Formaba parte do grupo de 75 disidentes condenados na primavera de 2003 con penas de ata 28 anos de cárcere
EFE. Galicia-Hoxe/ 24-2-010
O preso político cubano Orlando Zapata Tamayo morreu hoxe nun hospital da Habana tras 85 días en folga de fame para pedir que se lle tratase como "prisioneiro de conciencia", informaron fontes opositoras.
Varias fontes dixeron que Zapata Tamayo faleceu entre as 15.30 e 16.00 hora local (entre 20.30 e 21.00 GMT) no hospital Amejeiras, onde foi trasladado onte á noite desde un centro médico para reclusos da capital cubana tras a deterioración do seu estado de saúde.
Agregaron que non puideron falar coa nai do preso político, Reina Luisa Tamayo, pero indicaron que uns familiares confirmáronlles a morte.
Elizardo Sánchez, da Comisión Cubana de Dereitos Humanos e Reconciliación Nacional (CCDHRN), declarou que o deceso de Zapata Tamayo, "á parte dunha traxedia para a familia, é unha moi mala noticia para todo o movemento cubano de dereitos humanos e tamén para o Goberno, porque esa morte era evitable".
Considerou que o falecemento deste disidente vai ter "graves consecuencias porque era un preso de conciencia adoptado por Amnistía Internacional (AI)".
O caso de Zapata Tamayo, que formaba parte do grupo de 75 disidentes condenados na primavera de 2003 con penas de ata 28 anos de cárcere, foi exposto por España na reunión sobre dereitos humanos celebrada o xoves pasado en Madrid entre altos cargos españois e cubanos.
O disidente fora trasladado do cárcere de Camagüey, situado 533 quilómetros ó leste da capital, a un hospital de reclusos da Habana o 16 de febreiro pasado debido á gravidade do seu estado de saúde.
A nai do prisioneiro político planea trasladar o corpo do seu fillo á provincia oriental de Holguín para que sexa sepultado na cidade de Banes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario