Unha mostra en A Coruña recolle a historia do grupo Brais Pinto
XOSÉ MANUEL PEREIRO- El País 05/02/2010
Eran nove rapaces, o maior de 27 anos, que coincidiron en Madrid a finais dos anos 50. Era unha época de miseria tamén cultural, na que na Biblioteca Nacional se espantaban cando alguén pedía un libro de Borges, os pintores pintaban como pintaban seus avós e practicamente non había acceso a publicacións estranxeiras, aínda que se editaran no Vaticano. Sen embargo, aqueles mozos, sen máis medios que a subvención paterna ou salarios precarios, acadaron a súa teima de vencellar a cultura galega coas vangardas do momento. Conectar Galicia con Europa, en palabras dun deles, Bautista Álvarez. Eran Brais Pinto, o grupo que, outra vez máis na historia, tivo que reivindicar e reinventar a Galicia negada. A explicación de quen foron (son) e que fixeron, a mostra Brais Pinto. O afiador revolucionario, pódese ver na Casa Museo de Casares Quiroga da Coruña desde onte ata o día 27 e logo nos concellos que a soliciten.
A mostra empeza por presentar o contexto no que naceu o grupo, chamado así en homenaxe a un afiador que percorreu Europa, URSS incluída, e morreu atropelado en Madrid. Daquela xa existía o planeta político-cultural Galaxia, pero o seu obxectivo concretábase sobre todo na recuperación laboriosa da cultura que deu sobrevivido á Guerra Civil. Algúns de Brais Pinto estaban no Madrid capital do franquismo puro e duro polos seus destinos laborais. César Arias (San Clodio, Ourense, 1931) era un empregado cualificado nunha construtora (e por iso, e tamén porque era quen se encargaba dos aspectos prácticos, cualificábano como "o líder") e Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-Madrid, 1985) traballaba nun banco. Pero a maioría eran estudantes que foran alí para rematar as carreiras, porque daquela nas universidades "de provincias" só se podía cursar o primeiro ciclo. Arias, Patiño e Xosé Luís Méndez Ferrín (Vilanova dos Infantes, 1938), Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931), Ramón Lorenzo Vázquez (Eirapedriña, Ames, 1935), Bernardino Graña (Cangas, 1932), Bautista Álvarez (San Amaro, Ourense, 1933) e Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936- Madrid, 1995) xuntáronse a comezos de 1958. Herminio Barreiro (Dorrón, Sanxenxo, 1937) uníuselles pouco despois.
"O máis sorprendente é que era xente moi nova, que bebían e facían as tolerías propias da súa idade, pero moi conscientes do que tiñan que facer, que erguían un canto de esperanza para a cultura galeguista", comenta unha das comisarias da mostra, Patricia Amil, nun galego que revela a súa orixe arxentina. Ela foi quen propuxo facer a mostra homenaxe, porque seu pai, que fora compañeiro de Patiño no desaparecido Banco de La Coruña, contáballe de nena historias daquela xente, que para ela eran como se fosen da familia: "Non me defraudou cando os coñecín a eles e investiguei o que fixeran. Tiñan unha enorme inquedanza por erguer a bandeira do nacionalismo cultural, nuns anos moi difíciles".
Os anos eran tan difíciles que, como recolle a mostra en palabras de Bernardino Graña, "na Biblioteca Nacional, Ferrín e eu pedimos Borges e saltaban polo aire, non sabían quen era Borges, nin Willian Saroyan. A crítica española non sabía diso". "Os primeiros beats americanos chegaron xunto de nós cando non se falaba aquí da beat generation. Despois démonos conta que aqueles desastrados eran os beats", recordaba Uxío Novoneyra, que frecuentou despois o grupo. "Falabamos e discutiamos, subindo cara a Ópera, sobre Europa, a repercusión dos sucesos de 56 en Hungría, o movemento anticolonialista en África", di Herminio Barreiro. "En materia de pintura o máis alá da vangarda eran Manolo Torres e Colmeiro, cando Kandisky ou Malévich eran dos anos dez", apón Ferrín.
Os nove rapaces saltaron as barreiras da autarquía cultural escoitando as emisións radiofónicas internacionais, de Radio España Independiente (a Pirinaica) á BBC, conseguindo revistas culturais como podían, facendo algunha viaxe en autostop, co material que os emigrados mandaban clandestinamente en barco, ou espremendo as visitas que lles facían Luís Seoane ou Luís Soto. Patiño, sobriño do libreiro vigués Antón Patiño, tiña un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao, que prestaba por rigoroso turno.
A parte central da exposición é o que deron feito ata 1965, no que se desfixeron. Homenaxes a Ramón Cabanillas, que acababa de morrer, e a Luís Pimentel. Outra para conmemorar o centenario da voda de Rosalía e Manuel Murguía na rúa da Ballesta. "Daquela era menos marxinal, estaba máis saneada e era o noso barrio. Estivemos alí aplaudíndolle a Otero Pedrayo, que botou un discurso dende un balcón, absolutamente liberal, precioso. E a filla de Rosalía, que se chamaba dona Gala Murguía, veu e colleuse do brazo de Fernández Ferreiro para ir a todas partes", pódese ler a Ferrín nun dos paneis da mostra.
Tamén asistían ás poucas conferencias do Centro Galego que pagaban a pena, de Dámaso Alonso, Otero Pedrayo ou Ben-Cho-Shey. "Nunha estaba Fraga Iribarne, director entón do Centro de Estudios Políticos de Cultura Hispana. Nós estabamos alí felices oíndo a todo o mundo e rematou o acto dicindo que grazas a Franco, 'gracias a otro gran gallego, en Galicia ya no se emigraba, ya no había viudas de vivos y viudas de muertos'. Entón Raimundo Patiño e Bautista Álvarez levantáronse indignadamente e saíron facendo ruído. E detrás fomos nós, e finalmente, máis xente", recorda o hoxe presidente da Academia Galega. Tamén fundaron a Editorial Brais Pinto, na que publicaron libros, semente das novas escolas artísticas.
O terceiro apartado da mostra, Os Conseguintes, está centrado precisamente "nas portas que abriron", como di a outra comisaria, Xulia Santiso. "De Brais Pinto xurdiron tendencias literarias como a Nova Narrativa Galega, a Escola da Tebra, e artísticas como o informalismo, o grupo A Gadaña...", comenta a conservadora do Museo Emilia Pardo Bazán. Outro dos conseguintes foi a Unión do Povo Galego, a primeira formación nacionalista desde 1936, de tendencia marxista, que crearon algúns dos integrantes de Brais Pinto, con incorporacións como as de Celso Emilio Ferreiro. "Brais Pinto eran a vangarda absoluta. Son a historia recente de Galicia, uniron política e cultura cando aquí non se facía. É un fenómeno non moi coñecido nin estudado, quizais porque todos tiveron despois una traxectoria persoal exitosa", considera a concelleira coruñesa de Cultura, María Xosé Bravo.
"Había xente de varias ideoloxías, unidos soamente polo galeguismo e antifranquismo. César Arias era o mantedor do grupo; Bautista era un tipo de agitprop; Ferrín, a vangarda literaria; Bernardino, un poeta rebuldeiro; Patiño, a vangarda por excelencia; Ferreiro era moi escritor; Ramón Lorenzo, o investigador filolóxico. Os máis españolistas eramos quizais Cribeiro e eu, que nos asentamos tempo en Madrid e andabamos polo PCE", enumera Herminio Barreiro. "O curioso é que eran moi distintos, e cando os entrevistamos démonos conta de que son amigos desde hai moito tempo, falan con confianza e intimidade uns dos outros, aínda que cada un é como é", reflexiona Xulia Santiso. E resume Barreiro: "Daquela había que estar xuntos para facerse oír".
Ningún comentario:
Publicar un comentario