augas teñen aínda a pegada de Anita Ekberg. Ela converteu en soño de moitos un baño nesa fonte sempre ateigada de turistas. Fantasía irrealizable tamén para a propia actriz, posto que a escena se rodou nunha copia recreada no "Estudo 5" de Cinecittà, onde se instalou a capela ardente do mestre en 1993.
NA MECA DO CINE
Dalgún modo Roma é aquela cidade imaxinada por Fellini. Pero "La "Dolce Vita" acabou", sentenza Cavicchia. "Xa non existen eses grandes personaxes, agora os actores só están un día para presentar a súa película e están condicionados polos seus axentes publicitarios. Ademais, a xente está invadida pola televisión. Se Grande Irmán bate marca de audiencia, que "Dolce Vita" é? É a amarga vida!".
Ningún comentario:
Publicar un comentario