domingo, 28 de febreiro de 2010

Galiza, un dos puntos da trata de mulleres


A Policía detectou en tres anos máis de 1.800 posíbeis vítimas da explotación, sobre todo brasileiras e romanesas. Para Lorente, as mafias entraron xa no sistema

MARGA TOJO- Galicia-Hoxe. 26-2-010

Galiza converteuse nun dos múltiples destinos do negocio global do tráfico de seres humanos. Entre os anos 2005 e 2008 a Policía desartellou na comunidade cincuenta e nove redes dedicadas ao contrabando de persoas con fins de explotación e detectou 1.847 mulleres susceptíbeis de de seren vítimas destas mafias. No 2009 foron máis de 160, a maioría brasileiras ou romanesas, que adoitan introducirse a través do aeroporto de Vigo procedentes de París, Madrid ou Lisboa. Son os últimos datos recompilados pola Policía Nacional, que desvelou o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza, Carlos Varela, o pasado 23 de setembro, Día Internacional contra a explotación e trata de mulleres e nenas.

En Galiza, diferentes estudos contabilizaron 8.000 locais de alterne e 543 persoas que exercen a prostitución na rúa, uns datos que colocan a comunidade na quinta de España por diante doutras como Cataluña, cunha poboación moito maior. De acordo coas contas da asociación de propietarios de clubs de alterne, o negocio da prostitución move cada ano no Estado español 18.000 millóns de euros, pero tamén os medios de comunicación obteñen millonarios beneficios grazas aos anuncios de contactos.

Para o delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, o negocio funciona porque está perfectamente inserido no sistema. "As mafias que trafican con mulleres teñen certo sentido dentro dunha engranaxe social, que está marcado pola desigualdade e que está pensado para satisfacer as necesidades dos homes", asegurou onte no primeiro día das xornadas Trata de mulleres con fins de explotación sexual: unha cuestión de xénero e violencia, organizadas en Madrid pola Fundación Mulleres Progresistas.

Neste sentido, o delegado do Goberno entende, segundo declaracións recollidas en nota de prensa, que a clave está en que o negocio da prostitución "non ten unicamente elementos de carácter criminal senón que está dentro do sistema legal, mediante artimañas como o branqueo de cartos". "Por exemplo -engade-, ante as críticas pola construción dun macro bordel na provincia catalá de Mataró, os responsábeis dos clubs de alterne argumentaban que o seu negocio daba moitos ingresos aos concellos".

Unha clientela cada vez máis moza

Entre 1999 e 2000 as mafias incrementáronse un 20 por cento e os seus membros, un 25%, e as vítimas da trata e os seus clientes son cada vez máis novos. En opinión de Lorente, isto demostra "que se intenta introducir aos mozos nesta dinámica para garantir a continuidade do negocio e facelo sempre desde a culpabilización da muller".

A CERNA

O 80 por cento foron violadas

O delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, cita en nota de prensa varios estudos internacionais para asegurar que entre o 62 e o 80 por cento das mulleres que exercen a prostitución foron violadas e un 7 por cento agredidas físicamente. As mulleres prostituídas teñen unha mortaldade corenta veces máis alta que as que non o foron e en sete de cada dez casos teñen fillos, o 20 por cento dos cales viven con elas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario