XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ- Galicia-Hoxe 6-2-010
A memoria persoal (tamén a colectiva) está para non esquecer o decurso da historia e para evitar que algúns tenten botar unha lousa de silencio sobre as actitudes e compromisos de moitas persoas que tiveron un labor destacado na defensa das liberdades e na loita contra os totalitarismos. Cada biografía é única e cada traballo, realizado desde as posibilidades de cada quen, fundamental para comprendermos a débeda contraída con tantos homes e mulleres que deron canto tiñan -a súa liberdade, os seus dereitos, a súa familia? mesmo a vida- nunha loita desigual de razón contra opresión, de cultura contra violencia. Dos moitos exemplos que poderiamos incluír nunha interminable lista de xente do pobo, de aquí a aló, recollemos o de Mercedes Núñez Targa (1911-1986), unha galega-catalá que comprometeu a súa vida coa causa republicana, o labor sindical, a reorganización do Partido Comunista? nos anos da preguerra e nos posteriores de contenda civil. As consecuencias desas actitudes comprometidas foron a detención e o paso por diferentes cárceres e campos de exterminio en Francia e Alemaña.
Do seu periplo vital, é hoxe o seu fillo Pablo Iglesias quen mantén a memoria da nai e actualmente realiza labores de delegado en Galicia da Amical de Mauthausen e outros campos. Dunha parte desa intensa biografía, Mercedes Núñez deixou o seu testemuño escrito neste libriño esencial para coñecermos o valor da liberdade e a dureza do penal. Cárcel de Ventas (vertido ao galego no ano 2005 por iniciativa de Carme Vidal en edición d"A Nosa Terra) publicouse no ano 1967 na parisiense colección Ebro, cando xa pasaran máis de vinte e cinco anos desde o seu ingreso naquela prisión acusada de "axuda á rebelión". Estas páxinas ateigadas de dramatismo (e mesmo algunhas notas de humor) representan a necesidade da escritora de colocar no circuíto da historia a secuencia memoralística do drama, o terror, a morte, a represión? O volume inclúe un limiar do poeta Marcos Ana (que vén de cumprir noventa anos e pasou vinte e tres anos na cadea franquista, foi condenado a morte en dúas ocasións e torturado) que define o libro de Mercedes Núñez (sensible, fluído e fresco) como unha reportaxe da prisión, recomendable e verdadeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario