Emili Teixidor desmitifica no seu último libro a idea de que non existía fascismo catalán: "Os alcaldes e os xefes provinciais eran de aquí"
EFE- Galicia-Hoxe. BARCELONA
Coa precisión e sinxeleza que caracteriza a súa prosa, o escritor catalán Emili Teixidor desvelou o significado de Els Convidats (Os hóspedes) que dan nome á súa nova novela: "Tamén había un fascismo catalán, se non, non os invitamos".
Premio Nacional de Literatura catalá en 2004, Teixidor definiu a súa última obra, editada por Columna, como "unha especie de metáfora para dicir que en Cataluña temos a idea de que todo viña de fóra e o fascismo é unha cousa allea a nós; pero os alcaldes de pobo eran de aquí e os xefes provinciais eran de aquí", recordou.
O novelista regresa coa súa nova creación á posguerra civil española, escenario xa de Pan Negro, a súa obra cume. E esta vez faino para fotografar a vida dun pobo téxtil da zona de influencia de Vic (Barcelona) nos meses inmediatamente posteriores á vitoria do bando "nacional". A acción do manuscrito sitúase no que Teixidor considera "un dos momentos máis duros" da posguerra civil española, cando os republicanos "foron derrotados e non lles queda máis remedio que calar, traballar e sufrir".
Neste preciso instante, a inminencia da voda da primoxénita do terratenente Maties -que reunirá no pobo a personalidades do réxime- detén o tempo, cárgao de presaxios e confírelle un ambiente denso, case opresivo, que rodea as expectativas de propios e estraños. "O poder ditatorial mata o que máis aprecia, porque o seu é un amor egoísta", reflexionou Teixidor, quen revisitou a Cataluña posterior a 1939 porque "hai moitos recunchos que quedaban por descubrir", como "o "fascismo ordinario".
Existía "a ditadura en grande, e despois había as pequenas ditaduras, o pequeno fascismo de cada día", dixo o autor. Con todo, agora que é acusada a profusión de novelas sobre a posguerra, Teixidor reivindicou, "nun primeiro momento", unha "lectura inxenua".
"Un ten que ler para divertirse, porque lle gusta o tema e estes libros -os que tratan sobre a posguerra- gustan porque os lectores dunha certa idade poden engadir cousas" e dicir "isto é certo!, e aínda era peor!", mentres que os mozos poden descubrir retallos da historia do seu país, afirmou Teixidor.
Ademais, ambientar a trama nunha "sociedade pechada permite xogar máis. Son historias que na cidade, na capital, pasarían máis desapercibidas", declarou o escritor en referencia ó pobo ó que chegan as personalidades do réxime.
Nacido en Roda de Ter (Barcelona) en 1933, Emili Teixidor está a piques de ver como a súa novela máis aclamada -Pan Negro- chega á gran pantalla da man de Agustí Villaronga, cun elenco de actores encabezado por Sergi López, Pep Tosar e Laia Marull.
Ningún comentario:
Publicar un comentario