domingo, 7 de febreiro de 2010

Vinte anos das gaitas de Fraga


Tal día como hoxe hai dúas décadas, o presidente fundador do PP tomou posesión da Xunta de Galicia

RODRI SUÁREZ - Xornal- 05/02/2010

Se o eco musical durase vinte anos, hoxe o Obradoiro soaría a gaita. Non é así. Porén, o que si dura é a resoancia política. E desa deixou moita Manuel Fraga, que tal día como hoxe hai dúas décadas tomaba posesión da presidencia da Xunta de Galicia, tras acadar unha axustada maioría absoluta nas eleccións de 1989 ante o socialista Fernando González Laxe e o conxunto das forzas progresistas.

Foi aquel acto simbólico no político xa que abría unha nova era na autonomía galega pero tamén no representativo. Boa parte da proposta fraguiana resumiuse no corpo daquel evento, adornado por centos de gaiteiros, escenificación que logo se convertería en norma ata 2001. Multitudes arrouparon ao presidente electo, que dotou á súa chegada dun ambiente popular de claro carácter autonomista. Para moitos, con mensaxe.

“Con aquelo, Fraga intentou borrar o seu pasado, especialmente o franquista. Levou gaiteiros e unha posta en escena de raíz galega coa que quixo representar unha conversión ao cargo que asumía”, valora Pilar García Negro, profesora e na altura deputada polo BNG. Dende a contorma do entón investido presidente, negan maior intencionalidade. “O dos gaiteiros só foi a anécdota”, afirma Víctor Vázquez Portomeñe, daquela dirixente do PP galego.

En todo caso, a posesión foi multitudinaria e durou case dúas horas, con paseo dende o Parlamento ata o Obradoiro por unha rúa do Hórreo cortada ao tráfico e croque na Catedral dentro do programa, que tivo continuación ao mediodía cunha comida para 4.000 persoas en Salgueiriños na que se serviu pulpo, empanada, lacón, chourizo, queixo e queimada. Unha romaría popular, ao estilo das que despois serían habituais no Monte Faro. O estilo do PP de Fraga, bastante afastado nesas formas do actual de Feijóo. Quizais tamén no fondo.

Houbo vestimenta galeguista naquela posesión. E Fraga en estado puro, para indignación dos opositores. “O seu discurso foi dun cinismo extraordinario, como cando empezou a chorar dicindo que toda a súa vida fora unha preparación para ser presidente de Galicia. Coñecendo a súa carreira, pareceume unha frase moi desagradable por non dicir algo peor”, critica García Negro.

Por suposto, a visión de Vázquez Portomeñe é radicalmente contraria: “Foi un momento de grande emoción. Era a primeira vez que alguén gañaba os comicios por maioría absoluta e o facía unha personalidade do nivel de Fraga, que fixo que durante moitos anos Galicia se convertese en protagonista a nivel estatal, con propostas como a administración única”.

Chegou Fraga á Xunta hai xusto vinte anos. Permanecería no cargo quince. “Naquel momento, eu pensaba que estaría na presidencia un par de lexislaturas e logo cedería a testemuña, pero a súa resistencia foi espectacular e gozosa”, di Portomeñe. O certo é que, logo de tres vitorias electorais máis, caeu ante PSOE e BNG en 2005. Axudou a aquela derrota un petroleiro, Aznar e Cascos. Por certo, estes dous últimos estaban entre os convidados daquela posesión fraguiana do 5 de febreiro de 1990. Sen gaita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario